O mes das flores chega pouco a pouco á súa fin. Chega con calor e con certa liberdade para os encerrados, oprimidos, pechados, encarcerados desde o 14 de marzo. Non obstante, sigo dicindo que... pobres topos aqueles da ditadura franquista. Son as catro e media en

punto da tarde. En punto, nin minuto arriba nin minuto abaixo. O sol aperta. Anita O'Day canta en inglés. Eu escribo en galego. E moitos galegos soltan o castelán. Non vaia ser que... Cambio de tema. Non vaia ser que moleste, que amole, que importune, que xiringue. Ufff, que palabra máis chula. Para que despois digan que o galego tal, que o galego cal. Por Deus, falade incluso o "castrapo"!, que algo sempre é algo, algo sempre queda. Puto Sanjenjo! Pero de los marcos de las leiras bien que me acuerdo. Phillip Glass soa cun tema da película "O ilusionista". De ilusións vivimos moitos. Pero é bonito vivir delas. E da esperanza, da esperanza si que é bonito vivir, aínda que amole tamén de carallo. Pero... pero non todo ben dado. Uns e outros temos que axustarnos ás veces ás migallas de pan que hai polos camiños. A vida algunhas veces escaralla, pero xeralmente, se un é competente tira para adiante, bótalle peito ó asunto e aquí paz e despois gloria. Como ten que ser! A vida é unha bágoa e dous sorrisos. A bágoa xa caeu. Os sorrisos están aí e estarán sempre. Ninguén me vence con catro paus mal dados! Agora deixo que a tarde transcorra paseniño e que a nostalxia dun recordo ou dun encontro asente con parsimonia no meu peito. Por veces, son así de profundo. Aínda que afogue.