Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

124 anos do nacemento de Xosé Crecente Vega

miércoles, 03 de junio de 2020
Nada de canto existe lle era estrano.
Viviu con humildade e sinxeleza.
Amou, coma ninguén, á natureza,
á xente, ós animais, ó cotidiano. (Manuel María)

Este tres de xuño cúmprense os cento vinte e catro anos do nacemento de Xosé Ramón Crecente Vega na parroquia de Santa María de Outeiro, concello de Castro de Rei, en pleno corazón da Terra Chá. Era fillo dos labregos Eugenio Crecente Murias e Remedios Vega Murias, veciños do lugar de A Ponte. Foi bautizado o mesmo día tres de xuño polo coadxutor da parroquia, José Antonio Castelo. Era o segundo de seis irmáns catro homes e dúas mulleres . A casa na que naceu o noso poeta era coñecida como a Casa da Ponte e está situada a carón do río Miño. Segundo di Manuel María: “en Santa María de Outeiro o Miño, aínda infante, leva nas súas cristalinas ondas, toda a música gregoriana aprendida dos bernardos de Meira e que o río lle transmitíu ó poeta”.

Aprendeu as primeiras letras na súa parroquia nativa e por alí, á beira do pai Miño, en contacto coa natureza, transcurriu a súa nenez. ¡Cantas veces non oiría o canto do paspallar na pradela, como escribiu nos versos de Codeseira!: O paspallar é poeta, / o seu canto “paspallar”. / Cántalle ó sol polo día / e pola noite ó luar [...] ¡En cantas ocasións non brincaría con outros nenos da súa idade cando ían coas vacas pola beira do Miño, ó pé do vello muíño que el tan ben cantou!: [...] Tes sede fera, / fame de can, / larpeiro de auga, larpeiro de pan. / Cantando o teu larán-larán / larpando vas canto che dan [...] ¡Cantas non percibiría o arrecendo a cocedura que abre as ganas de comer como di no poema de Codeseira, titulado “O noso pan de cada día...”!: [...] Xa queda o pan a cocer. / Xa hai siñales de fartura: / Un recendo a cocedura / que abre as ganas de comer. [...]

Cando Crecente ten catorce anos vai para Mondoñedo, de quen escribiu Cunqueiro, “cidade de Galicia sonada polos bispos e polo cabalar das San Lucas. É rica en pan, en augas e en Latín”. Esa riqueza en Latín venlle dada polo vello Seminario Conciliar de Santa Catarina a onde vai estudiar o noso Crecente e onde collerá amor pola lingua de Cicerón, da man do latinista Xosé María Chao García. Desde o curso 1910-11 ata o curso 1917/18 fai catro anos de Latín e Humanidades, tres de Filosofía e catro de Teología con Meritissimus (hoxe sobresaliente -9) en todas as asignaturas agás en 1º de Solfeo.

Xosé Crecente Vega recibe o dous de febreiro de 1919 a Prima Clericalis Tonsura e os días nove e dezaseis do mesmo mes, as chamadas Ordes Menores (Lectorado, Acolitado, Exorcistado e Ostiariado). O día quince de marzo recibirá o Subdiaconado e o cinco de abril o Diaconado na Capela do Seminario. O 20 de decembro dese mesmo ano, 1919, despois de obter de Roma a dispensa por defecto de edad (faltábanlle seis meses para te-la idade requerida para ser ordenado sacerdote), recibe o Presbiterado pola imposición de mans do Bispo Juan José Solís.

Ocupou os seguinte cargos pastorais na diocese de Mondoñedo-Ferrol: o un de xullo de 1920, foi nomeado Coadxutor de San Xiao de Narón e Santa Rita de Xubia, con “residencia en Xubia”. Tratábase dunha coadxutoría de nova creación erixida na igrexa de Santa Rita de Xubia, que daquela non era parroquia e dependía de Narón. Os días 27 e 28 de setembro de 1922 participa nun Concurso de curatos que se celebrou en Mondoñedo e no que obtén o número tres con vintedous puntos, sendo a máxima puntuación a de vintecinco puntos. O vintesete de xuño de 1923 toma posesión como párroco de San Xiao de Narón.

A estadía do noso poeta en terras de Narón quedará reflexada en varios dos seu poemas. Así en Codeseira está o soneto titulado “O Ankos”: [...] ¡Ouh Ankos! Cheio de maxestá, parés / un xigante que caíu ferido / ou que ó marmulo se quedou dormido / do río de Xubía, que lle bica os pés. [...] Ou nos poemas tanto tempo inéditos en galego “Pinares das mariñas de Ferrol...”,do que son estes versos: [...] Pinares de Meirás e de Lourido, / de Narón e do Ancos e do Pouso; / tódolos que zoades, / co’ise zoído doce e queixumoso, / desde San Sadurniño hastra Mandiá, / desde Pantín ó Couto. / [...] ou no soneto titulado “Carreteriña de Narón” que empeza con estes versos: ¡Carreteriña de Narón! Ti, miña / amiga fiel de tempos suspirados [...] Durante a súa estadía como Párroco de Narón, Crecente Vega fai o bacharelato por libre nos Institutos de Ferrol e de Ourense entre 1928 e 1931. En 1931 comeza a facer Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, acadando a licenciatura, en 1935, na Sección de Linguas Clásicas da Universidade de Salamanca. A Guerra Civil sorprende a Crecente Vega en Madrid onde estaba a face-¬las oposicións á Cátedra de Latín. O cinco de setembro de 1939, desde a parroquia de San Xiao de Narón, Xosé Crecente Vega envía unha solicitude ó Bispo da Diocese de Mondoñedo, na que lle di: “Que, por motivos de salud, no le conviene residir habitualmente en Galicia. Por lo cual a V. E. humildemente Suplica se digne admitirle la renuncia de dicho beneficio. A renuncia foille aceptada.

En setembro de 1938 foi nomeado para o Instituto de Ciudad Real, onde estará ata o 10 de abril de 1939. Aínda que, todo hai que dicilo, o bautismo de Crecente Vega nas aulas, como profesor, tivo lugar a comezo dos anos trinta no Colexio “León XIII” de Vilagarcía de Arousa onde impartiu clases de Latín. Xa rematada a Guerra Civil, o 21 de outubro de 1940, Crecente Vega foi nomeado profesor do Instituto Ramiro de Maeztu de Madrid. O 28 de agosto de 1941 foi nomeado, por oposición Catedrático de Latín no Instituto de Antequera (Málaga). O sete de outubro de 1942 foi trasladado, como Catedrático de Latín, ó Instituto de Segovia, do que sería nomeado Director o 24 de outubro do mesmo ano, de 1942, cargo que desempeñaría ata o seu pasamento que tivo lugar en Segovia ás cinco da tarde, do 21 de marzo de 1948. O seu pasamento foi totalmente inesperado, aínda que nun poema seu hai uns versos premonitorios: No oco mouro da noite / resoa a ladrar de cas. / Semella que dan a morte. Os funerais tiveron lugar o día 23 de marzo, na igrexa de San Miguel que é onde ten a sé a parroquia de Santa Bárbara , ás dez e media da mañá, con asistencia do Bispo da diocese castelá. Ás seis da tarde tivo lugar o enterro no cemiterio do Santo Angel de la Guarda, onde, foi soterrado no nicho 77 da segunda galería, do segundo patio onde repousaron ata o 20 de novembro de 1998. Ese día Segovia amencía cunha mañanciña de sol, anque xélida. O nicho onde estaban os restos de Crecente, no cemiterio do Santo Angel, foi aberto e o seu cadáver, despois de cincuenta anos, estaba medio momificado, coas vestimentas sacerdotais perfectamente conservadas. Á noitiña, os restos de Crecente Vega chegaban á parroquia chairega de Santa María de Outeiro, mentres as campás da igrexa tocaban a morto. Na casa natal en Ponte de Outeiro, á beira do pai Miño, serían velados polos seus familiares e amigos. Ó día seguinte, 21 de novembro, os seus restos foron trasladados á igrexa parroquial de Santa María de Outeiro onde entraron portados por catro sacerdotes. Alí celebrouse un funeral en galego que presidiu o Bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, don José Gea Escolano, e que concelebraron uns vinte sacerdotes. Logo os restos de Crecente Vega ocuparon a sepultura aberta na entrada da igrexa. Na lápida de granito, que os cobre, está o seguinte epitafio:

Xosé Crecente Vega
Sacerdote e poeta
Outeiro 1896 – Segovia 1948

R I P

+

Son aquel eu, co meu cantar no pico,
Coa miña estrela a rebrilar na frente.
¡Son aquel eu, que non morreu aínda!

21 –novembro- 1998

Deste xeito viuse cumprido o desexo de Crecente Vega de xacer na súa Terra manifestado nestes versos seus: Ventiños amorosos / das chairas de Castela / que vades lixeiriños / de cara á miña terra, / decislle, airiños aires, / coas vosas doces verbas, / decislle que inda quero / xacer outra vez nela, / volver a pór meus ollos / na súa cara meiga, [...]

A continuación, na mesma igrexa, celebrouse un acto literario.

Crecente Vega en vida só publicou un libro de poemas co título de Codeseira en 1933. En 2002 a Xunta de Galicia, a través do Centro “Ramón Piñeiro” publicou unha edición de toda a poesía en galego de Crecente co título de Folla bricia. Poesía Galega completa.

Eu imaxínome a Xosé Crecente Vega polas Chairas do Ceo -coma no lembradoiro que lle adicaron uns amigos e que escribíu Álvaro Cunqueiro- “coa aguillada na man i a súa pucha pacendo” coa Teixa e a Gallarda, “naquelas herbas sempre verdes, cantar aquela codeseira de codesos –erma e triste, onde eu alindei meu gado-“, escoitando o larán-larán dun muíño, vendo pasar –camiño da feira- o velliño das barbas brancas montado na súa egua, e bebendo na fontiña serea e clara ó tempo que escoita o canto do paspallar na pradela e lle chega un recendo a cocedura que abre as ganas de comer.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES