Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Daniel, irmán

viernes, 04 de abril de 2008
Presentouse en Lugo o libro “Daniel Hortas. La radio en el corazón”. Máis de trinta firmas entre as que, por honrosa invitación, se colou a nosa, refiren a personalidade deste mestre de xornalistas. No noso escrito, referido a Foz, decimos:
“Aquela chamada na mañá do día 8 de xuño de 2000 deixounos abraiado; a voz familiar nos comunicaba a triste nova: morrera Daniel. Poucas horas antes falara con nós e anunciara a súa viaxe a San Martiño para aquela fin de semana. O domingo íamos comer xuntos; sería a primeira vez dende a súa homenaxe no hotel Mindanao de Madrid, á que asistíramos. A amistade viña dos anos 50, estudante nós en Lugo. Daniel encetaba a súa carreira de xornalista na emisora local. Era un rapaz.

Por esta relación, no verán de 1958 apareceu en Foz, dacabalo da súa “Vespa” para presentar ás entón famosas Hermanas Fleta que actuaban na Pista “Bahía", un negocio da nosa familia, acompañadas ó piano polo montador musical de Radio Madrid, Rafael Trabuqueli. Por certo que aquela velada resultaría histórica no “currículum” do dueto pois foi o último traballo como tal; tres días mais tarde Paloma voaría a EE.UU. para casar con un norteamericano e a irmá seguiría en solitario a súa carreira de cantante co nome de Elia Fleta.

Daniel foi con Alvaro Cunqueiro, Chao Espina, Jorge Víctor Sueiro, Juan María Gallego Tato e outros, colaborador na revista “A Rapadoira”, que nós fundáramos o ano 1962.
A él se debeo que á “II Feira de Arte Popular”, en 1972, certame promovido polo que suscribe, acudise un stand de artesanía da “Ciudad de los Muchachos” ourensá, onde dirixía Radio Popular. Fora o gran atractivo.

En 1987 o Clube Náutico, presidído por nós, organizou unha regata “Fortuna” de Winsurf. Él a fixo posible, a pesar de que a empresa patrocinadora, Tabacalera, da que era xefe de prensa, tiña pechado o calendario de regatas para aquel ano.

En 1988 a Asociación de Comerciantes, que presidíamos, convocou un importante concurso periodístico que exaltase os atractivos turísticos da bisbarra. A mediación de Daniel fixo posible a presentación do mesmo na capital madrileña perante un feixe de prestixiosos xornalistas, primeiros espadas da prensa, da radio e da televisión.

Á entrega de galardóns en Foz asistiron algúns tan coñecidos como Ramón Sánchez Ocaña, Luis Mariñas, Manuel Almendros, Moncho Alpuente, Ramón Pernas, Cristino Alvarez, Elías Rodríguez, José de Cora, Faustino Alvarez, director de “La Voz de Asturias”…

Chegada a xubilación, Daniel ansiaba voltar á terra. A nosa intervención fixo que mercase unha fermosa casa en San Martiño de Mondoñedo: disfrutouna un verán.
¡Cantos proxectos albergaba aquel home grande, de dous metros de bondade, para a estadía na casa de San Martiño!. ¡Cántas horas de convivencia nos agardaban!
Mais aquela chamada da mañanciña do 8 de xuño botaba por terra tódolos plans...
Cando Daniel nos presentaba a un amigo, decíalle: “iste é o meu irmán de Foz”.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES