Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Do que non entendo

lunes, 01 de junio de 2020
Do que non entendo Aguantei coma os heroes. Aínda aguanto coma os heroes. Que en todo o confinamento e en todo o que vai de desconfinamento non falei para nada de política. Nin aquí nin polas redes sociais. Por estas xa hai moito tempo que non falo.

Porque axiña descubrín que cada quen barrena como pode. E tanto na política coma no fútbol somos moi cerrados. Así é que como sei que non vou convencer a ninguén e tampouco me vou deixar convencer, a mellor solución é non meterse en camisa de once varas ou meterse ó mar sen roupa de augas, que é o mesmo. Non quero perder amizades polo valor dunha palla ou por unha mexericada, que tamén é o mesmo. Todos sabemos ou polo menos deberiamos saber que a política é moi traidora. Agora mesmo ata creo que o fanatismo por esta quítalle o posto a aquel fanatismo que houbo sempre polo relixioso. As relixións foron sempre as maiores propulsoras das guerras. Coidadiño entón coa política. E moito coidadiño coa nosa política. Non é a primeira vez que confeso que en calquera momento véxome en Portugal. Algúns ata poida que pensen que son algo pesimista (eu, que sempre tiven o optimismo bailando sobre o meu peito), pero vense e escóitanse detalles e cousas que non queda outra que pensar que isto pinta moi mal. Aínda estamos a tempo de rectificar.

Onde xa non hai rectificación son nas eleccións galegas. O noso presidente Feijóo anunciounas para o 12 de xullo. Vendo a situación e caendo na conta de certos pormenores dáme non sei que de que isto cheira mal, ou mellor dito, de que isto semella máis un “pucheirazo” ou fraude electoral que unhas auténticas, necesarias e legais eleccións. A non ser que foramos moi listos e que, con heroicidade, fixésemos que a Feijóo lle saíse a galiña choca ou que lle saísen as contas furadas, que segue a ser o mesmo. Certo, pedir isto nesta nosa Galicia é como falar para a feira. Pero, sabedes, aquí pásame o que comentaba ó principio: que eu xa sei quen son os meus e nin mitins nin acarreos nin campañas me van convencer que vote por outros. E os que voten mal, que vaian logo a confesarse e a esbardallar ós bares, que aquí todos somos uns santos e ninguén meteu os pés na argola ou os pés polas mangas, que, vaia, tamén é o mesmo. Perdón por falar do que non entendo.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES