Proseguimos con outro poema de loita escrito en cuartetas octosilábicas asonantadas, de rima / - a - a /, ou tamén /a b c b /, que derivan da representación en hemistiquios separados do antigo pareado de versos compostos, tal como nos explica Navarro Tomás na súa Métrica. (2)
Agora ben, cales son os instrumentos lingüísticos de loita empregados por Avelino?
1º.- A utilización de dous versos negativos, os dous primeiros, para nos dous seguintes explicar o modus operandi; por exemplo:
"Non reces, qu-é de cobardes
rezar, i-é cousa cativa;
e Deus, anque se lle pregue
ós debles non fai xusticia".
2º.- Se no punto anterior viramos o comezo da cuarteta cun adverbio negativo; nesta observamos un predominio dos verbos en imperativo, verbi gratia: dá, fai, colle, ista, tés, etc., cos que comezan as estrofas e como funcións apelativas da linguaxe, que son, inflúen no receptor, é dicir, no lector, na segunda persoa, de tal maneira que, o seu comportamento, o do ti, o do lector, vese manexado por ese imperativo que inflúe e excita ao lector:
"Colle, pesantes martelos
e déixaos caer enriba
dos cráneos dos desleigados,
esmágaos para que non vivan".
Todo o poema é unha proclama de loita, cominando ao lector galego, e sobre todo ao labrego, o non vivir en escravitude, e rebentar as cadeas para loitar en contra dos poderes que nos teñen encadeados, chegando incluso a exhortarnos ou inducirnos para facer das rellas dos arados "fouces a chuzos" e coller "pesantes martelos" como dixemos na cuarteta anterior para "esmagar os cráneos", que nos recorda ao Espronceda da Desesperación (3)
..."y allí un sepultero
de tétrica mirada
con mano despiadada
los cráneos machacar"

Seguindo por instar aos cans dos palleiros "para que adenten aos canallas" e dos "foguetes das queimas/ en festas e romarías/ fai potencia vengadora/ que te salve e te redima/". Continúa coa cita da "...noite da Frouseira/ non debe ser esquecida/" como alusión á traizón ao Mariscal Pardo de Cela, do que falaremos nos próximos poemas. Remata este dicindo que é "...a casta caciquil/ a túa meirande nemiga/ ...non te axionlles diante deles/ ...i-en troques das suas treicións,/ dalle tu rexa paliza".
NOTAS:
1.- DÍAZ, Avelino.- Debezos. Páxs. 22-24
2.- NAVARRO TOMÁS. T.-Métrica española.Ed. Labor. Barcelona 1995. Páxs 67, 76...
3.- ESPRONCEDA, José de.- Poesías Completas. Ed Bruguera, 1971.