Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un paseo polo interior da Muralla de Lugo

viernes, 04 de abril de 2008
De madrugada, quedei satisfeito. Estiven tecleando no ordenador a miña opinión sobre a Ronda interior da Muralla de Lugo, e cando xa rematara, o meu ordenador viviu –digo vida porque eu coido non ter intervido para nada no accidente- un acontecemento que rematou coa perda do escrito, tendo que comezar de novo.

Inicieino por segunda vez, á vez que imprecaba contra os deuses da técnica que me fixeron unha faena das que eu pensaba que xa non me ían volver ocorrer desde que sei premer simultáneamente as teclas “control” e “z” para recuperar perdas de texto. Polo menos, na segunda ocasión conseguín o meu propósito, e o texto permaneceu gravado.
Vou coa Muralla, en relación coa que vivimos tempos dinámicos, tempos que prometen aínda tempos mellores para o noso primeiro monumento.

Non hai moito tempo, o compañeiro na Asociación de Amigos da Muralla e Vicepresidente, Daniel Varela Piñeiro, foi facendo un exhaustivo estudo da futura e posible Ronda Interior da Muralla, estudiando cada tramo co coñecemento do experto, evidenciando as necesidades pero tamén as posibilidades dese contorno para converterse nunha nobilísima zona da capital na que puidesemos contemplar o noso gran muro, pasear, repousar, e sobre todo valorar a realidade dun monumento case bimilenario incardinado nunha cidade, á vez moderna e antiga, como un anel de compromiso intemporal, a través do tempo; coa memoria de todos os devanceiros, e co espíritu de todos os lucenses do futuro.

Como o traballo de Daniel lle levou o seu tempo ó ir expoñendo tramo a tramo en cada revista oral (como mínimo falo de tres anos e medio ou catro), neste periodo tamén foi evolucionando o criterio en relación coa ronda interior, pasando do rexeitamento ou menosprezo á aceptación e vontade oficial de conseguila. Porque as opinións sobre este e outros temas relativos á muralla son case tantas como expertos. Entre elas, a dos que opinaban que a muralla nunca debeu ser liberada dos edificios adosados polo exterior, e que de ningunha maneira debían quitarse os do interior, por ser xa elementos consolidados, asumidos pola muralla, incorporados a ela, sendo estas achegas pétreas muralla mesma ós efectos de conservación e protección.

Pero a realidade foise impoñendo, e a batalla nunca emprendida legal nin socialmente foi comezando a decidirse polo propio peso da influencia da muralla na cidade, nas persoas e nas institucións.

Á beira do antigo Gran Teatro, aínda de propiedade privada, xurdiu un pequeño tramo camiñando cara á Deputación Provincial, como desde o edificio da Seguridade Social xunto á Porta Falsa se camiñou cara ó Pazo provincial. Foron etapas.

Como etapas foron os avances realizados preto do Instituto Xoán Montes, xunto á antiga Comisaría de Policía, no edificio que da cara á Rúa das Nóreas, o aparcamento de Ánxel Fole... que se xuntan á pista de deportes do Colexio dos PP. Franciscanos, O Cantiño ou o Carril de frente á Catedral, e as accións do concello de Lugo tendentes a abrir espazos inmediatos á Muralla para co tempo completar este orixinalísimo paseo, das que o mellor exemplo é o tramo entre a Rúa do Teatro e Nóreas.

O proceso segue, e o Concello ven de chegar a un acordo cos propietarios de terreos existentes no chamado Carril das Estantigas para preparar un novo tramo desta futura vía que saneará definitivamente unha zona ata agora depauperada e, vista desde a muralla, ofrecerá unha moi interesante perspectiva ó camiñante.

Para abrir cara á Ruanova só habería que mercar unha casa; para darlle saída á Rúa de Montevideo, chegar a un acordo coa Consellería de Educación... Outros dous edificios impiden xuntar Nóreas coa Rúa do Teatro, pasando pola praza do Cantiño... Todo depende de que o Concello de Lugo obteña fondos do Plan Urban da Comunidade Europea, que serán parcialmente destinados a esta nova vía, a facilitar o seu trazado, eliminando obstáculos que ata agora pechan esta Ronda Interior.

De San Fernando a San Froilán, soamente unha barreira. Outra barreira existente entre a Rúa do Teatro e a calella da Deputación, é doada de eliminar, e as terrazas do Círculo das Artes van desaparecer aínda que vai permanecer o seu carácter de privado, polo que o concello vai ter que aplicarse ó tema se consegue eses fondos, que son da clase dos que permitiron a Pontevedra restaurar unha importante zona da parte antiga da cidade.

Pero o máis importante do proxecto e do trazado parece estar na zona traseira da Deputación Provincial, nos fermosos xardíns que están agardando incorporarse a esta nova vía e espazo de lecer, agora propiciadas pola coincidencia de cor política dos máximos gobernantes de ámbalas dúas institucións.

De feito, Alcalde e Presidente da Deputación, teñen xa conversado sobre este feito e chegado á conclusión de que o destino lóxico destes xardíns é o de ser abertos ó público para que formen parte da magnífica ronda soñada por Daniel Varela Piñeiro e por todos os que amamos a muralla, e que consideramos que non só pode ser vista desde arriba e desde fóra senón tamén e de xeito moi especial, desde dentro, nun espazo sen parangón en todo o país.

Máis aínda: Alcalde e Presidente están de acordo en dotar a esta zona axardiñada dun espectacular avance tecnolóxico, a rede wifi, que permita a conexión gratuita a Internet. Así, todo usuario que leve un ordenador poderá desde aquí conectarse co mundo enteiro a través da Rede mentras disfruta do contorno de pedra que os romanos prepararon para a defensa da cidade, sen saber que o maior papel do monumento será precisamente o de facer que os lucenses disfrutemos da paz, da cultura, da técnica, nun mundo que os romanos fundadores non entenderían.

Eu enténdoo e quero disfrutalo. E paréceme perfecto que as institucións se impliquen na consecución da Ronda Interior. Ronda que queremos disfrutar persoalmente, cos nosos fillos, cos nosos netos...

Polo que a min respecta, teño que recoñecer que hai no tema un moito de egoísmo, porque se me conecto a Internet vou precisar dun membro das novas xeracións da miña familia, para que me oriente en non perder os papeis, a información ou o sinal.
Que todos disfrutemos da futura, posible, magnífica, Ronda Interior da Muralla romana de Lugo.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES