Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Do plan bulleiro o '5G'

viernes, 22 de mayo de 2020
Cando Victorino Núñez planificou o seu famoso “Plan Bulleiro” destinado a dotar de servizos básicos de comunicación (pistas e alumeado público) e hixiene (auga corrente e rede de saneamento) ás máis de mil parroquias e non sei cantos milleiros de núcleos de poboación da provincia, foron moitas as voces -incluso políticas e institucionais, mesmo da súa formación política ou da resultante cando procedeu á unificación- que ó mesmo tempo que executaban os contratos puñan en dúbida a viabilidade dos proxectos en execución porque “total, en 15 ou 20 anos, quen vai vivir aquí!”.

Non é a miña intención acender o foco crítico contra ninguén en particular, senón facer unha reflexión de conxunto coa perspectiva que dá o tempo e no medio do contexto actual que nos obriga a mirar cara o futuro cos ollos ben abertos e, probablemente, cunha predisposición para encaralo con audacia proactiva que non había daquela.

Unha inexistente predisposición que levou a executar políticas municipais en clave de decadencia (transformación de antigas escolas unitarias en velatorios, peche de locais sociais e teleclubes que só se abrían -e se abren agora- como mesas electorais, abandono total de políticas agrarias, gandeiras ou forestais, etc...) e non de planificación para o asentamento da xente nova no medio rural, aínda que o seu traballo non fose nunha granxa, nunha explotación agrícola ou nun proxecto forestal.

Pero o certo é que o Plan Bulleiro executouse e por fortuna hoxe non só é posible achegarse en coche á practica totalidade das aldeas da provincia -incluso a moitas agora abandonas-, senón que tamén contan ademais con iluminación, abastecemento de auga e saneamento. É dicir, todas elas dotadas dos servizos esenciais para poder acoller poboación en condicións habitacionais que agora, máis ca nunca, se consideran privilexiadas.

É certo que hoxe precisamos, ademais, doutros servizos elementais, coma a comunicación de datos, porque calquera actividade profesional que se queira desenvolver dende elas -e non ten por que ser ningunha actividade do sector das TIC, é dicir, da información e das comunicacións-, precisa inexorablemente dun acceso á rede en condicións mínimas.

Pero a tecnoloxía “5G” seica está ás portas. Imaxine, entón, benquerido lector, no contexto actual (no que xa están en revisión os nosos xeitos de vida cotiá e as novas necesidades básicas de cohabitación), que ancho mundo se nos abre en provincias fundamentalmente rurais coma a nosa.

Seguro que hai mentes pensantes máis informadas cá miña traballando niso. Mesmo algúns alcaldes coma o de Verea -poño por caso- xa o fixeron público. Por iso a pregunta que eu lanzo ó aire é por que non se deseña un gran portal (único!) no que se recolla e se promocione a venda de predios e casas situadas en moitas das nosas aldeas, cara as que estarán ollando nestes intres nas súas memoria confinadas milleiros de familias urbanas e macrourbanas, que levan dous meses sen saberen o que o sol dourando coas súas raiolas na caluga.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania