
¿Desescalamos? Denantes de poñérmonos a inventar palabras mellor é que recorramos as que temos e serven perfectamente: a min gústame máis dicir descendemos. ¿ Pero realmente descendemos? : segundo como se mire porque semella que mentres uns descendemos outros ascenden.
Explícome: nestas crises tremendas nas que conflúen serios problemas sanitarios e económicos sempre hai quen trata de sacar partido, de facer negócios a costa das desgracias da xente. Nas épocas da escasez aparecían os estraperlistas e os traficantes que chegaron nalgún momento ata trapichear coa penicilina, era frecuente que a xente acudira aos Montes de Piedade cambiando pertenzas por diñeiro e moitos botábanse á rúa coa man estendida para pedir esmola. Resulta curioso observar como nestes tempos chamados eufemísticamente difíciles aumenta ostensiblemente a curva da pobreza ao tempo que crecen as grandes fortunas. Para que haxa uns poucos ricos é necesaria a esistencia de moitos probes: aqueles non poden estar sen estes.
E agora estamos mergullados nunha crises sen parangón na que xa só queda gritar ¡sálvese quen poida! Aos que non abate o covid-19 derrúbaos o descalabro económico e mentres todo isto acontece algúns aproveitan a circunstancia para sacar partido desta situación sexa coma sexa especulando con todo o que lles cae á man. Un exemplo palpáble é o das mascarillas sobre cuxo uso hai opinións para todos os gustos. A xente ten medo, incúlcannos medo e corremos ávidos na procura daquilo que dalgunha maneira mitigue o pánico, e xa que logo estamos dispostos a pagar o que nos pidan por ese aparello para tapar a boca e o nariz. Aparecen no mercado varios tipos cada un máis sofisticado ata o extremo de ver pola rúa un desfile de mascarillas que xa van marcando moda e tendencias.
Dime que mascarilla levas e diréiche quen es. Non sería estraño que as grandes marcas puxeran xa no mercado mascarillas fashion. En puridade só son necesarias nos lugares pechados ou cando non sexa posíble manter a distancia interpersoal e serían suficientes as denominadas hixiénicas ( as máis baratas) pero as solicitadas son as máis sofisticadas. Nun supermercado da miña vila estába a venta unha caixa desas chic ao prezo de 50. Unha mascarilla hixiénica denantes da crise custaba máis ou menos 20 céntimos. Está clara a manobra especulativa.
Pero hai máis: a estas alturas nas que aínda non está resolto nin moito menos o problema sanitario semella que este ten que deixar o protagonismo ao económico. Os ingresos importan máis cos decesos. Impera iso de ande yo caliente, muérase la gentepero non nos decatamos que todos somos xente e o covid-19 non vai distinguir entre consumidores e provedores. Isto algúns inbéciles e escuros non o entenden, non ( E. Pondal dixit). Coma ese grupo de estúpidos que se manifestou nesa rúa do barrio de Salamanca pedindo liberdade para botarse á rua e a dimisión do goberno cubertos algúns coa bandeira española confundindo patria con patrimonio. Resulta alarmante o nivel de estupidez imperante na nosa sociedade que se pon máis evidente cando os inbéciles forman piña.
O profesor e filósofo Carlo Cipolla ten un suxerente traballo sobre a teoría da estupidez titulado Allegro ma non troppo no que teoríza sobre o poder que no mundo ten o grupo da xente estúpida. Argumenta que o estúpido nace: así como un nace cos ollos azuis, nalgúns a estupidez é innata. E non debemos subestimar ao grupo dos estúpidos que abrangue proporcionalmente a todo tipo de clases sociais.
A estupidez, coma o covid-19 non entende de clases e isto é o que non saben os estúpidos.