O Día da Terra con poesía (III)
Sampedro, Pilar - jueves, 21 de mayo de 2020
Ecopoema número N
Decidín escribir un ecopoema
Púxenme a unir palabras
Terra Nai Planeta
Terra Espazo Misterio
Terra Casa
Non. Volverei comezar
Peto na túa porta, Terra
comana porta da nai
Berro o nome que me deron,
que me dou
soneu son eu son eu son eu son eu son eu son eu son eu son eu son eu son eu son eu
Tampouco. Volvo ao comezo
O sabio dixera que había que pisar suavemente sobre a terra
Falara do respecto a todos os outros
pero nós -gamberros de barrio-
só atendíamos ao medo
e producíronse grandes inundacións,
volcáns ingobernables, ese lume líquido,
incendios salvaxes,
terremotos incontrolábeis. A terra coma un flan que se esfarela
Tsunamis: o mar feito ola.
A terra convertida en fluído que se derrama.
O vento feito deus nos furacáns.
Avalanchas e aludes: o xeo, a neve, as rochas, o chan, a vexetación deslizándose nun baile demoníaco.
Tormentas de área sobre os refuxiados. Non hai deus, que dúbida cabe?!
Ciclóns, tifóns: a forza do vento
ai, se escollera onde situarse!
Catástrofes naturais, desastres naturais, horrores naturais
todo NATURAL.
Vulnerabilidade.
Risco
Ás veces espertas furiosa,
si,
falo contigo,
de ti,
Terra,
outras veces resistes
Sordamente
as animaladas dos irmáns pequenos
así nos chamaban, cargados de paciencia, os arhuacos aos homes brancos
Volver ao principio
Nai Terra
Pachamama
Planeta
Fermosura natural
Acolles, acubillas, críasnos
Peto. Chamo. Declaro.
Queremos falar coa terra,
deitarse nela e escoitala. Sentir a súa respiración acompasada á nosa
percibir as veas que a percorren en forma de augas subterráneas,
Camiñámoste.
Escoitar o mar como un soño líquido, un respirar continuo, unha viaxe sen fin.
Somos teus
ti non es de ninguén.
Ferímoste.
Doámonos
Saímos de ti e a ti volvemos.
Terra, principio e fin. Nai e filla,
Antes de que a terra sexa un gran basureiro
veu o virus.

Sampedro, Pilar
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora