A medio relato
							Santalla, Iago - miércoles, 20 de mayo de 2020
							  Vivimos o noso peor momento: unha crise sanitaria,  económica e social que vén acompañada dun illamento da poboación sen precedentes. O COVID  19 veu para ferirnos no máis íntimo: o noso ser emocional. É duro, moi duro, non poder abrazar, non poder bicar, non sentir o sosego da pel amiga. Aínda máis duro é non poder apoiar ás amizadas e aos familiares nas perdas máis doridas
Nunca o pensamos e se alguén chega a relatarnos isto diríamos que é un conto de ciencia  ficción e aí ficaría. A realidade imponse e aquí estamos: no medio dunha pandemia mundial cun número de perdas humanas aterrador  e  librando un pulso constante cunha curva que teima en erguerse de novo
Esta é a situación exacta: o COVID  19 segue aí fora ameazándonos como sociedade co seu gume, polo tanto a relaxación non pode apoderarse de nós. Non podemos volver á normalidade,  temos que  habituarnos a vivir emocións a distancia renunciando (por amor) á maxia do tacto. Tamén temos que renunciar á nosa mobilidade pola saúde pública e a asumir unha hixiene escrupulosa e case extrema. 
Feitos todos estes  sacrificios coido que non podemos dar nin un paso atrás.
Por todo isto temos que pensar que, día a día, facemos historia e estes tempos incertos compoñen o relato do que contaremos mañá. Cómpre valorar agora, a medio relato, o que queremos contar e como
 para isto podemos reparar na nosa propia actitude: omitiríamola ou formaría parte do relato? Pois estamos a tempo de mudalo todo, empezando pola actitude, para facer un relato verídico, orgulloso e cheo de exemplaridade
							
							
 
							Santalla, Iago
							                                
                                                                  
                                                                  
                                                        
				 
				Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los 
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de  la empresa editora