
Se marzo é mes dado ao refraneiro, tampouco se queda curto Abril, con unha boa colección de refráns, ás veces contradictorios, ainda deixando claro que No comenzo e no fin, abril será ruín, así como a súa condición de mes dado á pluviosidade: Abril, augas mil, senón ao comenzo, ao medio, ou ao fin.
Abril é sempre o mes elexido para falar da primavera da vida, en ditos metafóricos. As mociñas sempre fan quince abriles ainda que cumpran en decembro. Vellos e vellas reloucan por estar feitos un abril. Os romanos adoitaban poñerllo por nome aos fillos que nacían neste mes (Aprilis, o segundo do calendario romano) e tamén foi o nome frecuente entre nós en tempos medievais.
En Compostela fica nunha rúa a lembranza de don Abril Ares e nos cancioneiros a do troveiro Abril Peres. Días que traen resonancias de tempos heroicos e esperanzados, uns relativamente próximos, máis lonxanos outros. ¡25 de abril!:caraveis en Portugal, mártires sen flores en Carral
Comenza o mes en plena Semana Santa cun venres de paixón. Ven logo a Pascua florida, pois xa di o refrán que Altas ou baixas, en abril son as Pascuas e este ano cadran cedo. Os padriños que ainda cumpren o rito de dala pascua agasallan aos afillados.
Hai grandes festexos en Padrón. O luns de Pascua iniciábase o ciclo festeiro nas mariñas de Betanzos, no barrio da Madalena, de imprescindible concurrencia para que todo marchara ben: Se á Madalena non vou meu amor, en todo o ano non fago labor. Veñen logo As Pascuiñas. Polo 24 é o San Marcos da cadeira, patrón de vilas mariñeiras como Noia e Corcubión, por algo disque chegou a súa imaxe por vía marítima, ainda que tamén é celebrado en terras máis ao interior, caso de Abegondo. O viño pide a berros por sair dos pipotes a palparlle a cor á primavera. Festéxase o viño en Amandi, en Quiroga, no Ribeiro
cada un co seu aquel. Anda en sazón a troita e déixao de estar a lamprea, cucada e mermada. É tempo tamén de sementar o millo, que cada vez se planta menos. O noiés Avilés de Taramancos cantou a abril cando estreaba versos e amores e o seu corazón era un poldro noviño a abrevar nas rúas coruñesas:
Abril rompe amodiño polos cómaros,
Unha preguiza nova vén no vento:
¡Ai meu amor! ¿Por onde o val florido
sen a melancolía dos teus ollos?
Pois é tempo de sair á busca do amor ou recibi-lo e deitarlle coitas ao oído:
Miña noiva de abril, rapaza nova
recendo de fiuncho e ruda fresca
decátaste da dor que me asolaga?
Que xa nos ensinou Cunqueiro que:
Temos a verba, amor, para decir: abril.
Sob as súas azas frolecerán os días.
Agardemos pois, ainda sabendo que Abriles e cabaleiros son as veces traicioeiros.