Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As tres miradas

martes, 19 de mayo de 2020
Un día máis! Como cada mañá, Rosalía estaba a ler en versión dixital o seu periódico de sempre, El Progreso. A convocatoria do certame literario "historias detrás das ventás" non pasou desapercibida. Representou a entrada de aire fresco na inesperada rutina. Escribir en As tres miradasgalego e desde unha realidade tan incerta tiña unha dobre motivación.

Lembraba os seus anos de mestra. Nesas datas, estaría apurada ultimando detalles nos ensaios. A calma que vivía agora levouna a ollar aqueles textos nos que case sempre tiña que engadir algún personaxe para que ninguén se quedara fóra do reparto. Tamén buscou as fotos que daban vida a aquelas obriñas. Con moito orgullo explicaba os comezos da celebración do Día das Letras Galegas facendo énfase en que a primeira á que se dedicaron foi unha muller.

Algúns dos termos que se repetían ata a saciedade nos medios de comunicación, para ela eran familiares. Formaban parte da infancia e marcaron para sempre a súa historia. Por iso, quizais se habituou mellor a unha situación tan complexa. Encontraba moitas similitudes coa súa "tocaia" Rosalía de Castro. Tampouco tivo unha vida fácil. As dúas coñecían de primeira man o significado da palabra marxinación.

Definía as ventás como "ollos expectantes". Barreiras transparentes que a facían sentir pequeniña. Fixábase na evolución dunhas nogueiras, no movemento das nubes coas súas formas irregulares, no Sol que semellaba moverse de sitio, no silencio da choiva, no xogar do vento coas follas, no piar dos paxariños… O entorno cobraba nova vida e seguía o seu camiñar ao marxe de noticias e datos.

Quizais máis importante que mirar cara fóra era mirar dentro. De sempre foi moi observadora e no "escaneo" visual do seu fogar descubriu que o tiña todo. Detrás duns mobles, duns electrodomésticos, dunha roupa… estaba o traballo de moitas persoas, case sempre pouco recoñecido. Iso espertoulle un sentimento de fonda gratitude. Acender a cociña, abrir a neveira, poñer a lavadora, darse unha ducha… convertéronse en accións cun valor distinto.

Dunha mirada de admiración a outra de agradecemento. Cal podía ser a terceira? As vivencias desde o exterior e tamén as do interior levárona a moreas de cavilacións. Non eran necesarias nin tantas présas nin tantas cousas!! De pronto, no medio de moitos porqués sentiu paz e pensou que tiña que chegar unha segunda parte máis positiva. Un novo paradigma no que empezaría a primar a solidariedade, o coidado da natureza, o respecto á diversidade humana… Sempre loitou pola igualdade e quixo soñar cunha cultura da fraternidade. Entón a mirada podía ser de esperanza.

Rosalía recibía moitas chamadas que a conectaban con outras situacións. A maioría deixaban unha sensación de desencanto por limitarse a queixas, protestas, críticas… Non quería caer no desánimo e tampouco nun falso optimismo. Compaxinar medo e confianza non era fácil. Pouco a pouco volvía ao seu presente valorando, de maneira especial, o papel das novas tecnoloxías e das redes sociais capaces de mitigar soidades e distancias. Lamentaba que as Letras Galegas quedasen ensombrecidas. O autor homenaxeado tiña que esperar un pouco máis.

Mirando o calendario contaba os días como grans de sacrificio para cambiar a escala de valores da sociedade. Observar a natureza que semella agradecida e descubrir que as seguridades non eran tal son leccións que fan cuestionar o abuso de autosuficiencia. Evitaba saturarse de información, pero non por iso era indiferente ao sufrimento. Non deixaba de pensar nas persoas que entregaron a súa vida porque tamén lle tocou vivilo de cerca.

A xornada vai pasando e chega a hora dos aplausos, aos que se suma Rosalía reivindicando que teñen que chegar a moitos máis colectivos e non se poden quedar na teoría. Ten que haber un antes e un despois. Quedou demostrado que "todos necesitan de todos".
Bravos, Marisol
Bravos, Marisol


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES