Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Si, pero non

lunes, 18 de mayo de 2020
Si, pero non Agora xa case se pode dicir que, para nós, os de Ourense, o desconfinamento empeza a ser unha realidade, que pouco a pouco a vida volve á súa normalidade, aínda que, iso si, con certas medidas e con moito sentidiño. Emporiso, ás veces penso que case fora mellor que seguiramos confinados. E non o digo xa por eses que non respectan as normas, que sempre hai a tira e máis, senón por min mesmo.

Agora co desconfinamento non queda outra que ir algún día á aldea. E na aldea nos vas estar de brazos cruzados. Ou sexa, que non queda outra que facer algo útil. Claro, rematas o día ou a mañá pensando seriamente que ben mellor se estaba na casa sen facer nada; ou durmindo, ou lendo, ou xogando ó trivial, ou vendo a televisión. Cambia, cambia moito o confinamento do desconfinamento. Pero que todo sexa polo ben de país.

Sigo, non obstante, botando de menos certas cousas. O café no bar xa se pode tomar nunha terraciña se tes mesa, claro. Pero aínda téndoa, non é o mesmo; estás só, non tes moito con quen falar (son dos que lle dou á lingua de raio), nin tan sequera co propio camareiro ou camareira, porque a maiores da distancia, a maldita máscara non axuda nada para as conversas.

O fútbol si, o fútbol é o que boto de menos en cantidade. E non xa só polo ambiente dos bares, senón pola propia paixón en si. Esa ansiedade das vitorias e das derrotas, ese nerviosismo ante a situación dos equipos galegos. Ese estudo das personalidades da xente e dos propios protagonistas que están sobre o campo. A ver, semella que o día 20 de xuño volve o fútbol, pero tampouco será o mesmo coma antes. A paixón do público é un tanto por cento moi alto para ver a fermosura de calquera deporte. Os partidos sen público perden moito; queda en mans dos comentaristas televisivos o levantarlle ó espectador un chisco a moral. Creo que nestes casos é moi importante saber narrar ben un partido. Teñen que saber suplir ese ruído de fondo cos seus comentarios.

E xa por último, boto de menos a biblioteca, o contacto aquel cos libros. O de analizalos, estudalos, tocalos para poder coller en préstamo dous ou tres ou os que me deixen. Xa hai moito tempo que rematei os cinco que pillara.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES