Unha e diferente
Cabada Castro, Manuel - domingo, 17 de mayo de 2020
O tempo de Pascua está preto do seu remate. O próximo domingo celebraremos xa a festividade da Ascensión do Señor e, no seguinte, a vinda do Espírito Santo, o día de Pentecoste.
Por iso neste domingo atopamos xa ideas e pensamentos que teñen abondo que ver tanto coa Ascensión do Señor como co don e agasallo infinito que Xesús nos vai facer: o Espírito Santo.
En canto crentes na palabra e na revelación que Xesús fai á humanidade de como é Deus, a Trindade deste noso Deus ocupa un lugar esencial. Sobre este misterio infinito, que é Deus, dános Xesús a entender de diversas maneiras que está constituído (por así dicilo) por algo ó que a reflexión cristiá veu chamar despois as tres persoas divinas. O único Deus noso é a persoa do Pai, a persoa do Fillo e a persoa do Espírito Santo. Falando de xeito moi analóxico, algo así como sobre unha familia moi unida se podería dicir que as distintas figuras que a compoñen, o pai, a nai e mailos fillos ou fillas, a pesar de seren diferentes entre si, forman unha única realidade.
Non se trata de que os cristiáns queiramos complicar as cousas. O que pasa é que, en primeiro lugar, nos textos da boa nova do Evanxeo vén comunicársenos a grandeza infinita e incomprensíbel dun Deus Pai que se converte con Xesús en Pai noso tamén. Se Xesús podía dicir de si mesmo que quen o ve a el ve tamén o seu Pai, iso só pode ser así porque a persoa de Xesús forma desde sempre unha unidade con el, aínda sendo diferente del.
Pero nas Lecturas de hoxe fálasenos ademais doutra persoa, en unidade co Pai e co Fillo, neste misterio grandioso do noso Deus. Dísenos alí que ós que amamos Xesús daranos el outro Paracleto, para que este estea decote connosco: o Espírito da Verdade. O Paracleto é unha palabra grega que significa auxiliador ou dador de consolo. Este Espírito da Verdade ou dador de consolo é o que chamamos, de maneira máis habitual, o Espírito Santo.
O Espírito Santo convértese así para nós en presenza viva e actuante de Xesús en nós a través dos cambiantes tempos da historia humana. En nós e tamén en cantos veñan despois de nós. É dicir, en cantos historicamente non fomos testemuñas directas da vida, morte e resurrección de Xesús. En relación con este Espírito dísenos que el estará onda nós e en nós.
Un Xesús, que está dalgún xeito de despedida, déixanos neste don en certo modo a si mesmo ó nos dar ou regalar o seu Espírito Santo: Non vos deixarei orfos.
Sen dúbida, é bo que a nosa fe cristiá nos dea receitas morais para tantas e tan diversas situacións e problemas cos que nos atopamos e atoparemos na vida. Mais coido que é aínda case máis importante que nos acostumemos a ver este grandioso e marabilloso fondo da nosa fe, que se nos comunica.
Acostumémonos, pois, a darmos grazas a Deus (non o esquezamos: a Eucaristía significa acción de grazas), a darmos grazas a Deus, digo, pola súa grandeza, polo seu misterio. Un misterio de amor que El nos quixo comunicar, amosando así o aprecio que nos ten. Os segredos só se comunican a aqueles cos que se ten confianza. E Deus comunicounos en Xesús quen é El, como é El e como nos quere.
Deus quere, pois, facer do mundo, de toda a humanidade, de toda a creación, unha realidade unida, mais con persoas e grupos humanos e sociais que son e queren seguir sendo diferentes entre si. Unha realidade unitaria o máis semellante posíbel a esa unidade entre Pai, Fillo e Espírito Santo que quere, respecta e ama porén a mutua diferencia.
Pero hai algo máis aínda. Esta unidade da humanidade, que respecta e quere a diversidade e a diferenza no interior de si mesma, está chamada a se realizar plenamente no interior de Deus mesmo, por moi incríbel que isto poida parecer.
Lembremos unha vez máis aquilo do apóstolo Paulo de que en Deus vivimos, nos movemos e existimos. Mais é Xesús mesmo quen nolo di e nolo promete tamén cando lles anuncia ós seus discípulos: Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós.
É dicir, os plans de Deus consisten en que todos esteamos e vivamos en Xesús estando el, como está, no Pai. Unidos, pois, a Deus, sendo nós ó mesmo tempo nós mesmos. Eses son os grandiosos e inimaxinábeis plans de Deus sobre nós.
Todo isto é o que teriamos que ir interiorizando e asumindo con alegría nas nosas vidas. Deste xeito poderemos converternos en luz e calor para toda persoa que se atope connosco nas nosas vidas, que no fondo consiste en sentírmonos felices porque Deus é o noso Pai común, podendo deste modo considerar os demais como irmáns nosos.
Daremos así cumprimento tamén ó que nos pide o apóstolo Pedro deste xeito na súa carta: estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro.
Porque o que máis precisamos todos é sermos capaces de esperar. Pois sen esperanza non se pode vivir. En realidade, vivir é o que en definitiva todos máis desexamos e Xesús prométenos vida. Porque el mesmo non é senón Vida: Eu son o camiño, a Verdade e a VIDA. Ou como se nos di hoxe no texto do evanxeo: Eu vivo e tamén vós habedes vivir.
Esta mensaxe de vida é moi consolador estando como estamos nun tempo no que o andazo nos ameaza levándose consigo a vida de tantas persoas e en tantos países do mundo.

Cabada Castro, Manuel