Contando xa este poema, é cando comeza o Avelino Díaz combativo. O home que loita co verso e coa pluma para que Galicia se rebele, para que saia do seu atraso e do seu sono.
A primeira execración é a de escapulirse da resignación e da conformidade, por isso...
"cómpreche fuxir da Irexa
i-esquencer, da Relixión,
o que che dice o Abade
que pra ter felicidade
hai que ter resiñación"

En contra desta idea, o poeta ofrécenos o
terreo e o
traballo para que a mansedume que manifesta o crego e o abade non teñan lugar, xa que "cómpre que seias ousado/ para vivir emancipado" /...Cómpre que non fiques quedo,/ nin calado, nin con medo,/ ós caciques i-ós señores/"...
"Fai falla que teñas pulos
para matar ises gandulos
que che rouban teus sodores".
Prosegue Avelino combativo, solicitando a rebelión dos labregos que son condenados á fame, sendo ademais, vítimas do roubo e da explotación, motivo polo que non se debe estar calado para facerse respectar, hai que saír ás rúas... "ergue o mallo i-o fungueiro"; e non teñas dó, "pega pirmeiro" porque se así non o fas, "nunca te respeitarán".
Remata o poema con esta significativa estrofa cunha rima parecida ao longo de todo o poema:
"¡Rebélate! Faite forte;
mellor ter groriosa morte
loitando, que non calar.
Mellor que seias ousado
que non homilde axionllado
i-estar decote a chorar"
As estrofas son sextillas, de arte menor por ser octosilábicas e tendo varias combinacións de rima, a estrofa xa é empregada desde o Arcipreste de Hita ata o Romanticismo, pero Avelino, case que estamos seguros de tela coñecido no
Martín Fierro de José Hernández, que en Arxentina ven a ser como
El Quijote en España. Algunhas das rimas que aparecen neste poema son: aabccb, ddeffe, gghiih... etc; como vemos, hai un predominio de dous versos coa mesma rima paralela porque trata de penetrar na mente do que escoita, debido a que cando algo se repite fai que o asumamos e o aceptemos aínda que non sexa verdade; isto sábeo ben a publicidade, onde a repetición de algo supón a súa aceptación. No caso de Avelino, esa rima paralela e pousona dálle unha forza que coma se fose un martelo, pega e maza ao final do verso e faino máis combativo, non esquezamos que o poema chámase
"Rebélate".

Tamén o sabe ben Curros Enríquez en
Aires da miña terra (2) onde emprega un verso máis curto, o hexasílabo, que rompe a cadea falada con esas poucas sílabas e o acento recae na sílaba quinta e neste caso é aínda un pouco máis forte cá de Avelino, pois parece un mazo ou un mallico de eixar os carros, por tanto, cunha fortaleza algo superior. Avelino non quería empregar tanta forza e por iso fixo rima paralela e Curros, rima aguda, para romper con moita máis fortaleza e para mallar o gran na eira da revolución e da rebelión, aínda que Avelino tampouco se queda curto axudado polo imperativo. Vexamos a Curros Enríquez, neste caso sen rima aguda pero coa temática parecida a de Avelino:
"Cregos, que feroces
como cans doentes,
c´un fusil ó lombo
predican ós fieles"
Vexamos agora a Avelino coa mesma estrofa coa que empezamos.
"S-has de ter conduta rexa
cómpre fuxir da Irexa
i-esquecer da Relixión,
o que che dicer o Abade
que pra ter felicidade
hai que ter resiñación"
Rematando así o poema con algúns versos agudos que agudizan tamén a fortaleza do contido:
"¡Rebélate! Faite forte;
mellor ter groriosa morte
loitando, que nón calar.
Mellor que seias ousado
Que nón homilde axionllado
i-estar decote a chorar"
NOTAS:
1.- DÍAZ, Avelino.- Debezos. Páx 19-21
2.- CURROS ENRIQUEZ.- Aires d´a miña terra. Ed. Facsimil.La Coruña 1866. La Voz de Galicia. Páx. 103.