Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Pódese pasar? (29): Unha creba rendible, prefabricada

martes, 02 de junio de 2020
Para pasmo de Frei Marcos e daqueles Fisgas da Fiscalía de Don Pedro, resultou que o Litis, para máis polifacetismo, para máis mérito, saíra un experto en crebas amañadas. Xa o sospeitaban na Eternidade, e algunha confesión delas houbera, mais, ¿provocadas por un terceiro, enderezadas polo mesmo terceiro en beneficio exclusivo dese Elemento tres veces terceiro? Se non fose polo seu dramatismo, intrínseco, inherente, Frei Marcos, un bromista da maneira, moito se houbese rido da súa vis, do seu aspecto cómico, que non hai traxedia que non o teña. Tirando deste fío chegaron ao novelo seguinte:
-...
-¿Don Aurelio, está don Aurelio?
-¡Si que está; son eu, aoaparato! ¿Con quen falo?
-Trátase dun asunto confidencial, pero coido que me coñece pola voz. Temos que falar dunha cousa importante...; ¡importante para vostede, por suposto, que xa me entende!
Aquela indirecta era excesivamente directa, evidenciando unha vella xenreira, aínda latente. Pero o Litis sabía paralas; ¡paralas e devolvelas, multiplicadas, se tal era o caso!
-Pois aquí estou, e aquí seguirei, na propia Secretaría, ata o serán, polo menos, que para folgar sobra con certos empresarios carentes de toda iniciativa, deses que esperan conseguilo todo a cambio de nada!
O interlocutor dubidou entre colgar ou seguir implorando, pero, un grolo de auga nunha agonía é a vida mesma!
-Aí non me vale, que o noso terá que ser lonxe, lonxe de Churiz, onde non nos coñezan..., polo interese de ambos, que se para min é importante, vostede non irá ás perdas!

Litis acomodouse, que ben coñecía a situación..., posto e suposto que súa fora a semente, o envelenamento daquela semente! ¡Sementara ventos propios, calculados, e por fin, sen unha espera excesiva, alí estaba a tormenta, a tormenta e mailo atormentado!
-Nese caso podemos saír de perdices este domingo, -concedeulle, e daquela coincidimos pola parte de Friamonde, tal que nesa ponte de ferro, na do Miño, que xa temos andado por alí, ¡ás lebres, ás escuras!, vostede e mais eu, noutra ocasión, daquela do Plan Urbano. ¿Lémbrase?
A voz telefónica concordou:
-Acéptollo, de contado; mais o caso é que tiñamos que ver uns papeis, e así, a campo aberto..., non me parece cousa!
-Podemos cear en Taboada, naquel Mesón...
-Algo lonxe, pero...; si, conforme, que prefiro un lugar discreto, de xente descoñecida.
-¡Mellor na propia ponte, e nese caso, señor Erre, ata máis ver, que xa lle dixen que estou traballando!
-...
En Friamonde, nesa ponte de ferro, con Deus e mailos emparrados da ribeira circundante por testemuñas, aparcados os autos respectivos naquel Miradoiro do Miño:
-Coa mala uva da súa chamada, cabe supoñer que me quere falar, por enésima vez, daqueles terreos..., malogrados! Os burros coma vostede levan a carga pero non a senten; ¡peor para eles!
-¡Precisamente, pero non foi por burremia, que a cousa ten outro nome..., de curso forzoso, polo menos en certas ocasións!
Litis, con toda a sorna daquela mordacidade súa, que tan nerviosos poñía aos seus inimigos, clave de boa parte dos seus éxitos coa xente de pouco espírito, que así era por entón a maior parte dos nosos paisanos:
-Tarde piaches, irmán, que agora é imposible cambia-la cualificación..., polo menos, dun xeito doado! -O Litis nunca dicía que non, a nada, mentres houbese a menor posibilidade dun suborno. -¡Quedaron fóra do Polígono...! Lémbrese do falado naquela ocasión, que era, digamos que, máis propicia!
-¡Fóra non quedaron: deixáronos vostedes, de propósito, adrede! Daquela trenzaron outras rúas, outras comenencias, en sitios periféricos, e incluso menos axeitados, menos urbanizables, recalificando, exclusiva ou preferentemente,os terreos tripartitos, os seus, os desa troika que funciona coma un dúo...

Deixáronme fóra daquelas avantaxes porque..., porque non abrandei, que naquela martingada vostede andou á lebre escura! Si, vostede; vostede mesmo, do brazo dese Alcalde, escondéndose, ámbolos dous, detrás do seu Aparellador, do municipal, que as leva todas, ¡e moitas delas sen culpa, ningunha, que me consta! ¡Meu pobre, o que hai que facer para ir comendo pasteis, que por algo o puxeron de albarda, séxase, en plantilla!
-Aclárese, que non vin ata aquí, a tan lonxe, para escoita-las ras do Miño.
-¿Aclararme, eu? ¡Ben aclarado estou, que aínda que chegásemos a un acordo en cifras para un truco deses de Reforma, ou de Parcial, que seguro que os admite ese churro de Plan da nosa Vila, de presente, ou vostede me fai unha rebaixa, ou non lles podo dar semellante propina, semellante cazo, que cansei de berrarlle á miña xente. Desde que me notan que ando de capa caída, sen unha carteira de pedidos satisfactoria, eles, os meus operarios, deixaron de render, que non producen nin a metade, que cadora traballan menos, menos e peor, e iso que lles subín algo, ¡demasiado para os meus posibles!, no último dos Convenios...
Pero Aurelio non abrandaba, nin polas boas nin polas malas; víase gozoso, en plan de feri-lo vasalo, murando sen piedade, coma un gato coa ratume:
-Non dramatice, que o seu xenro pode reflotar a súa industria a pouco que arrime o lombo, pero a culpa é súa, en pretérito, que o quere todo; ¡de balde! Mellor dito, dos de fóra, dos que non temos con vostede a menor obriga, que eu non lle casei coa filla!
-¡Que pouco o coñece, e sequera ben que o ve no Café do Cubano, día por noite, acotío, dándolle ao cóbado; ao cóbado, e tamén ao naipe! Logo está que se me quedou obsoleta a maquinaría, que non era cousa de comprar outra mentres vostede me abortaba os pedidos... Estou no ollo da crise, e tan afogado, que xa me ve, pedíndolle árnica, ás agachadas, co honrado que teño sido!
-Pois..., ¡a cousa é sinxela: venda inmobilizado, terreos daqueles de marras, que para a súa industria, ao ritmo que leva, para eses catro talameiros da súa reserva, chégalle, e bástalle, cunha hectárea! ¡Sóbranlle dúas!

-¡Que condenado, que ben o calculou! Dúas hectáreas, en efecto; si, pero de terras urbanizables, que ao de hoxe non son urbanas, por culpa súa! Véndolles esas terras se me ofertan un prezo razoable, que vostedes, con esas truculencias da reclasificación, iso dos seus Plans Parciais, cambio de uso, etcétera, convértenas en solares, nun tris, dun día para outro. Ora ben, se non razoan, se seguen atosigándome, antes que malvenderlles prefiro a creba; ¡e despois pégome un tiro! Con isto explicado, don Aurelio, amósolle as miñas cartas, aquí, de presente, todas, da primeira á última, que por algo quixen falar con vostede a soas, que por pillo que sexa, o Alcalde é bastante peor: ¡ese, a maiores, é un túzaro!
Litis púxolle cara de mendigo, arrimado ao peitoril miñoto, apático, reticente:
-Nin sei por que o di, nin me importa, pero comigo equivócase, pois cos meus haberes non lle podo comprar esa extensión; ¡dúas hectáreas, de solares...!
-Mire, don Aurelio, quitémo-las carautas, que por algo viñemos a sitio descoñecido: Vostede, aló en Churiz, faga o papel que lle conveña, pero eu sonlle un empresario, dende o berce, que me vén dos antepasados, e para máis, nacín nesa Vila; ¡por ende, seille de tódolos niños, tanto dos paxaros como das cobras, que os coñezo a todos, tanto polos nomes como polos feitos!
Sen carauta lle estou falando: Nin ese túzaro de Alcalde, nin esa vaíña que lles serve a vostedes para tódolos sabres, para ámbolos dous, por tempos, que nin que a tivese de goma, por moito que presuman de listos, eles non serían capaces de erguer media Vila de casas novas se non estivese vostede facendo de triunviro, ao resgardo, tras deles, soprándolles, argallando, seleccionando os chanchullos máis rendibles, e todo ao sutil, coa Lei na man, pero na esquerda, que non hai por onde collelo, que vostede é un artista, aínda que non saia como tal nos periódicos! O que sae neles, o que sae sen albarda, e encima, chufado, que leva enganado a medio mundo, empezando polo Gobernador, é o Manuel, e todo iso grazas ás propiciacións, ás tramas que lle urde vostede, con méritos, con listeza prestada, así que non me faga falar!
Vostede erga no Manuel canto guste, pero eu ben sei con quen se fan os tratos. Se naquel entón non me deixei morder, ¡que me houbese sido mellor!, foi porque me colleron con bastante inmobilizado, excesivo, cantidade de madeira, barcos dela, amoreada para as súas obras..., polas esperanzas, polos encargos, verbais por suposto, que vostedes me fixeron! Naquelascircunstancias eu non tiña dispoñible para as súas..., digamos, pretensións, para dicilo con finura! Se pido un descuberto, se me empeño ata os ollos, e lles dou un cheque, ou vinte, ¡ao portador!, tal que mo esixían..., hoxe tería a solares, recoñecidos por vostedes, esas dúas hectáreas! Vendíaos, ben vendidos, que por contra metíalles un competidor niso das súas casas, e despois, ¡adeus!, que vostedes, naquel chanchullo, poríanme a bota enriba, que de feito xa ma puxeron, e mais non obtiven nada, pero só por unha vez;¡só por unha!

Aurelio, temperado coma o mellor aceiro, inmutable, tratando de venderlle unha burra cega ao Madeireiro:
-Non me poña nervioso con esas imaxinacións, ou do contrario non lle prometo falar co Manuel..., a ver se podemos axudalo neste transo, xa que antes non foi posible, ou por mellor dicir, xa que vostede foi tan miope!
-Mellor será que fale coa Mabel, ¡que así gañaremos todos!
Litis, como que non ía con el:
-Non crea que é fácil arranxarlle esas cousas, que ben coñezo os seus atrasos, e tamén o que lle debe ao persoal. Logo están a Seguridade Social, a Facenda... O caso é que está virtualmente crebado; e xa demostrarán os Interventores, os Peritos, no seu momento, que no seu caso procede unha retroactividade, por alzamento de bens;¡case nada! Daquela o Xuíz anulará toda posible venda deses terreos, simplemente con aplica-lo artigo oitocentos noventa do Código de Comercio! ¿Entende, ou non quere?
O Suplicante, arrepentido de haberlle entrado con vindicacións, agora botouse as mans á cabeza:
-¡Uuih! ¿Logo, que outra saída me queda; non quererá afogarme, nesta crise, ou neste río? Por pícaro que sexa, que o é, algo de alma terá, ou lle quedará, sequera sexa unha guedella!
Aurelio seguiu furgando naquelas feridas co gume do seu bisturí homeopático, perfectamente, dialecticamente afiado:
-Para resolver esas dificultades, esas contradicións, e de paso para eludi-los alzamentos deses bens, certamente hai maneiras, científicas, axeitadas, nas que estou práctico, pero a cousa require operar con respecto aos Balances, cortar polo san... ¿Conserva as copias dos que presentou nos Bancos?
-¡Por suposto! Téñoos todos, das tres contabilidades: a verdadeira, a de Facenda, e mailas Declaracións de Bens para os Bancos...; ¡as tres!
-¿Aquí mesmo, no auto...? ¡Vexámolos!
-Non, aquí non, que soamente trouxen os títulos das fincas, as súas agregacións rexistrais..., por se chegabamos a entendernos nunha posible venda;¡nunha venda razoable, quero dicir!
-Nese caso, eu podería volver para outra reunión, mañá mesmo...; ¡non, mañá non, que teño outro compromiso! Mellor en dous días, ¡á mesma hora! Disto, destas axudas, destes asesoramentos, nin media ao Manuel; ¡é que nin media! ¿Estamos? Manuel será o túzaro que se queira, con ou sen albarda, pero vostede, desta vez, está debaixo del, así que aínda é máis burro!

Se non lle presento estas cousas, este compromiso, con arte, ao meu xeito, daquela, coa carraxe, coas gañas que lle ten, si, a vostede, é que o deixa afundir, ata as fonduras do mesmísimo inferno! ¿Xa non se lembra de que lle pisou a muller, precisamente daquela que ía casar co Salmonte, que por iso se mantivo así, solteiro, tantos anos, ata que se fixou na Mabel? ¡Eu non lle son nativo, nin mamei dos chismes churiceiros, pero sobran informantes, de balde, que se consideran ben pagados con tal de fode-lo veciño!
Se vostede non fose un cretino, daquela decataríase de que o Salmonte é vingativo, vingativo e mesquiño, de seu, ¡un conde, en definitiva!, que por iso perdoa as posibles picardías da súa Mabel, ¡precisamente por agradecemento, porque foi a única persoa que decidiu aceptalo tal e como é!
Aquel Industrial non saía do seu asombro:
-Coidaba que non me tiña rancor, e que a putada de non cualificarme esas leiras, así como aquel bluff de prometerme unhas compras masivas de madeira..., todo iso, que fora asunto seu, maquinación súa, máxime cando que Manuel, o que é de urbanismo e de construción, cero mata cero!
Aurelio, como bo litigante, ¡cismeiro!, seguiu dándolle ao bisturí, con toda intención, para afondar naquelas feridas:
-Pois está, ou estaba, errado; ¡ferrado, en definitiva! Eu sonlle un fiel servidor do señor Alcalde, que é o das iniciativas, e se en algo me pasei, tal que coa súa dona, foi simplemente por caridade, para axudarlle nos seus deberes, digamos, maritais, que el ten moitas eróticas ás que atender! Pero vindo ao presente: Don Manuel é un fiel servidor do Goberno; por ende, por acumulación, vostede ten ao Goberno enriba, dacabalo, ao lombo, así que atéñase ás consecuencias!
Aquel modesto industrial, Rancaño, non sabía se rirse ou chorar, de irritado, de nervioso que estaba:
-¡Ah, comprendo; comprendo todo iso, que por algo me vexo así, mesmamente aplanado!
De remache, outra poutada felina, coas poutas rampantes:
-Canto lle digo, meu querido Rancaño, é polo seu ben, en pura humanidade; ¡así que non se pare a comprobalo, non perda máis tempo con esas hostilidades estúpidas! ¿Vale?
O Madeireiro a punto de chorar, de perde-lo seu xoguete predilecto, unha leira de cen solares..., ¡pero, en potencia!
-Comprobado xa o teño, que por algo estou aquí, deste xeito indigno, e para máis ignominia, ao furtivo, que nunca pensei chegar a tales extremos! Como ve, síntome debaixo da súa sola, tal que os filisteos daquela que Sansón lles abalou as columnas!
-...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES