Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Pódese pasar? (28)

martes, 26 de mayo de 2020
A cinta cortouse naquel intre, ao ausentarse Manuel, supostamente en busca do seu Secretario; na seguinte volvemos a atoparnos na penumbra sinistra da Secretaría: pouca luz, bastantes cartafoles e un cheiro apestoso, de tanta picaresca neles contida!
-Don Aurelio, que o chaman pola tres, pero non quixo deixa-lo seu nome; o de aló di que é persoal.
-¿Home ou muller? Se é muller, daquela, Sariña preciosa, dille que é tarde, que non estou dispoñible, que estou en corentena, facendo méritos para que me queira unha tal...; esta que teño diante, tan churrusqueira, pero, inexpugnable, ¡máis có castelo dos Saltamontes, digo, dos Salmonte!
-Don Aurelio, déixese de bromas, que vostede non para de provocarme; tanto, que xa parece un acoso sexual, deses que din que fan os xefes, algúns, e con iso perde a graza. ¡Por nada deste mundo quixera ter que darlle as queixas ao meu tío! Como é unha voz de home, ¿que lle digo?
-Dálle o número deste teléfono, do verde, do directo; e que chame dentro dunha hora, que a tal momento, de presente, prefiro falar contigo..., por moito que ladres!
-Mire, se vostede se pon así, daquela pásolla sen anunciar, así sexa o propio Gobernador!
-Encantiño, non te enfades; faino así, e volve pronto, que temos que redacta-la orde de vacina-los cans..., por asociación de ideas!
-...
-¿Don Aurelio, torna ás andadas? ¡Déixese de beliscos e de rolos pataqueiros, e dígame dunha vez o que poñemos aquí, neste Bando dos cans!
Aurelio, coa súa teima centrada naquel asedio permanente:
-Sariña, é certo que estou preparando oposicións á túa man, pero, nin me dás a túa, nin queres a miña; nesta disxuntiva será cousa de pedirlle unha recomenda ao señor Cura, teu padriño.
Sara calculou que se chegasen a unha tregua, a un adiamento, no ínterim igual se desanimaba aquel insistente:
-Don Aurelio, escoite, que lle falo en serio: Pórtese ben e déixeme un ano de reflexión, de adaptación; despois diso...; ¡xa veremos! ¡Non lle prometo nada, pero cabe nos posibles!
Aquel pícaro, por picardías tiña que saír, que era o seu, ou deixaba de ser quen era:
-¡Oh, que ben; pois, nese caso, só me faltan dúas semanas, dúas, por este calendario, que xa estamos en Nadal!
-¡Este home é tan ocorrente que atopa saídas para todo! O meu ano élle completo, pero o seu, ao parecer, consiste en cambia-la folla. ¿Non me dixo que lle tiña que ensinar? A miña lección será esta: Se en todo un ano, nos doce meses, en vez de picardías e de acosos se dedica a facer ben á xente deste lugar, do meu, que é o seu adoptivo, daquela a súa proposta pode cambiar de Norte. Para o caso, acórdese do Tenorio, que lle bastou un minuto de atrición!
-¡Aquelas monxas, as do teu colexio, que ben te ensinaron! Un minuto...; si, en efecto, que así lle acaeceu ao don Juan; pero ti abusas: ¡un ano…!
-Don Aurelio, deixémonos de trécolas, que don Juan presumía coa boca do que acaso non facía coa entreperna, pero a súa alma, a súa, esa si, esa coido que está enferma, que vostede fainas ao calado!
Litis simulou reconcentrarse:
-Sariña, apunta a primeira destas promesas: ¡Ven comigo a esa cea, á que vai dar Manuel, que será con damas; unha cea para min de ensaio, para comportarme con galanura e con seriedade; contigo preto, cerquiña de min, xurándoche que farémo-la próxima coas nosas alianzas no seu sitio; e eu, daquela, para entón, perfectamente santificado! ¡Prométocho!
Sara vacilou, insegura daquela decisión:
-Non, xa lle dixen que mellor, non, que eu, de noite, no seu coche...; ¡Deus me libre de tal, que as ocasións fan ao home ladrón!
-¡Iso arránxase; ti vas no de Mabel!
-Tampouco, que eu non lle adorno a mesa a ninguén. Se aínda fosen o Ramón e maila súa dona, daquela, pase, pero, levarme a min, á Auxiliar, con menos categoría có Ramón, para que vostede non teña que sentarse só, ou arrodeado das mulleres dos outros, das do próximo, tal que dona Mabel...? Mire, ben pensado, iso das cheas frívolas..., non entra no meu Credo!
Litis fixo o aceno de tirarlle un bico coa punta dos dedos:
-¡Que ceo de muller, canto te admiro...; por tantas cousas, que nin sei enumeralas! Está ben, Sara; de presente, ti gañas: virás connosco, con toda a Plana Maior, que levaremos ao Ramonciño; ¡e para que a cousa teña graza, que leve á súa Engracia!
A Aliada rendeuse, ¡por fin! Daquela foron todos de cea, axuntados e rexuntados, que non revoltos, ¡a come-las perdices, á conta do Concello, nun daqueles mesóns da estrada de Madrid...! ¿En canto á factura...? ¡Xa levaron os cartos dela no propio peto do propio Alcalde..., vía Ramonciño, que os apuntou, coa mellor das caligrafías, nos libros oficiais! E de concepto, o acostumado para estes casos: ¡Víveres distribuídos á Beneficencia local, segundo relación e xustificantes que pasan ó Arquivo deste Concello!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES