Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Poesía de Avelino Díaz en Debezos (5): 'Miña Patria' (1)

viernes, 15 de mayo de 2020
Todo o poema está construído por versos de arte maior, concretamente, quizais por un dos máis importantes da arte maior ao ser un dos máis empregados na poética, xunto ao alexandrino, de catorce sílabas; estámonos a nos referir ao hendecasílabo.

A Poesía de Avelino Díaz en Debezos (5): 'Miña Patria' (1)O poema está conformado por dez quintetos que seguen as normas propias da estrofa:

1ª Non deben rimar máis de dous versos seguidos.
2ª Non quedará ningún verso solto (sen rima).
3ª Ao final non formarán un pareado, é dicir con rimas iguais (que non cumple no primeiro e no último quinteto).
E a rima é a seguinte: ABABB, CDCCD. EFEEF, GHGGH, IJIIJ, Etc.

A composición en cuestión, é un "amplificatio" de amor á Terra, á Patria que está chea de imaxes como "imán do corazón", "xoia preciada"; en definitiva, unha querenza que é teima constante e devezo non concluso de volta ás orixes, onde a Terra é Relixión, onde a Terra (con maiúsculas) é un Deus, unha divindade, como era Melibea cando Calixto fai aquel monólogo na Celestina, Calixto argumenta "¿Yo? Melibeo soy y a Melibea adoro y en Melibea creo y a Melibea amo" (2), aquí, a deusa non é Melibea, é a Terra tal e como Avelino aprecia...
" . . . . . . xoia preciada,
divindade da que son crente
pra culto che rendir devotamente"
. . . .
cun desexo imperativo de volta do emigrante distante, e como se a Terra fose unha moza que está afastada . . . "quero falarche de amor con doce acento", cheo de amor e de paixón por ser ela a santa, "razón de ser" do seu idealismo.

Ese devezo, ese idealismo desexado está patente nas palabras "Teño que", "Tanto... que", vexamos algún exemplo:

"Teño de che cantar con pasión tanta
que . ……………. . erel-a santa
razón de ser do meu idealismo" . . .

"Tanto ben pra ti quero e che desexo
que, pra meirande groria da que tes
quixérache brindar canto hai no ceio"

A Poesía de Avelino Díaz en Debezos (5): 'Miña Patria' (1)Tamén está visíbel na estrutura sintáctica QUE + VERBO + SINTAGMA NOMINAL "Que teimen lograr tuas libertades", "que teñan as variles mocedades", "que o fin das túas penas e crebantos/ alume a nova luz d-unha alborada" . . . aínda que, as veces, cambiando a estrutura por outra orde, pero, no fondo, seguindo estes tres elementos para darlle aínda máis beleza á construción.

Decíamos que a nosa Galicia chea de beleza e fermosura . . .
". . . froreza nos prados feiticeiros
a gama de choridas máis fermosa" . . . e
"con agarimoso e ledo arrolo
o mar che cante sempre unha cantiga"
porque a nosa Galicia é máis cá unha deusa, é a maior deusa do Olimpo como o Xúpiter romano ou o Zeus grego, pois "quixérache brindar canto hai no ceio". . . "pra qu-os deuses s-axionllen ós teus pes", no seu idealismo de sumo crente e telúrico amor e de xeomórfico devoto da nosa ben amada Galicia.

NOTAS:
1.- Opera Cit. Páxs 17-18
2.- DE ROJAS.- Fernando, La Celestina. II Tomos. Espasa-Calpe. S.A. Madrid 1968.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES