Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O santo da fala

miércoles, 13 de mayo de 2020
As medidas excepcionais impíden o vindeiro domingo celebrar a romaxe do San Alberte nun dos recantos máis fermoso do noso país. Pero temos a fortuna que este milagre tecido durante séculos ten unhas raíces que inzan acotío cunha creatividade sobranceira que o permiten axeitarse aos cambios da civilización, sempre fecundado polas augas feiticeiras do Río Parga que para o poeta Díaz Castro son o reflexo plástico do que é o tempo, esa música vagarosa “que vai de Parga a Pastoriza”, referíndose á canícula do verán cando nesta parroquia de Sambreixo celebran a festa da Pastoriza.

No lombo deste fluxo fluvial percíbense os trotes dos cabalos que transitaban pola Vía XX romana e o camiñar dos peregrin@s a Compostela que fan pousada ao abeiro destas carballeiras e bidueiras ao pé do santo que acubilla esta capela que non fixo máis ca medrar dende o século XIII con elementos posteriores góticos.

A “Augadora” de pedra de grá labrada polo artista Víctor Corral acóllenos neste santuario da Nai Terra convidándonos a un grolo da auga sanadora que abrolla ao pé da igrexa e que alivia das tensións da xornada á veciñanza que vai a súa procura, principiando polos/as peregrinos/as que cruzaron a súa ponte gótica.

A miña primeira peregrinaxe foi no 1982, seguindo as pegadas de Xosé Chao Rego cunha proclama ben acaída: “A fala é camiño”, sentíndonos mergullados nun misterio asombroso que traspasou para sempre as nosas entrañas. A enerxía que desprende o Santo da Fala obriga a reconciliarnos co que é noso, coa fala das e dos devanceiros que ergueron e coidaron todo este patrinonio que nos embarga de beleza e tenrura. Multiplicáronse as camiñadas con Avelino Pousa Antelo, Neira Vilas, Isaac Díaz Pardo, Antía Cal..., pero foi Manuel María o máis asíduo, o que me impactou coa súa peregrinaxe ao San Alberte cando era neno.

A emoción coa que me transmitíu o seu encontro co valedor da nosa fala que o revisteu co don da palabra máis feiticeira. Xa estaban agromando Os Xermolos de Guitiriz, e cada vez fomos máis os que gozamos daquela paisaxe xeradora de saúde para a nosa fala e cultura.

Xa no 1993, Agustín Fernández Paz, un dos autores máis lúcidos, adiviñou a nova xeira creativa, a que agora chamamos “Festa da Fala”: “Cando eu era neno leváronme ofrecido ó San Alberte. Tiña poucos anos e tatexaba como só o pode facer un neno obsesionado por dicilo todo e ó mesmo tempo. Meus pais consideraron que pagaba a pena unha viaxe ata a capela do Santo. E unha mañá miña nai e mais eu collemos en Vilalba o vello coche das feiras que nos había achegar á romaría... Agora, desde a distancia de tantos anos, lembro todas estas cousas. E penso que se isto do San Alberte milagreiro non será máis que unha inmensa metáfora. Porque, neste final de século, hai un grupo de persoas que traballa para conseguir que Galicia abandone o falar tatexo e recupere a súa voz. Persoas que, coma se fosen un San Alberte radicalmente humano, fan que xermole e saia fóra a voz auténtica do noso País”.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES