Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ver a Deus onde non parece

domingo, 10 de mayo de 2020
Xesús foi a tódolos niveis absolutamente desconcertante. Foino sempre desde que apareceu entre nós e serao para as vindeiras xeracións. E serao tamén na eternidade da vida que nos espera despois da morte.

En realidade, case o máis estraño é o feito mesmo de que nos estrañemos disto. En realidade, a razón do noso desconcerto coas manifestacións de Deus é porque tendemos a facernos un Deus á nosa recortada medida. Mais resulta que Deus é sempre meirande cos nosos pensamentos sobre El. El é infinito non só no seu poder, no seu amor, na súa misericordia, etc., senón en si mesmo. O da súa infinitude é algo que só con moito esforzo intelectual podemos dalgún modo sospeitar ou albiscar, aínda que endexamais comprender de maneira total. Porque nós, no fin de contas, aínda que esteamos feitos á imaxe e semellanza de Deus, non somos nin podemos ser endexamais iguais a el. Deus non hai nin pode haber máis ca un.

Dito isto, o feito mesmo de que Deus, o Deus-Pai que nos descobre Xesús, puidese e quixese amosársenos como un máis de nós é algo realmente desconcertante. Poderiamos pensar que o propio de Deus sería mostrársenos por medios portentosos, inesperados, cósmicos, con sinais terroríficos, absolutamente estraños. Mais isto sería, como digo, algo xa dalgún modo sospeitado ou maxinado por nós nas nosas cativas cabeciñas. Non. Deus preséntasenos, dásenos a coñecer dunha maneira aínda máis desconcertante, máis estraña. Coma un máis de nós.

Xesús, a manifestación definitiva e total do que é o seu Deus e o noso Deus, dánolo a coñecer nacendo coma un de nós, sendo rapaz e mozo como un de nós, tendo que traballar e relacionarse coa conflitiva sociedade do seu tempo como calquera persoa doo noso tempo.

Non está Deus, polo tanto, lonxe de nós? Pois, polo que se ve, semella que non. Xa o apóstolo Paulo lles dicía ós gregos (achegándose o máis posíbel ó seu modo de ver as cousas e ó que pensaban os filósofos gregos do seu tempo) que Deus non está lonxe de nós, que nel vivimos, nos movemos e estamos... Naturalmente, estamos nel con total liberdade de movementos pola nosa parte, porque o espazo, por así dicilo, de Deus non é cativo, non é limitado, senón infinito...

Tentando, pois, descubrir estas estrañezas de Deus das que estamos a falar, unha das cousas que desde sempre máis me chamaron a atención na lectura dos evanxeos é este curto diálogo de hoxe entre Xesús e os apóstolos Tomé e Filipe que aparece no evanxeo de Xoán.

Vexamos. Xesús fálalles ós seus discípulos do “camiño” que leva á casa do Pai, á casa onde se atopa a verdadeira vida e na que hai, como di Xesús, “moitas moradas”. O diálogo queda enmarcado por Xoán cara ó final da vida de Xesús. Na súa derradeira cea. A esas alturas Xesús, que preside esta cea, fai coma quen supón que os apóstolos están xa suficientemente ó tanto de cal é o camiño que conduce a Deus Pai. Xesús está precisamente percorrendo agora as últimas etapas deste camiño, ó final da súa vida. Dilles el entón: “E a onde eu vou, ben sabedes vós o
camiño”.

Mais Tomé, o mesmo que posteriormente esixiría ante os seus compañeiros probas contantes e soantes da resurrección de Xesús, replícalle a Xesús que el, Tomé, lonxe de saber deste camiño, non ten idea nin de a onde vai Xesús nin de cal é o camiño. Pola súa parte, Xesús volverá insistir naquilo do domingo anterior. Como lembraredes, Xesús dicía de si mesmo: “Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase”. Pois ben, despois disto engade Xesús agora de maneira, se se quere, máis clara e máis ampla: “Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min”. É xustamente agora cando entra en liza Filipe cunha interpelación que lle fai a Xesús, na que lle vén dicir que iso do “camiño” e demais cara ó Pai é algo que lle resulta escuro e enmarañado. Que o más práctico e sinxelo sería que, para dicilo dalgunha maneira, se deixase de lerias e lles amosase a eles, directamente e sen rodeos, o Pai: “Señor, -dille Filipe- móstranos o Pai e abóndanos”.

O que agora lle intenta facer comprender Xesús a Filipe é o que vos dicía que sempre me impresionou e me continúa a impresionar: “Pero, Filipe, ¿levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai”.

Leva moitos séculos a humanidade -filósofos, teólogos, literatos, poetas, xente normal de a pé coma vós ou coma min- intentando saber quen é Deus ou como é el. E resulta que quen máis sabe do tema nos informa sobre iso de maneira moi sinxela, moi sorprendente. “Olládeme a min e saberedes cómo é Deus, quen é el”.

Ver Xesús é, pois, ver o Pai. E Xesús non deixa por iso de ser un máis entre nós, un coma nós, aínda que, naturalmente, moito máis “humano”, infinitamente máis humano, ca nós. Por iso precisamente é el a verdadeira manifestación de Deus, “o Fillo de Deus”. Por ser infinitamente humano. Nós só podemos ser humanos dun xeito moi limitado.

Polo tanto, como dicía Paulo, Deus non está lonxe. Está en Xesús, irmán maior
noso, conxuntado e solidario con toda a humanidade de tódolos tempos, lugares e ideoloxías. Deus está en toda a creación, en toda persoa humana. Está alí onde ninguén pensa que podería estar: alí onde hai pobres, sufrintes, xentes ás que ninguén lles fai caso ningún. Ou, como nos di Pedro na súa carta, Deus préstalles atención a esas “pedras de refugallo” que parece que non serven para nada, mais que se converteron -tal como comenta o mesmo Pedro referíndose a Xesús- en “esquinal”, en “pedra viva” do edificio feito por Deus.

É esta unha lección que non nos resulta doado aprender. Mais paga a pena aprendela, meditala e, sobre todo, practicala na nosa vida. Polo menos, intentemos coa forza e a graza do Espírito de Deus, sermos firmes nesta fe en Xesús como manifestación de Deus e presenza viva del entre nós.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES