De relixións, novenas e procesións, e de patriotismo de bandeiras, libera nos Domine
Pin Millares, Xosé María - lunes, 04 de mayo de 2020
Coñecín hai bastantes anos un crego retranqueiro, tan bondadoso como intelixente, que desprendía sabedoría e sentido común con xenerosidade. Home de fondo compromiso cristián, falaba con sinceridade. Se por un casual lle propoñían facer rogativas porque non chovía, aconsellaba con retranca e fonda teoloxía: facer pozos, que a auga, tamén vén de abaixo.
Tampouco era partidario de estandartes, bandeiras e cousas deste estilo.
Comentaba que había que ter moito respecto aos símbolos, pero que os símbolos non eran a realidade e que levados ao extremo eran o camiño do fanatismo e da superstición. Segundo el, a palabra bandeira estaba emparentada con bandido e bandoleiro, banda. Era home de libros e mesmo citaba unha frase de don Miguel de Unamuno (sempre o trataba con moita reverencia) recordando que algúns patriotas confundían Patria con Patrimonio. En relixión a súa fonte era o Evanxeo, as parábolas do Señor, dicía.
Hai anos que, por respecto aos posibles lectores, fixen o propósito de non escribir en ningún medio de comunicación, entre outras razóns, por non tomar en van algo tan sagrado como é a palabra, pero hai circunstancias nas que calar pode supoñer covardía ou debilidade ética.
As circunstancias que vive o noso país, España, Galicia e o mundo enteiro son dunha dificultade e complexidade enorme. Para problemas complexos non serven solucións simples e viscerais. Está en xogo a vida, é dicir, todo. Por iso cando hai poucos días máximos responsables políticos propoñen como gran resposta colocar bandeiras a media hasta e celebrar un funeral de Estado, un non sabe se se trata dunha broma macabra ou dun pesadelo. En ningún aspecto da vida son iguais todas as condutas.
A nobre actividade política, a que serve ao seu país, non pretende destruír o adversario. Un político honesto e intelixente sabe que á gobernabilidade, tamén, se contribúe desde a oposición. Falar é imprescindible. Se alguén se nega a falar indica que prescinde da facultade que o fai humano, convértese nun bruto, é dicir, escolle como camiño para solucionar os problemas a violencia. A súa máxima sería: para qué imos intentar solucionar os problemas falando se o podemos facer a trompazos, isto é, coa trompa como órgano de reflexión.
Historicamente a dereita española moveuse con insistencia na irracionalidade, convencida de que este país é de seu e que o goberno lles pertence por dereito divino. Esquecen que quen quita e pon os gobernos é a vontade popular: 0 povo é quen máis ordena. Non son condes, marqueses, banqueiros ou bispos, por moito poder que teñan, os depositarios da gobernanza. Os partidos políticos son esenciais para o funcionamento democrático e, mesmo cando están na oposición, teñen a obriga de colaborar e contribuír na gobernanza.
Hai que facer propostas, argumentar, e non valen xeneralidades abstractas, do calibre denon creo na súas propostas, quere arruinar o país, comunista, bolivariano, castrista ou xudicializar todo. Algunhas bufonadas do señor Casado poden escusarse por ter feito a carreira de dereito en cursos acelerados en universidades amigas Por exemplo, culpar ao goberno e ao señor Sánchez da pandemia e das mortes producidas ou de parapetarse detrás da ciencia é o máximo da idiotez e indica que descoñece algo tan elemental coma o significado de forza maior como acontecemento que aínda que fose previsible sería inevitable.
Claro que se pensa que o seu papel é confundir, enfrontar,crispar, haberá que concluír que está fóra de sitio e mesmo alienado.
O goberno e a oposición portuguesa están dando un exemplo de equilibrio e de patriotismo. Soamente desde a colaboración se constrúe. Para cooperar con lealdade e eficacia non é necesario compartir toda a ideoloxía, pero si é imprescindible nobreza, moverse con criterios de verdade, de sinceridade e de altura de miras e que o horizonte non estea marcado pola mesquindade e polo raquitismo moral. Cando Cánovas del Castillo dixo con tanta amargura aquilo de que español es aquel que no puede ser otra cosa, posiblemente pensaba nestes repelentes que fan imposible a convivencia democrática e empobrecen as posibilidades que ofrece a diversidade respectuosa.

Pin Millares, Xosé María