Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Suxestións especulativas

viernes, 01 de mayo de 2020
Unha vez superada a angustiosa crise do COVID-19 que estamos padecendo, imponse a ineludible necesidade de corrixir as correspondentes perturbacións que causou nos distintos sectores da nosa sociedade, e para isto é mester que os especialistas en cada materia e os políticos que teñen atribuídas responsabilidades gobernativas se empreguen a fondo, e se apresuren a reflexionar en todo o relativo ás competencias de cadaquén, académicas, e de matiz xurídico e administrativo, estruturando unha fiscalización equilibrada e adecuada as circunstancias post–pandemia.

Se aquí entendemos por ESPECULAR reflexionar nun plano exclusivamente teórico, as reflexións preliminares, duns e doutros, necesariamente teñen que ser anteriores a toda realización e hai que centrar a reflexión, neste caso, na complexa rede de imprevistos contextuais determinantes á hora de tomar decisións, que é o que compete especialmente aos políticos implicados, previos os debidos asesoramentos, tendo moi en conta os motivos, incluso ideolóxicos, que poden alterar as tendencias contextuais, non só as razóns estritas, senón, sobre todo, motivadas. Se a UE fose “unión”, e non un espazo no que os estados integrantes van a pelexar polos seus intereses, esquecendo a indispensable solidariedade, para o que dispoñen dun complexo institucional nada barato, prestaría un documentado apoio neste mester.

Pero non deberían confundirse os “motivos ideolóxicos” coas “decisións ideolóxicas,”sobre todo nunhas circunstancias nas que sería distributivamente inxusto omitir as razóns obxectivas que ofrezan os distintos especialistas; e a mesma oposición ao Goberno debe aportar solucións aos diferentes problemas que afectan ao país, con responsabilidade e sen fedor de pelexa política, porque volverlle o sosego e o equilibrio emocional ao pobo é unha obriga do Goberno e da Oposición, evitando empezoñar o ambiente con actitudes impropias deste intre, que só poñen de relevo a incompetencia de quen así actúa. E isto non exclúe resaltar os erros coa prudencia que debe asistir a quen demostre ser consciente das propias limitacións e do que esixen as actuais circunstancias.

E como queira que as susceptibilidades de cadaquén son libres, non esquezan que estas suxestións son sinxelas opinións e, polo tanto, gustaríanme que foran interpretadas como tales, como conxecturables, e, polo tanto, discutibles. Non obstante, na miña modesta opinión poden apoiarse en algunhas teses que se presentan como razoables. Por iso, as liortas verbais, certamente non sempre de bo gusto, entre Goberno e Oposición, poden entenderse non só como perspectivas distintas, senón tamén como diversas interpretacións, seguindo a afirmación de Nietzsche de que non hai FEITOS, senón só INTERPRETACIÓNS, e estas, por diferentes que sexan, non parece que esixan e permitan a utilización de expresións túzaras ou escasamente pedagóxicas, estas últimas froito dunha exquisita función que adoitan saltar os que teñen a obriga de coidala.

Por outra parte, o recoñecemento das propias limitacións mantéñenos na advertencia de que a realidade non só non é como nos parece, senón que incluso hai sectores da mesma dos que non sabemos nada. E hai un perigo no que poucas veces reparamos. É que SE CREO ALGO ERRÓNEO SOBRE A REALIDADE NON FORMA PARTE DELA. NON OBSTANTE, SE CREO ALGO ERRÓNEO SOBRE MIN MESMO, FORMA PARTE DA MIÑA PROPIA REALIDADE PERSOAL: QUEN ERRO SON EU, NON A REALIDADE. Marcus Gabriel, un filósofo alemán, dínolo así: “O meu ser intencional forma parte esencialmente do tipo de realidade que son”. E descoñecer isto leva consigo confundirme eu coa realidade, máis frecuente do que parece nos políticos, e que os leva a actitudes de arrogancia e autosuficiencia.

Outro defecto que se observa nos políticos con poder é considerar a normas que os favorecen como algo real, cando no son máis que unha medida á que certos seres reais poden conformarse. Nelas ven como unha referencia a unha realidade social representada, sen parar mentes en que a referencia ás representacións non é a mesma que a referencia á realidade representada. E con isto xogan: Hipertrofian a rede normativa, se lles convén, e debilítana, se consideran que os prexudica (por exemplo, os independentistas). Estes comportamentos encerran perigo para compartir tarefas de responsabilidade nacional. Por isto, non é de estrañar que a súa presenza poña fogo ás liortas políticas, e as súas especulacións marchen sempre polos camiños do interese propio, e aínda que deles non se deba prescindir, tampouco se pode esquecer que o que soen ofrecer como real depende do que establecen como propia e interesada verdade. Por tanto, hai que ter sempre presente que o real é completamente independente das afirmacións que sobre el se fagan.

E se nos parece que as mencionadas especulacións deben de contextualizarse, é polo que nos di o filósofo J. Benoist, da Universidade de París, quen advirte que o real é sempre un contexto, posto que o que se presenta en cada caso está relacionado cos intereses, as preferencias, as perspectivas, competencias continxentes e todo o que se adoita cuestionar, que non é pouco. Por iso, o real social é complexo; pero sempre convén coñecelo ben, que, por ser real, non implica que sexa facilmente coñecible, mais o seu bo coñecemento implica realidade, unha garantía de acerto na toma de decisións correctas e adecuadas.

Talvez sexa oportuno facer un estudo serio e documentado acerca de potenciar a vida nas aldeas, primando o sector primario, analizando o comportamento das poboacións do campo na pandemia do “Covid-19”, en comparación coas cidades, ateigadas de xente e animais de compañía, mascotas, sen reparar sequera na súa clase, primando a extravagancia, con completo descoñecemento do tipo de microorganismos patóxenos que son capaces de portar. E ese estudo esixirá unha reflexión especulativa para arbitrar novos modos de xestionar a convivencia nas cidades en condicións sanitarias que permitan enfrontarse a posibles catástrofes futuras. Debería ser a mesma UE a que promovera, con garantía de eficacia, os correspondentes estudos.

E xa que me deu por recorrer a Heidegger nestas colaboracións, permítanme que termine esta cunha cita del, sacada polo catedrático de Metafísica, R. Rodríguez García, da revista alemán “Der Spiegel” (O Espello), na que evidencia, no século XX, unha seria preocupación pola situación no seu país, e, referíndose a técnica, di: “todo funciona, isto é precisamente o inquietante, que funciona e que o funcionamento nos arrastra sempre a un maior funcionamento e que a técnica arranca e desarraiga da terra cada vez máis aos homes…Non necesitamos da bomba atómica, o desarraigo do home e xa un feito. Só temos puras relacións técnicas. Isto no que o home vive xa non é a terra” (“Der Spiegel”, núm. 23/1.976, px. 206).

Que vivimos da terra parece evidente, aínda que vamos camiño do recurso ao artificial; pero, acompañados das mascotas, tamén o é que as nosas relacións son puramente técnicas: Imperan os coches, o microondas, móbiles, ordenadores, etc.; e predomina o virtual, a fantasía, e un certo grado de alucinación… Pero na aldea aínda hai vacas reais, ovellas, grelos, xamón, leite boa, e non se quenta o caldo no micro, e o mesmo pan, cunha pouca de sorte, ata é de trigo do país. Todo nunha atmosfera de osíxeno limpo… Por iso, o bispo Guevara, xa nos seus tempos, veuse imperado a gabar á aldea. Fertilicemos, pois, con todo isto, as especulacións, posto que todo vai ser necesario para cubrir as fochancas da pandemia con algunha previsión de futuro!!!.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES