Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pingas de Orballo: O ruxerruxe dunha alucinación

viernes, 08 de mayo de 2020
Fun polo vento atravesando as Costelas e vin polo aire cruzando as Parrumeiras. E entre a ida e a volta vin cousas que ninguén viu, como bambearse unha doniña sobre a galla dun castiñeiro ou como cantar un grilo desde o alto dun penedo. Choutei sobre os valados do Caneiro e deixei que unha rula se pousase no meu ombreiro. Fun polo vento e vin polo aire. Pensando en como romper o feitizo dunha ilusión. Hai devezos ou anhelos ou soños que nos viran as asaduras, polo que non queda outra que botarse a correr e berrar, berrar moi forte. Berrar con ansia. Berrar con degoiro. Berrar incluso por berrar. Que todo sexa polo ben de cada un. Polo ben da rula que voa á túa beira. Polo ben dese silencio que, ás veces, mingua os berros. Fun polo vento percorrendo os Xeixales e vin polo aire eludindo as matogueiras dos Piuales. Pero o caso é que fun e vin naqueles minutos nos que a conciencia estaba en calma e os latexos dunha ansiedade acougaban acochados sobre unha nube branca que facía de almofada. Sempre temos dereito a tomar a vida con sosego, aínda que por veces nos ferva o cerebro. Fun polo vento e vin polo aire. Meditando, considerando o ruxerruxe dunha alucinación que descansaba na copa dun palleiro da aira do Pombal. Sempre haberá delirios de grandeza na cabeza de cada un. E aquel que non queira soñar esperto que deixe de ir e vir por entre o aire e o vento. Eu si que fun polo vento e vin polo aire. No vento sentei á memoria e no aire deite á nostalxia.

Polo corredor

É domingo e reméxome na cadeira. Férveme o sangue e fumégame a cabeza. Ando coma león engaiolado polo corredor do piso. Miro para as paredes e boto lume polos ollos. Poño, por suposto, cara de ferreiro ou cara de acelga ou cara de vinagre ou cara de poucos amigos. Non teño amigos porque estou só, ando só. Quero pegarlle unha puñada á parede pero teño medo a mancarme na man. Dentro do que cabe non son parvo. Ando enfurruñado pero cos cinco sentidos alerta. O sexto está cheo de carraxe. Carraxe porque o tempo nin pasa nin voa. Rabia porque os soños son soños e non se fan reais. E non vale que me diga: esperta do teu soño, Breogán. Porque me chamo Breogán, e son o fillo da Parrula e do Parrumeiro. Cada un ten os alcumes que lle poñen. Pero non quero desviarme deste corredor polo que desfilo. Desfilo cheo de furor porque non teño quen asubíe ó meu lado. O corredor fáiseme pequeno e dou centos de voltas, ou incluso miles de voltas, ata que caio rendido. Porque toda a forza chega o momento en que se esgota. Eu tamén me esgoto. E berro con coraxe porque non me quero dar por vencido. A min ninguén me somete; nin que ninguén intente mirarme de mal xeito, porque lle parto a alma e esprémolle o fígado. Revólvome de mala maneira cando penso que oio un ruído. Non hai tal ruído porque non hai ninguén. Teño que padecer esta ansia, esta angustia, esta ansiedade eu só. Tranquilos que a padecerei. Sei facer todo eu só. Ata mirarme ó espello e ver o demo reflectido nel. Son o demo!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania