Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Pódese pasar? (24)

martes, 28 de abril de 2020
Frei Marcos non sabía se rir ou chorar repasando aquelas miserias da súa xente; dos galaicos en xeral, e particularmente daquelas miñaxoias de Churiz. Despois dun receso e dalgún comentario entre eles:
-A ver, Fisgas, aceleremos, que aquí na Eternidade tamén avanzan os reloxos..., ¡e iso que son estrelados! ¿Traedes ao Inocencio? ¡Será cousa de incomunicalo, antes de que se picardée coa política democrática!
-Frei Marcos, suia, suia, como din os mouros; agarde un intre, só un intre, que nos falta outra escena. Pero, se o prefire, como estamos pillados de tempo, daquela cóntolla, ¡en dúas palabras!
-Nese caso será mellor que sintetices, canto poidas, que nos esperan no Tribunal de Don Pedro, ¡e aínda nos falta localiza-la terceira testemuña!
-Vai de seguido: Ocorreu que despois daquela sesión tan violenta, na propia Secretaría, o Xaquín deu en cavilar, e tamén en preguntarlles aos enlaces, chegando a descubrir certo encontro do Litis co outro rapaz, con aquel ao que chamamos Inocencio, ou Ferraxeiro, que foi un torpón e non soubo negociar. Despois de tres meses no cárcere da Coruña, á proposta da Social, aquel ferraxeiro quixo cobrarse, en especie, a zancada dun Secretario tan lioso e tan liante.
Reuniu cinco compadres, entrenados nos piquetes da minería asturiana, daqueles que traballaban arreo na Camocha. Así resultou que unha noite escura, axeitada, o auto do Secretario, coa candonga de par súa, -que para daquela xa non ían fornicar ao Portomarín senón a certo hostal de Lugo, máis cerca e máis discreto, -tivo que frear en seco, nunha curva, por mor dunha árbore caída ao momento; quere dicirse, que a serraron polo pé, ata deixala a punto, en equilibrio inestable, e despois diso, provistos dun trelo que ía desde as súas canas ao outro lado da curva..., ¡carrataplum! Caeu a árbore, de traveso, no momento preciso, ¡dez metros por diante do coche, co derrape conseguinte!
Apeáronos, cortesmente pero sen sorrisos, que levaban unhas medias transparentes na cabeza; e despois de ladea-la árbore para deixa-la estrada expedita, co auto empuxado para a gabia, fixéronos pasar ao interior dunha carballeira próxima, ¡sen que ninguén chistase! Á roiba puxéronlle un esparadrapo, e aoLitis desarmárono; da do nove largo, pois o que é a outra...; ¡a outra fóraselle cos mexos, desintegrada! Acto seguido atárono a un cerqueiro do fondo daquela chousa, e baixáronlle os calzóns, os de fóra, mesmo diante da súa Alcaldesa. ¡Cunha ducia de cintazos deixáronlle os de dentro tan pegadiños ao coiro como se de esparadrapo fosen! ¿Que, Frei Marcos, vaise divertindo?
O aludido, visiblemente impresionado:
-¿En..., en que quedou a cousa? ¡Inconcibible; estou abraiado!
-A cousa, o incidente, foi rápido; tanto, que remataron en cinco minutos. Os comunistas, de contado, quitáronlle o vetillo á señora, deixándoa libre para que desatase seguidamente ao seu amor. Despois da dellada, nun tris, saltaron á estrada, para largarse no auto, no deles, que o tiñan por alí cerca, na estrada, pero algo máis adiante. Fóronse do sitio, do lugar do crime, coa conciencia tan tranquila, asubiando, ¡como se acabasen de vencer en Waterloo! Máis nada; tan só que o señor Secretario, por aqueles días, recibiu ás visitas, tódalas visitas, en pé, e non precisamente por cortesía senón por culpa daquelas chagas das súas asentadeiras! Tardou en curar: tiña a cara dura, pero o que é o traseiro..., puro flan!

Nisto, que alguén chamou á porta da Fiscalía; Frei Marcos:
-¡Chist; pode ser o propio San Pedro, e se nos colle a contos, daquela...! Abride amodiño, que levamos moito tempo nesta cámara escura, e con iso vainos cegar ese resplandor tan purísimo do Ceo.
Fisga Nove, apartando un cúmulo azuliño que facía de porta etérea, volveuse aos de dentro:
-É o Secretario de Don Pedro; vén alarmado, tremendamente alarmado, que me está dicindo que Don Litis segue facendo das súas, a cal máis espectacular.
Frei Marcos, con aquela amabilidade tan proverbial, inveterada:
-¡Dille que pase; ata o mesmo proxector, que así participa do noso divertimento! ¡Ola, rapaz! ¿Que, como van eses incidentes...; aí fóra, digo, no Adro Santo?
-¡Desesperados, Frei Marcos; desesperados! Tedes que abrevia-la súa Revisión, que ese tío, ese rei do ordeno e mando, imaxínase que está na propia Secretaría, na del, na de Churiz. ¡Está afumando o Ceo cos seus fumes! Calquera pode con ese saurio, ¡salvo que pidamos axuda do Altísimo! ¿Á que non sabedes en que nova estrapucia se meteu?
Don Valentín, cos ollos coma pratos, intrigado:
-¡Coido que non será doado de acertar..., co inventivo que é ese tío!
-Non; non é fácil. Resulta que levamos unha racha de santificacións, das inxenuas...
Don Valentín, bromeando ao fío daquela nova:
-¡Así que si; e eu, aquí, confinado, sen gozar da gloria! A min sempre me tocaron as do cego, as negras, estas da Fiscalía; facer de Torquemada, ¡co distintos que somos! Pero, ao gran; ti conta, rapaz, que te interrompín sen querer; ¡sen querer e sen deber!
-Direille: ¡dá Gloria ve-la procesión destes días! Entre os Xubileos Compostelán, e mailo fervorín que desatou ese Vaticano, o II, ¡case que tódolos galegos entran á primeira! E menos mal que aínda queda algún Crego daqueles remisos, deses que perdoan con fortes penitencias, que despois non se compren, que se non fose por iso, desta baleirábase o Purgatorio, maiormente o galaico! Pero, ao que ía: Como queira que, sobre todo ás mulleres, sóbranlles anos de perdón, aí fóra, ao don Litis, deulle por pedírllelos!
Don Valentín, Frei Marcos, ía de asombro en asombro; case que tatexou:

-¿Pero, como...? ¡Iso non pode ser: a Gloria é persoal, persoal e intransferible! ¡Está escrito nas Leis Fundamentais, nas propias da Creación!
O Secretario de Don Pedro espraiouse algo máis:
-¡Exactamente! Niso estabamos, toda a Corte Celestial, pero o Litis presentou unha alegatio onde di que en Nicea definiuse, non me lembro en que Acta, que a Comuñón dos Santos tamén rexe de portas a fóra do Ceo; que é..., ¿como dixo? ¡Multidireccional! En consecuencia, como ese Fulano sabe latín, daquela interpreta as Actas á súa maneira; ¡puro sofisma!
Foi un dos Fisgas, que a tal intre máis que en caridade celestial ardía en curiosidade humana:
-¿Que...; que fai agora, nese escritorio contrabandeado, nese facistol, nese aparello que se montou coas muletas dos eivados?
-¡Meu Fisga, que coidas que vai facer semellante santiño! Púxose nun curro, ao discreto, tal que se fose un relicario de penitencia, e alzou unha cartela onde se le, Comunicantes. Mesmo coma esas petitorias que poñen as Damas da Cruz Vermella. Agora dedícase a impetra-las ánimas que desborden méritos, dicíndolles unha especie de sortilexio, con voz penosa, coma nun pranto: Credo no Espírito, na Igrexa Católica, na vosa Comuñón de tódolos Santos comigo, sempre comigo; e tamén, tamén ,na vida Eterna da Democracia, no Sumatorio de tódalas súas virtudes... ¡Asísexa!
Despois desa salmodia mitinesca, pídelles o voto, con esta fórmula: ¡Irmáns, porcaridade, deixádeme algo; simples excedentes, algo do que vos sobre, para que non se malogren en min esas grazas divinas..., tan importantes que son!
Como vedes, con este novo invento logo ten conmutada a metade da pena que lle foi imposta; e se non vos dades présa en atopa-las testemuñas para reiterarlle eses cargos con probas irrefutables, o que é ese tío non só se libra do Purgatorio senón que é capaz de conseguir unha Secretaría Primada, ¡destas do Ceo!
Frei Marcos, xustificándose:
-Nos, o que é aquí, non perdémo-lo tempo, que estes Fisgas fóronme preparando o cuestionario das preguntas, e mailo das respostas, para as testemuñas que fomos localizando, pero haberá que seguir coa revisión deses secretos do tal Litis, ¡para ver se damos coa terceira, coa definitiva!
O Secretario de Don Pedro conformou:

-Si, desde logo; é imprescindible que sexan tres, unha acusación trinitaria, que se non, tan certo como que hai Deus, que este litigante alegará defecto de forma, ¡e incluso infracción do Credo! ¡Fará canto se lle ocorra, que ocorrencias sóbranlle! Aquí, no Ceo, xa sabedes que todo é trino, empezando por Deus e rematando polas Teologais, así que teredes que dar con outra testemuña, ¡como sexa! Ben, non vos entreteño máis. Vosoutros seguide fisgándolle a vida íntima..., ¡ata o mesmísimo forro dos seus cataplíns, dado que tamén pecou con eles, moito, demasiado, todo canto lle manaron, canto lle deron de si, a cano libre!
Os da Fiscalía, Frei Marcos e mailos Fisgas, reactivaron naqueles proxectores, tamén canto daban de si, ao máximo da súa impedancia, a cen grados, e de aí para arriba, que xa alampaban aqueles mecanismos, case que tanto coma se fosen artiluxiosavérnicos!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES