Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A poesía de Avelino Díaz en Debezos (2): Introito

viernes, 24 de abril de 2020
A palabra "Debezos" é pouco empregada porque o castelán está acabando con ela en favor de "ansiar" ou "anhelar". Cando nós eramos máis novos, alo pola xa caída década dos cincuenta, aínda se empregaba en frases, ás veces algo coñeras como "...a marela e o rapaz son bastante devecidos" ou "devezo por unhas cañas e unhas milfollas".

A RAG (Real Academia Galega), hoxe, dinos que en vez de "debecer" a forma correcta é "devecer" con "v", e o seu significado é "desexar con ansiedade", ponnos como sinónimos "adoecer, alangrear, eslumecer, rabiar, reloucar". Sexa como sexa, a palabra "Debezos" é ben bonita e adecuada para un libro de poemas no que o autor devecía por Galicia, tal e como iremos vendo ao longo da obra.
A poesía de Avelino Díaz en Debezos (2): Introito
O libro foi publicado en Buenos Aires, en 1947 co título DEBEZOS e debaixo, a modo de subtítulo, VERSOS GALEGOS, co escudo de Galicia e unha diagonal azul de esquerda a dereita atravesa a página arremedando unha bandeira e como un símbolo que nos suxire amargura e dor do poeta por non poder volver a ela, así como a comuñón coa terra e a reivindicación do noso e tamén da nosa bandeira.

Segue logo unha dedicatoria do autor que reza da seguinte forma:

ADICA
A todos os galegos qu-en Galicia, e
Fora d-ela, loitan pol-a libertade.


O AUTOR
Na páxina seguinte, tan só estas palabras, tan significativas:
¡ Terra a Nosa !


SAÚDE (1)
O primeiro poema titúlase ¡Saúde! Saúde e saúdos á miña raza, á miña terra, á miña patria, aos galegos, á liberación fóra da escravitude, véndose ao final do poema os desexos das esperanzas cumpridas. É como unha beizón e recoñecemento á raza "Saúdo á miña raza" e xoga coa anfiboloxía das palabras "saúde" e "saúdo", chegando a unha homonimia que non é tal, senón unha paronomasia por ser palabras que só se diferencian nunha letra, e logo facendo alusión ás Hespañas que nos recorda a súa evolución do latín "Hispania" pero coa particularidade de que está en plural, e non é tal, como se quixera facernos sentir a presenza dunha nación o dunhas nacións diferentes, sendo os galegos "fillos da limpa casta", "matride da que xurden/ as longas caravanas/ pr-as qu-é o mundo pouco/ e poucas as distancias" entrando xa de cheo co problema da emigración dos nosos.

ZÉJEL (2)
No seguinte poema titulado "Zéjel" é un canto a Galicia que compara cunha moza á que lle dá o seu amor / "Como a garrida muller/ i-amor grande ll-hei ter"/ e no que segue a estrutura do zéjel mozárabe tan parecido ao vilancico; chámanos a atención pola poesía como expresión de desexos ou como nos impregna o seu título, é como un debezo de ser enterrado aquí, connosco "De Galicia namorado/ topareime ben pagado/ se n-ela son enterrado"/.

NOTAS:
(1) DÍAZ, Avelino.- Debezos. Buenos Aires, 1947. páxs. 7-8
(2) Ibidem. Páxs.9-10
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES