Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Chegou Enriqueta! (Lembrando a Enriqueta Otero)

sábado, 25 de abril de 2020
Chegou Enriqueta! (Lembrando a Enriqueta Otero) No Día da Muller, por vir de cumprirse os trinta anos do seu pasamento, celebrouse unha homenaxe en Castroverde á guerrilleira Enriqueta Otero, rebelde con causa, utópica reformadora dun mundo que non estaba preparado para ser reformado. Con este motivo, lembramos o artigo necrolóxico que o noso colaborador José María Gómez Vilabella, devoto de Enriqueta, coma ela de Castroverde (Lugo), publlicou con motivo do pasamento da secretaria galega de A Pasionaria.

Chegou Enriqueta!

Enriqueta Otero, filla preclara de Castroverde ou, se o prefires, luceiro de Miranda -xurisdición que con Montecubeiro compuxo o triunviro municipal de Castro o Verde-, ¡xa estás na gloria! Na gloria de Deus, e tamén na da Historia.

Dende San Cibrao ó Páramo pasando pola Meda tiñan que soa-las campás, pero non acostumamos a tocalas nos enterros; onde si te recibiron, ¡seguro!, con tódolos sinos repenicando foi no alén, que alí hai xustiza e alí comprendéronte.

¿Sabes cal foi o primeiro lostregazo que tivo o meu entendemento cando a TVG deu a noticia -¿triste noticia, alegre noticia?- do teu pasamento? Do máis simple: Tiven envexa dos nenos da Agrupación Escolar de Castroverde porque eles naceron oíndo falar de ti; e, por suposto, que tamén do noso veciño Manuel Cordeiro. Eu tiven, nos meus tempos, que facer de policía para ir descubrindo algo de vosoutros; e para iso contraditorio en moitísimas fontes consultadas.

¡Ah, Manuel Cordeiro, ou Cordero! O teu mestre, aquel analfabetiño que gracias á escola adulta da “Casa del Pueblo” madrileña chegou a mestre de mestres, seguro que foi o primeiro en darche a benvida dende o pináculo da gloria. Estouno vendo:

-¡Enriqueta, Enriqueta Otero; por aquí, sube máis arriba, que esta é a gloria dos fillos ilustres de Castroverde!

-Pero, Manuel, ¿ti aquí? ¡Que alegría! Nembargantes debe haber algún erro pois véxote á dereita do bispo Osorio de Vilabade! ¿Ou non é este señor tan campechano aquel Bispo-Virrei que andou polos Ángeles de California, xa antes de inventarse o cine? ¿Non será que aquí se volveu comediante?

-¡Miña Enriqueta, nosa Enriqueta, vouche contestar, eu mesmo! Comprendemos a túa sorpresa pois vés dunha España faranduleira, con ou sen democracia; pero tempo terás de ir comprendendo que este é o mundo que fixo Deus, o verdadeiro, que o de Curros quédanos abaixo, ou máis exactamente, debaixo. ¿Non suspiraches, non loitaches ti por unha humanidade igualitaria, comprensiva, fraterna? Pois, miña rapaza, ¡xa estás nela!

-¿Rapaza, eu?

-¡Si, rapaza, que aquí serás eternamente xoven! E ten por seguro que eu entendo diso; non esquezas que deixei o meu tesouro dedicado a dota-las doncelas de Castroverde, así que decátate que aquí os piropos á muller galega son verdadeiros. Pero máis che digo, que aquí tés, á miña dereita, ó Manuel Cordeiro, que daquela, nas Constituíntes da República, non se quedou á zaga da Campoamor, e mesmo lle estalou o corazón no Parlamento cando dixo aquilo de: “Hay una tierra, -¡que bella es!-, Galicia, en donde la mujer rinde a la familia y a la sociedad más esfuerzos que el hombre. Este, sugestionado por la necesidad siempre, vino emigrando, dejando a la mujer al frente de la hacienda y de la familia. Y cumplía su cometido con tal heroísmo que bien merece nuestra admiracion”.

-Foi valentía, si; que daquela o PSOE aínda tiña medo de que os cregos torcesen o voto das mulleres.

-¡Mira quen vai falar de valentía! Valente ti, miña Enriqueta, como o proban as túas feridas; o meu foi só de palabra.

-Eu, daquela, cando me levaron sen cura-las feridas ó cárcere da Coruña, ben pensei que me levaba o demo.

-¡Ca, muller; o demo nunca, que estaba aquí, á miña esquerda -fíxate no que che digo, á miña esquerda polo social que foi-, este gran Bispo e paisano, pregando por ti!

-¿E se me queriades convosco, por que non subín daquela?

-Era cedo para ti, que aínda tiñas que ser exaltada mesmo, mesmo, na terra en que te perseguiron. Pero tamén faltaba outro requisito: Ti aínda non fundaras “O Carriño”, e non tiñas en que vir. Pero diso do pasamento das persoas honradas -que non sempre son as que reciben honras aló abaixo- quen máis che entende é aquí o señor Bispo Osorio; ¡que che fale el!

-Pois logo, en dúas palabras: Ti sabes que Elías subiu ó Ceo nun carro de lume...! ¡Non, non penses mal, que non era o lume das toxeiras! ¡Pois ti, Enriqueta, subiches no teu carro da fraternidade!

Daquela entoaron tódalas persoas salvas de Castroverde, que eran maioría, (eu vin en sonos como lle mandaron a un demo cativeiro que apartase ás outras- un fatadiño pequerrecho de envisos- para os antros do olvido, para que non encordiasen), un canto pracenteiro. Cantaban na lingua dos anxos e por iso só collín a música; pero soaba deste xeito: ¡Chegou, chegou, a nosa Enriqueta! E vén de gañar a pulso un preito, porque loitou pura, sen vendetta. ¡Véuse nun carriño por cadaleito!

( Lembranza póstuma publicada por Xosé María Gómez Vilabella no xornal El Progreso, de Lugo, o 5 de novembro de 1989.
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES