Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os tres Manuel'es

martes, 21 de abril de 2020
“No seu posto de combate á fronte dos seus bravos guerreiros, morreu o gran Ponte en compaña de dous dos seus entrañables camaradas... Xurámosche que o teu sacrificio non será estéril. Prometemos ser dignos á túa memoria e combater deica as últimas gotas do noso sangue, pola liberación de Galiza...Viva a República”

Así se daba a nova no “Mundo Obrero” do 1 de maio de 1947, editado polo Comité de Galiza do PCE no seu número 7 e ao prezo de 1 peseta. Neste texto resumido e cunha estrela de cinco puntas como fondo da primeira páxina.

Por facer algo de memoria debemos lembrar que despois da sublevación militar-fascista en xullo do 36 con moitísima violencia en Galiza, centos de persoas, ata entón agachadas e sublevadas esporadicamente aos fascistas ata o 39, deciden fuxir ao monte e no norte da Coruña e Lugo así como entre León e Ourense crean incipientes estruturas guerrilleiras do Estado. En 1945 e 1946, o PCE estrutura o Exército Guerrilleiro de Galiza, dividido en 5 agrupacións. As máis activas resultaron ser a 4ª agrupación, a da Coruña, e a 2ª de Ourense. Cómpre destacar o apoio popular das súas accións e para a súa permanencia no tempo, deica os primeiros anos cincuenta como única oposición ao franquismo.

Breve cronoloxía, (folleto de Bernardo Máiz):

Entre o 20 e 30 de xullo do 36 comeza a sublevación, toman cidades e pobos con grande represión, tanta que provoca a fuxida masiva aos montes de mulleres e homes.

En outubro do 37, cae a Fronte Norte, moitos combatentes republicanos vanse agochar nas montañas de Galiza.

Entre abril e outubro do 39, fin da guerra. Realízanse algunhas acción militares contra os fuxidos. O Gafas e Neira tentan a primeira estrutura de resistencia organizada.

Entre abril e novembro de 1942, a Federación de Guerrillas de León e Galiza faise única. Hai enfrontamentos armados no Leste de Lugo e Ourense e no Oeste de León, tamén nas zonas de Ferrol-Betanzos-Ortigueira-Viveiro.

En outubro de 1944, coordínanse en Galiza os diferentes grupos armados e constitúen Agrupacións guerrilleiras vencelladas á UNE-PCE.

Entre marzo e decembro do 1945, principia o Exército Guerrilleiro de Galiza con “Marrofer” na súa xefatura.

En 1946, Gayoso e Seoane, potencian as loitas antifranquistas cun espectacular incremento de acción armadas e de propaganda. Morre Marrofer (en xuño, en Aranga), Manuel Ponte vai á xefatura da 4ª Agrupación “Pasionaria”. Organízanse tamén a 3ª no Norte e Centro de Lugo e a 2ª no Oeste e Centro de Ourense. Sae o primeiro número de “El Guerrillero”.

En 1947 organízase a 5ª Agrupación no Norte de Pontevedra. Prodúcense numerosas sabotaxes contra gardas civís, xefes locais da FE, alcaldes, cregos e demais confidentes. Disólvese a Federación de guerrillas. Morre Manuel Ponte, o 21 de abril, xunto con Manuel Díaz Pan e Manuel Rodríguez “O Asturiano” despois dun combate en Fontao, Frades, contra as forzas da Garda Civil.

Entre marzo e outubro de 1949, caen en Chavega, Monforte; en Remesar, Bóveda; en Pazos de Monfero, tamén a Guerrilla voante ourensá, morreron trinta e cinco combatentes antifranquistas galegos.

Entre a primavera do 50 e do 51, marchan a Francia os responsable da Guerrilla e do PCE, caen as bases guerrilleiras, a Guerrilla perdeu outros trinta e un combatentes.

Entre 1952 e 1955: Benigno Andrade, O Foucellas, foi agarrotado na Coruña, en agosto do 52, Francisco Leira “Pancho” morre en Pontedeume o 31 de decembro do 54.
O ACONTECIDO O 21 DE ABRIL DE 1947:

Causa 200/1947, A Coruña. Logo da detención de setenta persoas da comarca de Ordes e indo cara a Pomariño, Fontao (Abellá, Frades) ducias de gardas civís rodean a casa onde se refuxian os combatentes da 4ª agrupación guerrilleira. Tentan saír do cerco e, nesa tentativa, caen tres guerrilleiros do Destacamento “Manuel del Río Botana”, da 4ª Agrupación “Pasionaria”. Conseguen fuxir Emilio Pérez Vilariño e Juán Couto Sanjurjo, os caídos foron:

MANUEL PONTE PEDREIRA, chamado tamén Xastre -pola súa profesión, Negro, Pintor, Maricielo. Nacera en Frades en 1911 e residía en Ordes exercendo a profesión de xastre.

MANUEL DÍAZ PAN, co sobrenome de Rogelio, nacera en 1918 en San Pedro de Nós. Era carpinteiro e afiliado á CNT, despois ao PCE. O seu irmán José María tamén morreu na guerrilla en Vilarmaior en 1951 e o seu irmán Francisco estivo encarcerado e acompañounos, mentres viviu, moitos anos no acto da celebración da Memoria que facemos sempre en Abellá -no cemiterio- e en Fontao, onde os mataron e onde puxemos unha pedra cunha inscrición na súa lembranza, no ano 2009. Anque xa levabamos ben anos celebrando aquela data.

MANUEL RODRÍGUEZ -Suárez?, Gundín?. Non se sabe o segundo apelido con certeza, tiña de alcume O Asturiano ou O Chispas. Nacera en 1928 e de familia duramente represaliada.

Todos os anos celebramos alí a memoria, non só dos TRES MANUELES senón tamén de todas aquelas persoas que foron represaliadas na defensa da Liberdade. Moitas delas aínda ignoradas ou abeiradas nas fosas e “cunetas” dos camiños. Alí xuntamos desde o principio -máis de vinte anos- coas familias de Ponte -A filla, Maruchi e a neta, Clara-, tamén coa familia de Díaz Pan, durante moitos anos coa presenza do lembrado irmán Francisco que nos contaba sempre, en diálogos curtos e de proximidade, moi emocionados, cousas e anécdotas desas da intra-historia, tan clarificadoras nas que a dignidade sempre prevalece por riba de todo e, por iso, nese enorme herdo celebramos aos tres heroes de tal sacrificio e tan dignos de agradecida memoria.

Ao non ter datos de “O Asturiano” non podemos saber da súa familia, se a ten sequera. Nese día de celebración, faise sempre unha ornamentación de bandeiras e de flores, no lugar onde están as súas cinzas, unhas interpretacións musicais e tamén de pequenas intervencións no Cemiterio de Abellá que nos refresquen a memoria e que poñan en valor as accións de toda esta xente e de xente que, coma eles, souberon dicir NON ao abuso e á usurpación da legalidade. O seu esforzo non pode ser estéril e aí é onde inciden as intervencións, con lectura de poemas, con recordos e mensaxes, con interpretación do noso Himno e, despois, de novo en Fontao na pista onde puxemos a pedra no ano 2009 hai de novo exposición de memorias e motivos. A partir de aí, procuramos un xantar na Berxa, para quen queira, nun merendeiro alí preto que rexentan as fillas do Berxo, un enlace da guerrilla tamén moi significado na zona, e alí en encontro fértil, comemos, bebemos e cantamos xuntos.

Sempre lembramos, recitando, afirmando, lendo, expresando, cantando, poñendo flores onda a pedra a aqueles que viñeron connosco, sobre todo a aqueles que tanto nos ilustraron cos seus relatos como a Francisco Díaz Pan, quen nos relataba o modo de “non chorar” da súa nai, cando foi recoñecer -diante os gardas- ao seu fillo abatido e desposuído das botas e do reloxo. Tamén Avelino Pousa Antelo que preparaba discursos de grande elocuencia e verdade, na súa sinceridade cronolóxica. E outras e outros moitos dunha lista interminable de compañeiras e compañeiros nesta permanente loita contra o esquecemento.

Este ano, por mor do Covid-19 e da prohibición, non poderemos xuntarnos coma sempre. Estaba pensado facerse -contando coa vosa presenza- o día 25, o próximo sábado deste mesmo mes. Mais, que non poidamos estar fisicamente xuntos, non quere dicir que non poidamos lembrar aquel sublime exemplo, o de todas aquelas persoas que deron a vida pola única veraz, a Causa de Galiza e da Liberdade. Da Dignidade, en definitiva. Porque esta resistencia, queiramos ou non, é a única saída da esperanza.
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES