Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sen lamentos

lunes, 20 de abril de 2020
Sen lamentos Cando noto que a carraxe ou que a tristura queren aniñar en min, penso nos topos da posguerra e axiña se me pasa o esvaecemento. Porque nós non temos dereito ás queixas.

O que temos é que tirar cara á adiante e sen mirar atrás. Porque se miramos atrás temos que ver e sentir á forza a aquela xente pechada nun buraco, nun pozo, nun par de metros cadrados, sen comodidades e co medo prendido no corpo. Penso nas familias daqueles que estarían encerrados no oco dunha escaleira ou nun recanto do faiado porque, aquelas, vivirían en tensión por medo a que se lles escapase algún detalle, algunha frase, algunha palabra que os delatase.

Non nos queixemos, por favor, destes dous meses nos que estaremos pechados con todas as comodidades do mundo. Eles estiveron sen ordenadores, sen móbiles, sen libros (a maioría eran analfabetos) e completamente sós. Aínda que estivesen debaixo dunha escaleira ou cortello non se atrevían a falar coa familia por medo a que alguén os escoitase desde fóra.

Entendo a situación dos nenos e dóeme na alma, con todo o que me gusta velos xogar. Aquí ata son partidario de buscar un método, algo, para que poidan saír a dar unha voltiña. Pero nós, nós non podemos lamentarnos destes dous meses de encerro. Entendo que nos amole o asunto da economía, demasiado grave por certo, principalmente a eses autónomos que, á fin, moitos deles xa non se erguerán nunca máis. Pero polo propio encerro en si, non temos dereito a laiarnos.

A Sabina roubáronlle o mes de abril, e que!... aí segue dando mecha. A nós róubannos dous meses e temos que seguir porque hai que seguir. Temos que seguir aínda que só sexa por esa xentiña que leva o mesmo tempo ca nós ó pé do canón (de maneira especial, o colectivo sanitario), para aliviarnos esta situación, para salvarnos incluso.

Boto de menos o momento ese de saír a tomar un café e parolar un chisco cos amigos. Estou canso de ler sentado na cama, con todo o que eu gozaba lendo paseando. Pero aínda así, non me queixo. Como me vou queixar, se no momento en que quero iniciar a queixa, zas, vénseme á cabeza os topos da posguerra. De todas formas, que remate axiña esta situación coa que nunca ninguén pensou que chegaría. Que remate; polos nenos, por nós, por todos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES