Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O 25 de abril ante a súa propia antítese

miércoles, 22 de abril de 2020
Hai datas que obrigan a facer artigos como un ritual. Datas que latexan no corazón e que alimentan o espírito con pan ilimitado que nos conforta para anovarnos de forzas na loita pola vida e por conseguir un futuro mellor colectivamente. Para min, unha destas datas de cabeceira que me aquece o espírito e me fai vibrar o peito é, sen dúbida, o 25 de abril.

Este ano toca o que toca: celebrar en confinamento días de rúa. Xa pasou co 14 no que houbo que xuntarse cos camaradas por vía dixital sen apertas nin mans agarimosas que teiman polo porvir.

Está claro que todo é polo noso ben e que, polo tanto, debemos de ser absolutamente escrupulosos no cumprimento da norma para conter o bicho e contribuír na medida do posible a que este pesadelo pase o máis rápido posible. O cumprimento do confinamento é unha obriga moral que, sen dúbida, entra dentro do espírito social e solidario que caracterizou a Revolución dos caraveis. Polo tanto, o respecto ao confinamento é a mellor celebración que lle podemos facer a este fito histórico.

Máis alá disto, ninguén nos impide afondar na antítese que supón a celebración desta data en confinamento. Hai que lembrar que o feito fundamental deste día, foi a toma das rúas por parte do pobo. Unha toma que se reafirmou nun multitudinario 1 de maio que vexo, tamén, difícil poder celebrar. O devir da historia ponnos na antítese de que ter que considerar que o verdadeiramente valente e revolucionario é quedarse na casa. Aínda que parece máis doado do que foi saír á rúa no 74, quizais debamos ponderar cada feito na súa altura e ter a fonda convicción de que a valentía cidadá do 74 está en nós dotándonos de forza para resistir.

Todo volverá e tamén este abril que nin Sabina imaxinou que fora roubado por un bicho tan pequeno. Hoxe o furto xa está consumado, abril foi roubado por un virus con nome de coroa. Agora ben, abril vai volver para o pobo, vai volver anovado no canto do cuco, repenicado con ecos de cidadanía. Vai volver para demostrarnos que resistimos e que gañamos todas as rúas e todos os soños. Vai volver para reafirmarnos na liberdade e nos dereitos sociais. Vai volver nun abrente limpísimo (verbas do Manuel María) para erguernos ceibes e sementar primaveras perennes de liberdade. Abril volverá en brazos de sol e música de chuvia para aquecernos as feridas e lavarnos as tristuras vestíndonos novamente en pel de ledicia.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES