Antes de empezar coa poesía de Avelino Díaz, é mester realizar unha pequena biografía do persoeiro, e para iso, seguimos a Maribel Freire Freire (1) á que lle facemos un resumo do seu tan interesante e documentado libro.

Avelino Díaz y Díaz nace no lugar de Travesa (parroquia de Santa Comba de Órrea) no concello de Riotorto o 14 de novembro de 1897. Foi fillo natural de Antonia Díaz y Díaz, que o trouxo ao mundo aos 22 anos e botóuselle a culpa ao patrón da casa onde servía, motivo polo que foi despedida. Ata os 10 anos Avelino viviu na casa de súa mai, na Travesa, e no 1907 trasladouse a Meira.
Con tan só 12 anos, o poeta emigra a Buenos Aires (2) en compañía dun parente; ao chegar, atópase coas dificultades de encontrar traballo e por conseguinte da mantenza, e tras dunha permanencia de seis anos, retorna a Meira en 1916, onde, nunha estadía de catro anos dedicarase a exercer como mestre do ferrado e ir ás segas a Castela para subsistir.
Con 22 anos, en 1920 colle, mar por medio, camiño á Cuba da gran crise económica e, logo, a Buenos Aires para asentarse definitivamente alí en 1921. Casa cunha moza navarra, Felisa Iduriaga, coa que chega a ter catro fillos. Traballa de contable en empresas industriais, mais sempre co desexo de volver, algo que aparece con asiduidade en toda a súa produción poética.
Morre o 20 de marzo de 1971 no Sanatorio do Centro Gallego aos 73 anos de idade, case totalmente cego e enfermo de alzhéimer (3). Foi enterrado no Panteón do Centro Galego preto de Castelao e de Ramón Suárez Picallo, dous grandes persoeiros a quen Avelino admira profundamente.
Avelino Díaz é nomeado membro da RAG (Real Academia Galega) en 1951 e a súa personalidade podémola resumir, física e intelectualmente, cos seguintes trazos: poeta e periodista, rubio, de ollos azuis, andadeiro, romántico, sorrinte, humilde, de falar pausado, alto, moi culto e autodidacta.
En canto á súa obra, unha boa parte dela está perdida, destacando no eido da poesía,
''Debezos'', ''Pallaregas'' e ''Flor de retama'', entre outras. Aínda que o autor foi un prolífico escritor en galego e castelán, tanto en prosa (artigos xornalísticos), como en verso, tamén tocou o teatro nalgúns traballos, a tradución e discursos, conferencias e relatorios.
NOTAS:
1. FREIRE FREIRE, Maribel.- Avelino Díaz: Unha voz comprometida na Galicia emigrante. Edita Brigadas en defensa do Patrimonio Chairego, Lugo, 2002.
2. Ibidem.- Páxs, 8-9
3. Ibidem.- Páxs, 18,19 . . .