Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Día da poesía en confinamento

jueves, 16 de abril de 2020
Esa mañá ao chatear cunha amiga, a modo de despedida puxen:
“Feliz día da poesía.
Por que non enviamos un poema á xente que nos apeteza?
Pode ser unha boa maneira de celebralo…”

A primeira contestación debería terme desanimado (“Non sei, estou vagoneta, cánsame un pouco o dos whpas… recibo tantos”) pero tivo o efecto contrario, igual que cando levas un mal día e decides facer algo bo que rache tanta negrura, así que decidín que ía enviar a proposta a todo o mundo, a destro e sinistro.

Conforme ía enviando ao grupo de contactos, deime conta de que me chegaban moitas respostas, de forma que tiña que parar para poder lelas e facer un comentario.

Algunha vez xa sucedera que por non ler, o que me ía chegando, non me dei conta de que había algunha incorrección no texto ata que xa os enviara todos…

Chamoume a atención tanta interacción por que non se trataba dun destes whpas con ameaza, co encargo de ter que enviarllos a non sei cantos e taménde volta ao emisario, de feito eu non agardaba recibir ningún pois consistía nunha proposta aberta: enviarllo a quen apetecese. O que se pretendía era festexar unha data, unicamente iso, poñendo a xente a ler poesía.

Aínda así houbo respostas de todo tipo, porque sempre hai alguén que pasa do tema e che propón outro: “por que non dicimos cada unha de nós a música que nos anda pola cabeza?”. Teño que respirar forte antes de contestar, porque a min tamén me gusta esa proposta, pero agora estamos á poesía ou como dicía o chiste, a cogomelos, e non damos atendido á recollida de boletos e rólex a un tempo. Non quero contestarlle mal, se ela fai esta proposta do día da música, eu secundareina, pero estou farta de estraños discursos. Discursos do tipo dos que poño como exemplo e que corresponden a outras situacións: “coa que está caendo non é o momento de facer unha cazolada para protestar polo comportamento do emérito”, “o resto das monarquías europeas non son mellores e nós andamos sempre a condenar aos nosos”, “fixo iso mal pero no outro foi moi bo”, “ademais unha república resultaríanos moito máis cara”,“teríamos que protestar por moitas máis cousas senón mira os bancos”…

Sempre dispersando o lixo, remexendo para que o cheiro se estenda e non saibamos cal é a causa, contando mentiras que a xente repite e de tanto facelo case case se fan verdade. Pois si, logo están as que non len ou aquelas persoas que non perdoan que non se lles ocorrera a elas, “vasme dicir ti a min o que hai que facer? quen es ti para…?”, “cando ti vas xa eu veño de volta” aínda que eu nunca as vira ir nin vir.

E ese silencio espeso, que a estas alturas da vida xa non importa sentir, porque tes a diagnose (miseria), outros que simulan que fan “si, xa o coloquei” non sei onde, pero trátase 0doutra cousa e non importa, ata dá gusto sentir o aire na cara.

Todo iso forma parte do lado escuro, pero neste caso foi minoritario, porque as respostas que chegaron emocionáronme; non era para menos, tiñan a inocencia de alguén que confirma: pídenlle poesía, e está disposta a dala. Así, chegaron poesías escritas para compartir tendo máis ou menos en conta a situación de confinamento e iso falaba da disposición a escribila, de como a poesía como pluma de ave podía tocar a uns e outras no espírito e poñelas a deseñar versos en liñas inacabadas.

Que poderosa é a poesía, con que profundidade nos toca e nos predispón a mostrar o que levamos dentro.

Outras pertencían ao legado cultural, así chegou Espronceda, Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Mario Benedetti (Como va a ser tu día hoy?“, “No te rindas“), Emily Dickinson, Alberti, Xohana Torres, Estíbaliz Espinosa, Machado, Benito Varela Jácome, Pessoa…Algunhas repetíanse como as relacionadas con esta e outras pandemias como “Era el 11 de marzo de 2020 (…) pero la primavera no lo sabía” ou o de K.O. Meara escrito durante a epidemia de peste en 1800 (“Y la gente se quedó en casa”), os de Benedetti defendendo a resistencia e a construción do día, o texto do Quijote “Sábete Sancho, que no es un hombre más que otro sino hace más que otro…”, poemas populares; houbo quen se estreou e animou á escrita de estrofas feitas para provocar comicidade…

Chegaban vídeos de recitados (algún do propio autor/a e outros nos que era outra xente quen lle poñía voz incluso nos dous idiomas), fotografías de páxinas de libros ou de textos escritos a man, audios, poemas escritos directamente co teclado, enlaces a páxinas, vídeos de actores profesionais recitando poesía, enlaces a poemas e páxinas de poesía, cancións que tamén eran poemas, poemas propios publicados e agora fotografados ou lidos en vídeo… Alguén me remitiu á revista cultural dun xornal no que unha ducia de poetas presentaban o seu último poema inédito. Alguén me pediu un poema propio en audio e tiven que escribilo porque me parecía unha falta de respecto non facelo, despois de tantaxenerosidade. Entón, describín o que pasara o día antes, unha situación poética da que fun consciente cando me pediron que escribirá algo, xa estaba escrito, andiantarame un día vivíndoo.

Había verdadeiras belezas que falaban de sinceridade persoal cando enviaban “Se envellecemos xuntos” de Xulio Valcárcel ou “Me basta así” de Ángel González, que poñían os pelos de punta.

Si, a xente tiña fame de palabras, fame de poesía, fame de falar dende dentro, dende o interior da linguaxe, alí onde se tocan os sentimentos e as emocións.

As respostas que recibía eran de todo tipo pero dignas de ter en conta. Falaban da necesidade de agarrarse á palabra propia ou apropiada a outros. Facíanme lembrar outros momentos relacionados coa poesía. Como a primeira vez que alguén me pasou unha poesía e me fixo pensar: era un poema de Salvador García Bodaño, que un amigo fixo seu para agasallarme. Algo inesperado, tanto como cando, recén chegada ao país, lle preguntei a unha compañeira por unha antoloxía de poesía colombiana e me pasou a súa: era un caderno no que tiña escrito poema a poema os que fora seleccionando ao longo da súa vida, a súa propia antoloxía.

Así é a poesía, o 21 de marzo ou calquera día.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES