Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os tronos e Santa Bárbara

lunes, 13 de abril de 2020
Os tronos e Santa Brbara O tempo pasa e todo cambia. A nosa vida cambiou o cen por cen. Unhas palabras tan feas ou polo menos tan normaliñas coma confinamento, encerrados, pechados, corentena, enclaustrados e recluídos quizais sexan hoxe as máis usadas en todo o país. Non obstante, a min a que máis me impresiona é a palabra distancia. Porque aínda que esteamos confinados, algunha que outra vez, e polo menos algúns, temos que saír para procurar o sustento dunha familia. É nesas saídas onde asoma a palabra distancia, esa distancia que hai que gardar uns dos outros, co temor reflectido na cara, coma se tanto uns coma os outros foramos uns apestados.

O peor é que, ó mellor, algún de nós si é un infecto. Pero ese medo, esas miradas, esa forma de apartarnos é o que me abraia. Tamén me enche de tristeza porque se te cruzas cun amigo, coñecido, veciño e incluso familiar non queda outra que dicirlle tan só o imprescindible ou, simplemente, monearlle coa cabeza, coma se fora un calquera.

A nosa vida cambiou o cen por cen. Aínda hoxe atopeime cun deses slogans que asoman polo feisbuq no que se pedía o apoio á xente do campo. Xa outros días comparaban en plan despectivo a uns personaxes famosos cos agricultores. E, como non, tamén agora, ás oito da tarde/noite, se piden aplausos para ese colectivo.

Recoñezo que levo todos estes días “flipando”. Agora todo o mundo se lembra dos labregos! Din que só nos acordamos de Santa Bárbara cando trona. Vese que caen tronos a moreas, porque xa defendemos colectivos ós que sempre ignoramos. A agricultura e a gandaría sempre acadaron os maiores desprezos da sociedade en xeral e dos políticos en particular. Penso que o digo por experiencia. Se algunha vez o labrego intentou erguerse da súa miseria, tiveron que facelo catro pamemiños. A ver, por que vas protestar se tes a mesa servida. Tan só protestas cando che falta algo. Nunca pensamos quen che puxo iso na mesa.

O asunto do coronavirus está poñendo a cada un no seu sitio. Para o bo e para o malo. Ós bos sempre se lles recoñecerá o mérito tarde, mal e nunca. E ós malos... os malos sempre serán malos por natureza.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES