Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sermos inmortais

domingo, 12 de abril de 2020
O ano litúrxico vainos levando pouco a pouco polas diversas experiencias cristiás da fe. Vainos poñendo en contacto co Xesús que nace coma nós, aínda que máis pobremente, no Nadal. Preparabámonos na Coresma para sentirmos con el as súas tentacións, as súas renuncias e a súa vida adulta de anuncio da boa nova para todos, de maneira especial para os máis necesitados e carentes de bens deste mundo. E nestes días pasados viviamos con dor e compaixón os padecementos e a morte de Xesús.

Mais sabiamos tamén que detrás deste aparente fracaso absoluto da súa vida, deste afundirse o sol no horizonte e na noite, ía acontecer un novo rexurdimento. Un amencer de Xesús resucitado, que en adiante non morrerá xa máis. Xesús converteuse así nun sol radiante, que non volverá ter máis solpores. Xoán cóntanos hoxe no evanxeo que a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, “cando aínda era escuro”. Cousa que podemos entender tamén simbolicamente. María Magdalena, e con ela todos nós, camiñamos ou corremos cara á Luz do Resucitado, porque a escuridade non nos vai. Somos todos bolboretas inquedas que voamos cara á luz na noite escura.

Non hai cousa que máis queiramos cá luz e a vida. E isto sempre e para sempre. Deus púxonos esta querenza no corazón e coa resurrección do seu fillo e irmán noso, Xesús, esta nosa fonda querenza atopa o que busca. A luz e a vida aquí e no alén da morte están así en boas mans. Porque Xesús resucitou e se converteu en “Señor” de todo.

Este é o significado da Resurrección. Xesús e con el a humanidade toda estamos destinados, máis alá das nosas particulares mortes biográficas, a sermos inmortais. Morreremos, si, pero para non volvermos experimentar xa nunca máis angustias mortais. A nosa morte coincidirá co comezo dun novo e definitivo vivir para sempre. Por iso, os primeiros cristiáns loaban a Deus, ó celebraren a Resurrección, dicindo e cantando “aleluia”, como fixestes vós despois da Primeira Lectura. E “aleluia” quere dicir: “loado sexa Deus”.

“Loado sexa Deus” pola súa grandeza, polos seus grandes plans sobre nós. Porque os pequenos ou grandes padecementos da nosa vida veñen sendo en definitiva moi pouco en comparanza co grandioso destino que nos espera.

Por iso, dicía Pedro en relación coa resurrección de Xesús que a alegría debería rebordar en nós: “Loado sexa Deus –así nos di el-, que pola súa gran compaixón resucitou Xesús Cristo da morte e nos fixo renacer a unha vida nova que se nos dá en esperanza [...] Por iso –continúa a dicir Pedro- brincades de alegría, aínda que agora, se fai falta, teñades que sufrir, por un pouco tempo, diferentes probas”.

A alegría debería ser, pois, o sentimento normal e estábel na vivencia da nosa fe. Desta nosa fe, que ten os seus alicerces no acontecemento pascual da Resurrección do Señor. O domingo de Resurrección é o modelo do que copian tódolos domingos do ano litúrxico. Pois “domingo” quere dicir día do “Señor”, é dicir, de quen “domina” sobre todo. Coa súa resurrección converteuse Xesús en “Señor” de toda a creación e dos tempos todos: pasado, presente e vindeiro.

En Xesús, o “Señor”, ten firme alicerce a nosa confianza, pois El é o noso irmán. Da súa Resurrección provén, pois, a nosa alegría. Como repite a liturxia pascual: “Este é o día que fixo o Señor. Alegrémonos e relouquemos nel”. Da súa resurrección derívase a nosa. Esta é tamén, en último termo, a razón do dito popular de estar alegre “como unhas pascuas”...

Agora ben, se os discípulos creron porque “viron”, a nosa crenza en Xesús resucitado terá que basearse na nosa “fe”, non na nosa “visión”. Mais trátase dunha fe que, pola súa parte, está baseada no testemuño dos apóstolos e da igrexa que nace con eles. Pola nosa parte, podemos dicir tamén que, como compensación de non termos vivido aquela forte experiencia dos discípulos de Xesús, podemos en cambio sentir a alegría das palabras que dalgunha maneira nos dirixe Xesús a todos nós: “Benia os que creron sen veren!”.

Cómpre, ademais, ter presente que a alegría que sentiron os discípulos pola resurrección de Xesús non era unha alegría intimista ou particular, que cadaquén en certo modo gardaría para si, para o seu propio consolo. Era, polo contrario, unha alegría comunitaria, compartida, que ía máis alá dos propios intereses e preocupacións. Da mesma maneira que Xesús non se pechara endexamais en si mesmo, senón que vivira sempre para os demais, facéndonos partícipes incluso da súa resurrección, os seus discípulos non podían proceder doutra maneira. En consecuencia, estaban abertos ós problemas e ás necesidades dos demais. Porque a todos viña dirixida a grandiosa mensaxe de Xesús: a de sermos todos, con el en primeiro lugar, fillos dun mesmo Pai e destinados, alén dos límites da nosa existencia particular, a unha resurrección para sempre.

Todo isto ten aplicación non só a nós, os que formalmente nos chamamos cristiáns, senón á humanidade toda, porque en Xesús resucitado Deus Pai quixo e decidiu dar vida para sempre, máis alá da morte, a todos. Os cristiáns estamos así convocados a encher o mundo enteiro, con humildade e agradecemento, da esperanza de vida que nos vén de Xesús.

Isto é o que fan os apóstolos e discípulos ó teren a experiencia do Xesús resucitado. Antes ca eles as mulleres, que foran moi cedo a visitar o sepulcro do Señor. Volveran axiña para lles anunciar ós apóstolos a resurrección do Señor. Algo similar realizan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose mutuamente as aparicións ou experiencias do Señor resucitado que van sucesivamente ocorrendo.

A través dos tempos e dos séculos recibimos tamén nós por medio do anuncio do evanxeo esta grande e boa nova da resurrección de Xesús e, consecuentemente, da resurrección que nos espera tamén a nós.

Por iso os que recibimos esta gran nova temos que anunciala coa nosa palabra e con nosos feitos, no noso tempo e aquí onde vivimos, a cantos ou non saben dela ou non son capaces de crer nela quizais incluso por ser tal nova algo tan incríbel e marabilloso. É xustamente así por ser algo que procede de Deus, que é sempre meirande ca canto poidamos maxinar del.

Digamos, pois, todos, agora con alegría e agradecemento: ALELUIA! Loado sexa Deus! TODOS: ALELUIA! Loado sexa Deus!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES