Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Educar en estado de alarma (II)

viernes, 10 de abril de 2020
Alumnado e profesorado, cada un na súa casa, pero coordinados. Uns e outros, unhas e outras, aprendendo a traballar a distancia por pura necesidade, botando de menos o contacto directo pero tentando aproveitar este tempo de confinamento.

Un tempo no que as familias poden compartir responsabilidades coa rapazada (ao nivel que permita a súa idade) dende a distribución de tarefas do fogar aos coidados de todas e cada unha das persoas que forman parte do núcleo familiar; compartir con eles conversas acerca do como están a vivir un momento histórico que aparecerá no seu libro de texto dentro dun tempo, unha situación pola que non pasaron nin a xeración dos pais/nais nin a dos avós/avoas e polo tanto haberá que facerlle fronte entre todos/as cada unha dende o seu nivel. Sempre sen asustar, sempre dándolle valor ao que temos, a ese tempo no que podemos estar xuntos e compartir o día a día como nunhas vacacións inesperadas pero nas que temos que actuar con moito coidado e austeridade. Este último punto é importante, acostumados a telo todo e xa, esta é unha aprendizaxe necesaria que non só nos prepara para o presente senón tamén para o futuro.

O planeta é a única terra que temos e os seus recursos son limitados, o comercio global dá uns resultados perigosos e teremos que aprender entre todos/as esta lección.

Manter unha comunicación fluída arredor de todo o que vemos, lemos, oímos nos medios de comunicación da música que escoitamos, dos libros que lemos, das películas que vemos; unha comunicación que unirá as familias.

É o momento de compartir tempo(porque o hai) e comunicación (sempre necesaria), facendo máis visibles os afectos que aí si son posibles, dentro da casa (cando non hai ninguén contaxiado) e bótanse de menos cos que están fóra.

Falando do que se pode facer dentro da casa, en relación a educación, non debemos esquecer a posibilidade de establecer rutinas con sentido, pois este pode ser o momento de traballar as técnicas estudio, revisar as condicións de lugar e tempo (consensuadas e de maneira flexible) de aí que se poda e deba botar man dos materiais que a este nivel nos ofrecen as redes.

O traballo na casa, tamén pode asumir outro tipo de tarefas nas que se mesture o académico con accións cotiáns, como a elaboración e seguimento de receitas de cociña, as instrucións de como se pon unha lavadora, o listado de labores a realizar para a limpeza diaria e os produtos que se deben utilizar en cada caso...

Entendo que o profesorado que máis comunicación está a establecer co alumnado é aquel comprometido e innovador que vai máis alá do libro de texto e que seguramente tamén conta coa axuda que os diferentes membros da familia lle poden a prestar ao alumnado para que vaia avanzando nas pequenas investigación que lle propón. Os libros de texto, para momentos así, son unha guía da que botar man, pois entre outras cosas, mercáronse para iso.

Cando isto remate e sen entrar en cuestións como se hai que ampliar o tempo de curso ou non, vai ser o momento de poñer a atención na solidariedade duns cos outros, valorar a aprendizaxe entre iguais, poñer en pé comunidades de aprendizaxe que podan levar ou non a etiqueta pero que arrastren consigo o significado. Ensinar aos compañeiros e compañeiras aquelas materias nas que puidestes avanzar e eles ou elas non (por problemas coa rede ou coa aparataxe) é adquirir competencias que serán moi valoradas no futuro e que deben terse en conta na avaliación presente. Canto alumnado con sobredotación se sentiría realizado se lle deran a posibilidade de colaborar no avance dos demais e canto avanzaría no traballo en valores e na relación cos outros/as!

En determinados niveis deberíanse ter en conta os materiais que as editoriais abren en gratuíto e todo o que vaia parecendo en plan solidario, a disposición de todos e todas e que tamén forma parte da aprendizaxe: os libros que as editoriais van poñendo en aberto e que -no noso caso- son apoios para a lectura en galego como se pode ver con Xerais e Baía, a páxina do Salón do Libro de Pontevedra, a de Kalandraka tv, a de xogos populares para estes tempos,... a participación en concursos que se están a convocar continuamente e que poden asumirse como traballo académico ou ocio.

O que nos preocupa é que, seguramente,ás casas que non entran as comunicación do profesorado son as mesmasás que non chega o acceso ás redes ou a mellor disposición das familias para traballar con esta rapazada, porque podemos asegurar que moitos recursos hai ao dispor, especialmente dos máis pequenos da casa. Todo iso por parte do mundo da cultura, ofrecendo os espectáculos, as exposicións ás que ninguén se vai poder desprazar, os libros aos que non se vai poder acceder porque nin librarías nin editoriais queren que ninguén se contaxie, así que poñen o seu produto ao servizo de todos e todas, sen cobrar, para que teñan alimento cultural.

Dar de ler coma quen dá de comer. Para a alimentación a xente vai á tenda ou ao supermercado, para os libros accede directamente dende a casa pola xenerosidade das empresas, pero non debemos esquecer (nin administracións nin particulares) que deben ser compensadas cando todo isto remate. Porque ningún negocio me agasallou con nada que non fora o comercio cultural… e aínda alguén dirá que son subvencionadas ou que non son necesarias.

Da utilidade do inútil faláranos Zuccio Ordine (nun texto tan fundamental que foi traducido por unha das nosas editoras aos poucos meses de aparecer en español) porque iso que semella inútil é imprescindible, por ser a esencia do que nos converte en humanos, pensantes e sensibles, o que nos eleva sobre o instinto e nos fala de valores que representan o mellor do mundo que coñecemos.

Esta situación de coronavirus levounos a un posicionamento bélico, meteunos en barricadas nas que non podemos movernos mentres o tempo pasa inexorable. Unha circunstancia que nos obriga a medrar, porque temos que repensar quen somos e que facemos, porque igual nos queda pouco tempo, porque nunca fomos tan vulnerables… Un transo no que ou desenvolvemos o espírito crítico ou asinamos un contrato de escravitude para o que nos quede de vida e para a dos que veñan detrás. Tempos duros, sen dúbida.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES