Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Educar en estado de alarma (I)

miércoles, 08 de abril de 2020
Dende fóra, e coa experiencia de moitos anos de oficio, igual debo dicir algo. Non será un estudio sesudo que analice punto por punto os aspectos do que facer dende a escola, a administración ou a casa. Serán simplemente opinións que xorden ao albor de documentos que se len ou algunha opinión que se escoita.

A situación é absolutamente excepcional, ninguén nunca tiña pasado por unha conxuntura así, nin persoas adultas nin infantís, nin especialistas nin profanos. Isto sitúanos ante algo sen precedentes e polo tanto ao albor da improvisación.

Pecharon todos os centros educativos, de todas as etapas e o alumnado está recluído na casa. Isto é o primeiro que debemos ter en conta, están coa familia, polo tanto coas persoas máis próximas e que máis os queren e entenden; botarán de menos ao resto da familia, amizades, compañeiros e compañeiras, tamén ao profesorado, pero están no mellor lugar e coas mellores persoas que lles podían tocar nun confinamento.

Ben é certo que se nos centramos no ensino público, aí, non todas as familias son iguais. Non todas contan coas mesmas condicións socioculturais e económicas; o alumnado que está en situación desfavorable é o que máis perde ao non poder asistir ao centro de ensino. Para eles e elas os centros son lugares de compensación de desigualdades; o tempo de ensino, especialmente o obrigatorio, é aquel no que a sociedadelles presta unhas alas para que aprendan a voar. Aí, están todos os medios ao seu dispor, dende os equipamentos informáticos aos fondos das bibliotecas, dende o mellor profesorado (son escollidos con criterios obxectivos, non?) ata os servizos coma o comedor.

Toca confinamento e, con moi bo criterio, a sociedade intenta que esa rapazada non perda este tempo no que de calquera maneira ten que estar recluído. O profesorado ha de axudarlles nesa tarefa de traballo na casa, da mellor maneira posible; para iso non só debe entrar en contacto con el senón tamén coas familias para ver cal é a situación e cales as necesidades.

É un tempo no que se podería traballar a atención ás necesidades educativas especiais, entre o profesorado de materia, o profesorado de apoio, o/a orientador/a do centro e a familia e todo podería resultar. A separación obriga á coordinación. Hai profesorado que o está a facer moi ben, que fai un seguimento da materia e do alumnado e lles vai axudando a dar algo de normalidade a estas semanas de peche.

Seguro que non é todo, sempre hai razóns, que poden ir dende a incompetencia dixital á falta de medios tecnolóxicos e de rede ou outras razóns, que seguramente algún día se aclararán, porque a educación é un servizo público.

O profesorado ten baixo a súa responsabilidade conseguir desenvolver as competencias dese alumnado e seguro que continúan nese empeño todos estes días porque saben que o tempo é un valor en alza que, aínda nas peores condicións, debemos aproveitar. O alumnado está preocupado pola inseguridade e nunha situación tensa por non poder saír, pero iso toca que o manexe a familia cos medios que ten a man; sería estupendo que o profesorado tamén colaborara nesa atención, pero sempre que lle quede tempo despois de atender as obrigas profesionais e as da propia familia. E os que nos preocupan son os desherdados, si, os que non teñen rede oulles faltan as ferramentas, aqueles que non teñen as mellores condicións de confinamento, por iso agradecemos tanto ás dirección dos centros que indagaron ata dar co alumnado que non podía conectarse ou non tiña computador para facelo, de cara a solucionar a súa situación ata onde sexa posible.

Que se vai haber avaliación ou non? Se esta é continua xa se está a facer, quéirase
ou non.

Que se vai haber máis tempo de aulas e menos de vacacións ou non?Xa se irá vendo, porque estamos vivindo no día a día, non sabemos ata cando vai durar o estado de alarma e cando remate terán que falar e decidir, pero mentres tanto as cábalas non son moi boa cousa.

Que como vai ser o próximo curso? Estamos no dilema anterior. Vivamos o día a día, e asumamos que nunca foi tan certa esa maneira de vivir o presente.

Que se vai haber aprobado xeral? Eu diría que sería cousa de mirar a privada, de ver o que están a facer eses centros co seu alumnado, porque igual o debemos ter en conta para que os nosos non queden en desvantaxe, porque xa partimos de que a clase social que acude aos centros públicos e a que vai aos privados e concertados, non é a mesma.

Eu agradecería que en momentos coma estes deixaramos a demagoxia, a falta de
responsabilidade, o ruído que non deixa separar o gran da palla… que non actuemos coma as familias que votan a favor da xornada única (moitas veces contra os seus propios fillos e fillas,ou polo menos contra o alumnado das clases máis desprotexidas que queda ao albor sen ningún tipo de amparo pola tarde), que non disimulemos as propias motivacións ou escribamos ao ditado de intereses espúreos, que o corporativismo non nos poda de forma que o mellor profesorado cargue co traballo de todos/as porque… igual así non damos chegado, porque todo isto é cortar as alas deses nenos e nenas que, cando isto remate, van precisar saír á rúa, xogar, verse cos amigos e compañeiras, conversar, analizar, avanzar nos estudos e entender este mundo coa axuda dos mellores e máis obxectivos especialistas.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES