Loita contra o Corona Virus
Ferreiro Currás, Anxo - miércoles, 08 de abril de 2020
Desde o meu confinamento, cheo de inquedanzas por este desastre, coa miña actitude primaria, aínda nos meus oitentaetantos quixera saír para ofrecerme a facer algo, mais pobre de min! Só me queda a admiración e os aplausos pola fiestra ás 8 da tarde para que todos os traballadores que dades o callo. E reflexiono sobre estes tres estamentos: A Igrexa, a Sanidade e a Poli e as Forzas Armadas.
A Igrexa e o Corona Virus
As igrexas pechadas e a praza de San Pedro baleira, quen o diría! Parece como se Shopenhauer e Nietsche tiveran razón; como quen di, xa non hai nin relixión nin Deus. Mais, non lle ben mal que a Igrexa se vexa así, espida. Ben sabemos que eses lugares non son signo da presencia de Deus, o ser humano é o templo de Deus, dicíao o apóstolo san Paulo; e Xesús dicíalle á Samaritana: xa virá o día en que nin neste monte nin no templo de Xerusalén, senón que adoraredes ao Pai en espírito e en verdade; no exemplo que nos pon Xesús de o Bo Samaritano non vai ao templo, ao contrario do que fai o sacerdote e o levita, mais socorre ao irmán caído.
A miña mirada vai agora para o papa Francisco, naquela praza baleira de poderío naquel día de invernía, el só con un acompañante, libre de abelorios e de símbolos de grandeza, dirixiu a súa palabra de ánimo para todo o mundo sobre todo as vítimas deste virus, impartindo a bendición urbi et orbi. Unha bendición para que medre a solidariedade e haxa moitos samaritanos que boten unha man xeitosa aos caídos, tamén para escorrentar o diaño do COVID-19. Tamén lle cadraría a este Papa que rematase a súa bendición coas saídas que, tivo, noutras ocasións, tan feiticeiras, -neste caso é imaxinación miña-: e non esquezades desinfectar con lixivia as rúas, cumprir as regras hixiénicas, e animamos aos científicos para atopen axiña a vacina.
Na miña parroquia natal de Boizán o señor Miragaya tocaba as campás arreo cando viña a tronada para escampar o pedrazo, e parece ser que tiñan esas campás unha eficacia acertada. Supoño que as campás non teñen nada que ver co tal virus, mais a Igrexa ten unha base de xente solidaria inmensa que supoño está ao servizo do que faga falla. Eu non escoitei ás súas autoridades eclesiásticas poñer o que faga falta brindándose no que poidan e apoiar ao goberno. O que escoitei, xa antes, foi ao arcebispo Cañizares, si, o cardeal da fastuosa longa capa magna, con malos augurios diante da toma de posesión do goberno socialista de cooalición, rezar pola situación crítica e de verdadeira emerxencia. Emporiso, Oh, felix COVID-19 se a Igrexa ofrece todo o que poida para derrotalo, se baixa ad arenam e se pon ao servizo do goberno socialista de coalición.
A Sanidade Pública
Un mundo no que a metade da humanidade (3.600 millóns, dato do século pasado) non ten garantidos os dereitos de comer, educación, casa e traballo, aínda con todo non chega aos dereitos humanos, podemos dicir que o capitalismo salvaxe é un fracaso. Emporiso, este sempre sacou tallada do desastre, aínda máis el mesmo provocou os desastres para encher o seu carro. E digno de ler o libro de Noam Klein El capitalismo del desastre. Mais este desastre ten unha particularidade que se trata dunha pandemia que o tal virus non distingue de pobres ou ricos. Aínda que as consecuencias sexan ben distintas: a crise económica, o paro... Si este COVD-19 é para todos igual, que se repartan as consecuencias tamén por igual.
De momento temos a Sanidade Pública que, no medio de tantos problemas, está collendo a este virus polos cornos. Coa eficacia posible de tantos atrancos, constatamos a eficacia da sanidade pública. Incluso sen as esmolas dos ricos, que non son para desbotar neste intre de emerxencia. Todas as axuda solidarias son de agradecer. Unha cousa é de lamentar, as vítimas das residencias de maiores. Alguén ten que responder de tanto desastre. Mais algo disto ten que cambiar. O povo non se pode conformar cunha sanidade pública con recortes, para acrecentar a privada.
De momento a sanidade pública vai vencer o virus. Pois, ánimo sanitarios, e todos os que estades neste traballo, heroes deste momento crucial!!!.
Vexo que este goberno socialista de coalición quere facer un capitalismo social, máis humano. Máis humano? -dirame un socialista de pró-, no ves que o capitalismo só quere facer negocio?. De momento o capital humanízase para termos boa sanidade pública.
O Exército (as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado)
Estas forzas do Estado, que xa teñen actuado en emerxencias perigosas, nas catástrofes, como son a queima das fragas e montes, nos asolagamentos, demostra o seu servizo civil. Se temos experiencias de actuacións desagradábeis destas forzas ao traveso da historia, hoxe constatamos un servizo absolutamente necesario e eficaz e vemos que o Exército pelexa nunha guerra máis humana. Esperamos compartir entre todos a vitoria. Só un vencido, o Corona-Virus!.
Remato cunha lembranza de bágoas compartidas coas familias das persoas mortas neste camiño.

Ferreiro Currás, Anxo