Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A salvar o mundo

lunes, 06 de abril de 2020
A salvar o mundo Vendo que o asunto do coronavirus se pon demasiado serio, tanto que nos obriga a quince días máis de encerro, non me queda outra que tomar as miñas propias medidas, actuar por miña conta. Así é que, sen pensalo máis, despídome da familia con un “vou a polo xornal” (porque non fumo e ó mellor non volvo), ó chegar ó coche comprobo que no maleteiro vai o traxe de astronauta e collo camiño de Baños de Molgas.

Se me paran os de Tráfico, direi que vou a salvar o mundo. Non me pararon e eu tampouco me detiven na propia vila molguesa. Fun directamente ata Barricobos, onde me estaba esperando o meu amigo alieníxena.

Hai uns días que chegara e tiven que dicirlle que non saíra para nada da nave, aínda que non creo que el se infectara, pero... mellor previr que curar. Entre os dous retiramos os fentos que cubrían a nave (para que ninguén a descubrise) e sen máis trapalladas largamos a fume de carozo para o seu planeta; que está a anos luz, pero a velocidade da nave do meu amigo non ten explicación; vai moito máis alá do explicable.

Baste dicir que chegamos en tres chiscares de ollo. Collemos dous feixes de herbas dunha cor así coma vermella e un deles xa o trituramos alí para convertelo en po. Subimos de novo á nave para volver á Terra, a este noso planeta infectado. Cando viñamos á altura do segundo chiscar de ollo ciscamos as cinsas do feixe triturado.

Despois xa o vento se encargará de distribuílo pola atmosfera terrícola. Aterramos outra vez en Barricobos e co segundo feixe fixemos o mesmo: trituralo para esparexer as herbas polo río Arnoia, que as levará ata o Miño, este ata o océano Atlántico que bicará o Mediterráneo e o Pacífico. O Pacífico xúntase co Índico e... así, como unha cadea. Polo que, entre a cinsa do primeiro feixe, que non tardará en caer sobre a cidadanía, e a auga penso que é cuestión de días para vencer a ese bicho malnacido que nos está comendo a moral.

Xentiña, resistiremos; tan só é cuestión de días. Antes de que o antídoto desas herbas milagreiras extraplanetarias faga o seu efecto seguide coa mellor norma de todas, coa mellor cura: queda na casa! E que non morra a esperanza. Desta saímos. Vaia se saímos!
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES