Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Foi el, si, franco e grande. No pasamento de X. L. Franco Grande

lunes, 06 de abril de 2020
Fóisenos hai uns días o grande amador das palabras e mais da vida e louzanía que elas encerran en si. Toda palabra –popular ou culta- contiña en si mesma para o gran lexicólogo e poeta dignidade e eternidade. Coido que, aparte doutras mestrías súas, foi esta fonda querenza súa a que me achegou case casualmente a el nos últimos tempos e a que me permitiu experimentar a súa proximidade e sinxeleza.

A mediados do mes de decembro pasado e no contexto da miña persoal busca inocente, a corpo xentil, de palabras esquecidas nosas para as salvar do naufraxio do seu desuso ou perda, púxenme unha vez máis en contacto con el. Tratábase dunha expresión menos “fina” ou cortés ela, mais de moito uso popular nos meus tempos de rapaz e mozo e da que eu supuña que Franco Grande podería se cadra darme algunha información. Respondeume no mesmo día deste xeito:

“Si que é expresión viva na miña terra e con uso moi corrente. Saúdos e que cante o merlo! Por certo que esta expresión, moi viva en algúns puntos de Galicia, ¿tes noticia de que se empregue nalgunha parte de Galicia como despedida e con desexo de que todo nos vaia ben? Emprégase en Ribadavia (iso me di Alonso Montero) ou en Fisterra (infórmame Camilo Nogueira). Eu xa a uso a cotío e penso que a estou impoñendo. Paréceme moi fermosa idea xuntar a frescura do canto do merlo co desexo de que todo nos vaia ben. Saúdos”.

De modo que me puxen seguidamente en contacto con distintos informadores sobre “que cante o merlo”, entre outros tamén con Camilo Nogueira (expresamente suxerido polo propio Franco Grande). Así, a finais de decembro pasado indicábame C. Nogueira entre outras cousas o seguinte: “Eu aprendín ese dito na miña casa utilizado polo meu pai, sendo eu neno. A expresión ‘que cante o merlo’ referíase á próxima chegada da Primavera”.

Na véspera do 27 de decembro informáballe xa pola miña parte a Franco Grande do resultado da miña pequena, case doméstica, enquisa sobre o canto do merlo. Agora, tralo seu pasamento, só tres meses despois, poderiamos dicir que o melodioso e falangueiro cantar que o merlo é quen de debullar viña ser para Franco Grande algo así coma o símbolo da palabra libre, melodiosa, non violenta, que convida e anima a un futuro no que “o desexo de que todo nos vaia ben” –son as súas palabras- estea en continuidade lírica e limpa coa “frescura do canto do merlo”. En certo modo semella que el querería expresar así (coa expresión “que cante o merlo”) o inexpresábel desexo del e de todos perante o inevitábel “paso” (“pasamento”) ó descoñecido, sempre porén presentido nos fondóns vitais do noso ser, que se abre a unha nunca aínda estreada primavera. “Eu xa a uso [‘que cante o merlo’] a cotío e penso que a estou impoñendo”...

Mais a sensibilidade literaria de Franco Grande non podía ser só intimista, senón tamén comunal e, xa que logo, política. Desde a “Soleira” do xornal “La Voz de Galicia” puido el expresar, xa que logo, especialmente nestes últimos anos, o seu dialéctico pensamento sobre o nacionalismo -sobre os nacionalismos- ante a estendida crenza ou suposición de que os nacionalismos serían só presuntamente os daqueles territorios chamados “periféricos” mais non os dos “centralistas”. Pensamento este seu co que expresei o meu acordo en máis dunha ocasión. A el non lle era posíbel expresalo no mencionado xornal máis que de maneira esquemática ou limitada, tal como, sempre amabelmente, así me comentaba por exemplo a mediados de febreiro do ano pasado:

“Estimado amigo: agradézolle o envío do seu artigo, así como de outros anteriores moi interesantes, aos que infelizmente non din resposta, como é obrigado facer. Confío que de agora en diante non ocorra así. O tema é tan amplo que os 1.800 caracteres que A Voz me tasa, case non me dan para empezar a expoñer o tema.
Amigo ao seu dispor,
X.L.F.G-“.

Como lembranza agradecida a este modo de pensar de Franco Grande, limítome só a aludir finalmente a algunhas destas súas encomiábeis achegas críticas en relación cos inconfesados nacionalismos “tóxicos”, “excluíntes”, “montesíos”, “mentireiros”, etc., que só ven o lixo no ollo alleo e non en troques a viga no propio. Son estas: “Nacionalismos tóxicos” (“La Voz de Galicia”, 27 de novembro de 2017), “Vargas Llosa e os nacionalismos” (“La Voz de Galicia”, 12 de febreiro de 2018), “Nacionalismos excluíntes” (“La Voz de Galicia”, 19 de febreiro de 2018), “Tres andrómenas ‘cañ풔 (“La Voz de Galicia”, 26 de febreiro de 2018), “Eles son os retrógrados” (“La Voz de Galicia”, 5 de marzo de 2018), “Nacionalismos mentireiros” (24 de Nadal do 2018).

Que a terra lle sexa leve!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES