
Non deixa de ser contraditorio que despois de toda unha vida loitando polo recoñecemento da diferencia teña que valorar a riqueza da igualdade. Case que non me recoñezo nese título e aínda que ten moitos matices saberse o branco, ou mellor o negro, dunha suposta escala de prioridades á hora da atención sanitaria, hoxe quero quedarme coa sensación de estar vivindo en igualdade.
Como imaxinar non poder saír da casa? Como vivir sen a valiosa liberdade? Para algunhas persoas, moitas máis das que se poidan imaxinar, non cambia nada. Barreiras físicas como unhas escaleiras, a falta dun ascensor
obrigan a permanecer en situación de confinamento de maneira indefinida. Así é o seu día a día salvo que a maioría da sociedade agora tamén vive provisionalmente esa realidade. Por motivos ben diferentes coincidimos no mesmo barco compartindo circunstancias que nos superan e que nos levan a tirar de imaxinación e ata de enxeño.
Para todo se necesita adestramento e nunha situación como a que estamos a vivir moito máis. Son acontecementos que nos obrigan a saír de nós mesmos e centrarnos nos demais. Estes días, de seguro, que todos temos unha visión máis nítida do noso entorno e captamos detalles que a miúdo nos pasan desapercibidos. Quizais controlamos nas fachadas se suben ou baixan as persianas. Quizais descubrimos veciños novos que tamén están loitando desde as súas vivencias. Quizais percibimos mellor as novidades da rutina en cores, formas, ruídos, silencios, sons
Un simple mirar pola ventá ou respirar a fresca brisa xa vale un mundo. Agudizamos a atención e descubrimos que todo se relativiza.
En máis dunha ocasión comentei a modo reivindicativo que ninguén ten asegurado o futuro referíndome a convivir cunha diversidade funcional, a temas de accesibilidade, etc. Non deixo de pensar en certas similitudes: o meu virus din que veu de América; este, de China. No que si hai coincidencia é que sempre toca aos máis vulnerables: antes, aos nenos; e agora, aos anciáns. Non somos donos da nosa vida e, en xeral, non necesitamos tantas cousas como temos. A saúde é moito máis que un corpo san; o medo, a limitación, a incerteza, a inxustiza
tamén contan. Neste comezar de novo, como nos pasou a algúns ante unha adversidade, ábrense novas posibilidades, novos camiños
que nos deben levar a REVISAR A ESCALA DE VALORES. Ánimo!!!