Maquillar a información
Xiz, Xulio - lunes, 24 de marzo de 2008
Se a imaxe vale máis que mil palabras, ¿por que algúns medios maquillan a palabra pero non a imaxe?.
Os medios gráficos, televisións ou xornais, amosan as imaxes máis crudas nos sucesos luctuosos, e un cadaver sen cubrir no medio da estrada, ou un regueiro de sangue na beirarrúa, teñen garantido lugar de honra á hora de contarnos a cruda realidade, impactando en roxo e morte nas nosas pupilas.
Non pasa o mesmo coa palabra
Cando hai uns días os etarras asasinaron a Isaias Carrasco, nunha avanzada informativa de Radio Nacional, escoito que a filla que presenciou a súa morte, nun comunicado lido coa maior enteireza chamoulles ós terroristas hijos de puta, na máis directa denominación dun desalmado aínda que analisada a frase non responda ó significado. A ninguén pode extrañar unha expresión así como mínimo desafogo.
Pois nos informativos posteriores eliminouse a frase cun empalme de son ostensiblemente burdo. O mesmo ocorriu con algunhas televisións. Coñecendo o contido, sabía a vergoña aquela poda inmunda.
Noutra televisión escoito á rapaza dicir que os terroristas no tienen cojones. Quedei abraiado por esa outra maquillaxe informativa sen dúbida para non ofender ós benpensantes e benfalantes, cando o que verdadeiramente nos ofende é a morte alevosa; o terror.
En fin, que para coñecer a declaración íntegra da rapaza tiven que ler ó día seguinte La Voz, que a publicaba na segunda páxina.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora