Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O 'intolerable' tamén existe

lunes, 23 de marzo de 2020
Cando se empregan termos equívocos, con evidente polivalencia, xeradora de confusións e porta aberta á interpretacións da conveniencia de cadaquén, non facemos moitas veces os escribidores, a diferenza dos verdadeiros escritores, un uso adecuado deles, e os políticos, que soen manexar con inusitada habilidade unha linguaxe bastante imprecisa, para protexerse das réplicas por promesas incumpridas, non reparan en abusar deliberadamente desta imprecisión. Precisamente por isto, vou intentar precisar un pouco o termo INTOLERABLE.

Se tolerar equivale a soportar con paciencia certas actitudes e comportamentos, ou permitir algo que non se ten por lícito, sen aprobalo expresamente, ou respectar as ideas, crenzas e prácticas dos demais, cando son diferentes ou contrarias as nosas, como se recolle no DEL, entón INTOLERABLE ven a ser aquilo que excede dos límites da paciencia individual ou colectiva institucionalmente regulada; pero tamén o que non se ten por lícito nunha sociedade constituída con fundamentos históricos, rexida por normas legalmente establecidas e con poder suficiente para defenderse soberanamente, e así mesmo devén intolerable a pretensión de impoñer ideas, crenzas e realizar prácticas de matiz absolutamente irracionais no contexto no que se está a facer todo isto.

As persoas que teñen a responsabilidade de equilibrar a tolerancia a niveis elevados nos gobernos dun país, deberían coidarse moito de non fomentar a intolerancia, incluso para evitar facerse eles mesmos intolerantes para o pobo que os elixiu, porque unha das maiores indignidades dun gobernante é, no seo da sociedade que rexe, facerse acredor el mesmo aos cualificativos que debe evitar: QUEN TOLERA A INTOLERANCIA, ESTÁ EVIDENCIANDO UNHA MANIFESTA INCAPACIDADE PARA O DESEMPEÑO DA SÚA FUNCIÓN.

Pero aínda que son moitos os posibles motivos que ten un pobo para considerar intolerable a un gobernante do ápice dunha pirámide de gobernantes, aquí só vamos facer alusión a dous: Que tolere o intolerable que afecta á representación institucional que ostenta e que a súa incompetencia veña determinada por la ignorancia, ou, no mellor dos casos, o faga saíndose dos límites do institucional e colectivamente soportable. Desgraciadamente, en España temos exemplos nos casos dos señores Presidentes da Xeneralidade de Cataluña e do Goberno Español.

Certas actitudes, comportamentos e omisións a hora de poñer coto ás INTOLERABLES impertinencias do Sr. Torras, incluso a propósito da declaración das necesarias medidas derivadas do Estado de Alarma, por razóns de saúde pública, converten a ambos en persoas intolerables, polo menos institucionalmente, e fai pensar nunha certa incompetencia deles por descoñecer, ou prescindir, das experiencias históricas, que son numerosas, e referidas a como a debilidade, no caso do poder central, e o mal uso hermenéutico da historia, no delegado a Torras, adoita traer consecuencias irreparables. Pero reduzamos e apliquemos os exemplos seguintes ao estado autonómico actual de España.

Lembren vostedes, amigos lectores, un anaco da historia medieval, por se consideran pertinente extrapolala exemplarmente á actualidade constitución autonómica española. Recordemos tamén que, fisicamente, cando as forzas centrífugas se debilitan, adquiren proporcional vigor as centrífugas e fortalecen a súa operatividade. E comecemos, pois, polo emperador Carlomagno, quen, na súa condición de príncipe vitorioso, premiou aos seus guerreiros con terras. E como non podía vixialos a todos, para mantelos na obediencia debida, enviaba persoas da súa confianza e servidores a eses territorios, para que administraran xustiza no seu nome, coidaran dos tributos e da prestación dos servizos obrigatorios, e CASTIGARAN AS RESISTENCIAS (art. 155!?). Así mantiña UNIDO o seu imperio, potenciando as tendencias centrípetas.

Pero chegou unha etapa na que aqueles señores que posuían parte do poder central, CONVERTIDOS EN CAUDILLOS LOCAIS, comezaron a ser un perigo para a estabilidade do poder central, e as tendencias centrífugas van emerxendo, con distinta metodoloxía, en cadea. É dicir, os antigos representantes delegados dese poder tratan de esquivalo, e pretenden dispor do terreo asignado como se fose propio, como se fora un señorío familiar. Son os coñecidos co nome de COMES PALATII (condes palatinos), que pretenden independizarse, e non hai que esquecer que foron nada menos que inspectores do Palacio Real, duques, marqueses, condes, etc.

É evidente que Carlomagno mantivo este INDEPENDENTISMO á raia, mediante os seus emisarios (missi dominici), que aplicaban o espírito do art.155; pero non ocorreu así con Luis o Piadoso (D. Pedro Sánchez, en España), en cuxo reinado a función condal comeza a ser hereditaria e os sucesores de Carlomagno NON PODEN EVITAR O RECOÑECEMENTO DE FEITO - e fixémonos: “non de dereito”- DA CONDICIÓN DE HEREDITARIOS. Non lles parece que isto presenta unha certa analoxía coas pretensións dos independentistas cataláns?...: Resulta que o mesmo Luis o Piadoso (inclúan vostedes as analoxías) acaba destituíndo os MISSI DOMINICI, e o noso Sr. Presidente do Goberno empeza por debilitar a cuestión de dereito, un escollo do que desexan verse desembarazados os independentistas cataláns.

O xogo das tendencias–forzas centrípetas e centrífugas, segue, porque a coroa real, ao final da rama dos Carolingios, pasa a un fillo bastardo de Carlomagno, un tal Arnulfo, que, polos seus éxitos militares, os alemáns acaban recoñecéndoo como rei, e prima o centralismo; pero a causa dunha certa indecisión súa volven a acadar hexemonía as forzas centrífugas, e así xurdiron reis por toda Europa, unha especie de Reinos de Taifas, porque o independentismo, como evidencian as constantes históricas, vive da esperanza de poder asexar nas ocasións de debilidade do poder central.

E, como o xogo non termina, repite a hexemonía das forzas centrípetas con Otón, que trata de contrarrestar a debilitación do poder central; pero aquí entran en lide os bispos, que parecen presentar como unha garantía de unidade, aínda que co tempo acaba gustándolles o incremento do poder nos seus dominios, e volven a adquirir predominio as forzas centrífugas, ás que se suman, e así o proceso de desintegración volve a ser predominante... Mais deixemos aquí este anaco da historia. Só nos queda resaltar que aqueles políticos que tanto ousan presumir de aplicar a tolerancia, imaxinándose estraños diálogos en materia de decisións consecutivas a historia e aos procesos“constitutivos”, que non son o mesmo que os “constitucionais”, que só pretenden formalizar aqueles, parece que se esquecen de que o INTOLERABLE tamén existe, sobre todo á hora de consideralo como un compoñente do “centrifuguismo” do nacionalismo.

Para terminar reflexionemos que a unión en torno ao Goberno Central, para dar solución aos problemas sanitarios que nos están afectando, ben merece un sincero eloxio de todos os españois, e creo que faríamos ben aproveitar estes desgraciados momentos para reflexionar como as razóns que se sitúan máis aló das loitas da baixa política poden servir de firmes piares a hora de tomar decisións transcendentais, posto que só aplicándoas firmemente poden sufocarse as raposadas dos que desexan instrumentar os diálogos como xustificantes de ilícitas actuacións.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES