O filme documental de 55' foi finalista da #12MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico.
Está dirixido por Cibrán Tenreiro e até agora só se puido ver nas cerca de 60 proxeccións en directo por diferentes lugares de Galiza.

"Entrar aos Vilares é, máis ou menos, un intento de explicar un lugar partindo de cero. Cando aos tres realizadores nos fixeron a proposta de facer un documental sobre Os Vilares, non tiñamos moi claro se iamos ser quen de comprender o que é a parroquia e o que representa para a xente que vive alí, nin se iso ía ser necesariamente interesante (para nós e para quen puidera velo despois). Así que a solución que se nos ocorreu foi, simplemente, rexistrar o noso intento. Así, aínda no caso de fracasar, teríamos como mínimo a opción de ensinar o retrato honesto das nosas limitacións.
Por iso a película dá, se cadra, a sensación de estar en proceso, ou de ser a ratos un vídeo doméstico. Preguntamos aos veciños tentando comprender a identidade do lugar, buscando as súas particularidades, arredor da idea de buscar a historia na vida cotiá. Observamos as paisaxes e os diferentes espazos da parroquia, ás veces cheos de actividade e ás veces baleiros. E, mentres o facemos, tentamos confrontar iso coa nosa propia perspectiva de xente nacida na cidade e estudante de cine, que nos leva aínda que non queiramos a facer as preguntas que facemos, ir aos sitios aos que imos e xogar entre nós. Non podiamos sequera pretender ser obxectivos, así que fomos subxectivos. Igual que nós entramos nos Vilares, no mellor dos casos o espectador podería entrar con nós, dubidar con nós, desviarse con nós do propósito inicial e, cada un á súa maneira, aprender".
-Cibrán Tenreiro (Director).
SINOPSE:
Tres mozos entran a unha parroquia de Guitiriz que descoñecen co encargo de realizar un documental sobre ela. Entón:
1) Preguntan aos veciños tentando comprender a identidade do lugar seguindo unha cita de Charles Seignobos que leron na universidade: Lamento non ter podido tratar máis que dunha maneira moi incompleta os feitos da vida cotiá, alimentación, vestido, habitación, usos de familia, dereito privado, diversións, relacións de sociedade, que constituíron o principal interese da vida para a enorme maioría de individuos.
2) Tentan vincular o que aprenden á súa propia identidade e ás súas propias experiencias, sendo da primeira xeración das súas familias que non naceu na aldea. E cuestionan o resultado: non queren dar outra visión nostálxica do rural pero non teñen claro se o conseguen.
3) Pasean por leiras e casas abandonadas, xogan, distraense mirando aos animais e desvíanse das súas propias intencións como se estiveran facendo un vídeo doméstico.
Con esta iniciativa que en principio non pensabamos poñer en acceso aberto até que saira o libro de Pastora Veres acompañando en DVD, pretendemos que a quén poda interesar, poida visualizalo na súa casa nos longos días que quedan desta pandemia.
Este é o ENLACE:
https://youtu.be/4JDkqM1iEY4