Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Precarios económicos, orfos políticos

Pinto Antón, J.A. - viernes, 20 de marzo de 2020
Aínda que semella un dos traballos de Hércules hai quen consegue participar en política, militar no sindicato, colaborar nunha asociación. Mesmo desde unha situacion de precariedade. Pero a maioría non son Hércules, e sectores da cidadanía como a mocidade, inquietante clase ameazada de pobreza, afástase da política. Nada do contrato social anima a participar. Poucos escoitaron o benintencionado discurso do rei, as soflamas para crentes dun tal Torra en estado de delirio.

Tiña que pasar: nas zonas coa economía arrasada e demografía envellecida, escóitase con simpatía o engaiolante canto de serea ou a frauta máxica dos Trump, Salvini, Bolsonaro, do Brexit, dos que cambian a lenta cocción da política pola variña máxica do milagre. A realidade acaba espindo aos vendedores do bálsamo de Fierabrás, deixando pousos de furia e desesperanza.

A robotización e a automatización expulsan a millóns de traballadores do suor coñecido. Case non se pode falar de economías nacionais. A globalización está cambiando de lugar o embigo do mundo. Ofrece oportunidades pero esixe unha grande e continua capacidade de adaptación. Hai gañadores e perdedores como ocorre en cada cambio, en cada crise. Así, despois da desapiadada fractura da 2ª Guerra Mundial, os estados europeos foron quen de crear estados de benestar. Agora, o mercado pode ser global, pero a xente tenta vivir nos pobos, países, na súa casiña sen seren arrasados por procesos que non comprenden nin poden enfrontar. Co tsunami da Gran Recesión, os expulsados á intemperie agárranse ao cravo ardendo de partidos nos bordos do sistema político e da democracia. Acolá, e agora aquí.

Se o poder político non quere acabar illado en parlamentos ou consellos de ministros defendidos con barricadas de policías, terán que propoñer un novo contrato social. E iso significa un reparto da riqueza máis xusto. Só critican o volume de gasto social os que comen un volume excesivo de pan.

Sindicatos e partidos de esquerda sempre se encargaron das demandas os desfavorecidos pero hoxe esmorecen ante a indiferencia e o abandono da cidadanía. Hai zonas e barrios obreiros nos brazos de salvapatrias e populistas. Os perdedores económicos tamén son perdedores políticos. Sobreviven fóra da economía e afastados dunha política que non lles representa nin protexe de brutais cambios económicos que só favorecen a unha inmensa minoría. Os que dominan o planeta collen nun autobús, e cada ano precisan dun máis pequeno.

Precarios, prescindibles. Cando se decatan de que non teñen nada que perder, donos do ruído e da furia, vólvense perigosos para o ecosistema dos poderes. Ou como recorda El Roto: 'Los derrotados somos invencibles'. E son máis, moitísimos máis. Precarios económicos, orfos políticos.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES