Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Adegueiros no Parlamento

lunes, 17 de marzo de 2008
A Mesa do Parlamento de Galicia recibirá o próximo día 18 do mes que andamos a tódolos adegueiros que etiquetan os seus envases en lingua galega. A cámara de representación popular tributará homenaxe institucional a cantos fan posible que a nosa lingua campe nas etiquetas e contraetiquetas das botellas dun produto tan de noso, que mesmo representa unha alta porcentaxe da nosa economía. Estamos a falar de cento quince adegas, das catrocentas corenta que están esparexidas pola xeografía galega. Acudirán, a maiores, vinte e pico máis que prometeron identificar as súas marcas coa lingua galega a partir da próxima colleita, secundando o chamamento que vén facendo tódolos anos a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística coa colaboración inestimable da Consellería de Medio Rural e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Vén sendo tradicional, xa de vello, que as marcas dos nosos viños teñan nomes de topónimos, maiores ou menores, dos lugares onde se colleita. Curros Enriquez referíase a esta circunstancia nun artigo publicado en 1895 na cidade de La Habana, a onde se exportaban: “San Lázaro, Saldo d´o Can, Enxebre, Vieira d´o Miño e Ribeiro (nomes case todos das fincas onde se cultiva)”. Claro que, daquela, fóra do nome, o resto da etiqueta estaba redatada en castelán. Hoxe, non. Afortunadamente a conciencia galega da meirande parte dos nosos adegueiros mudou e publicitanse en galego.

Cando en 2006 presentabamos o libro “Palabras da Terra”, unha fermosa publicación con fotografías de Pío García, e textos de tódolos adegueiros embarcados na aventura de galeguizaren os seus envases, o señor Presidente da Xunta de Galicia, don Emilio Pérez Touriño, na súa intervención naquel emotivo e masivo acto, afirmaba que incorporar a lingua galega á actividade comercial supón, cada vez máis unha decisión vantaxosa para as contas de resultados das empresas. Ademais de consolidarse como a mellor estratexia comunicativa no ámbito empresarial, o galego contribúe a identificar unha referencia xeográfica que pola calidade contrastada dos produtos do país conleva sempre connotacións positivas. Este aserto certifícao, efectivamente, a experiencia de moitos anos nos mercados interiores e exteriores das adegas galegas que xa etiquetan en lingua galega. Non hai ningún atranco ou eiva que desaconselle o uso do noso idioma na relación cos consumidores.

Velai porque os nosos gobernantes deben pular por un proceso galeguizador da economía, e nomeadamente do vinícola. O conselleiro de Medio Rural, Sr. Suárez Canal tamén sostén a opinión de que fomentar a identificación da calidade do noso produto co patrimonio cultural e lingüística galego é unha aposta gañadora. Do mesmo parecer é o pensamento de dona Marisol López, Secretaria Xeral de Política Lingüística, cando afirma que o feito de vender en galego pode determinar un incremento, tanto cuantitativo como cualitativo, no proceso de compra que a este se lle deriva. E a Mesa do Parlamento, que aprobou no ano 2004 o Plan Xeral de Normalización Lingüística, non só vai render homenaxe aos adegueiros con vocación galeguizadora; vai máis aló, porque o seu compromiso coa normalización da lingua galega vai supoñer que a partir de agora nos actos institucionais da Cámara Galega, nos que o protocolo inclúa bebidas, as etiquetadas en galego terán preferencia. E a mesma decisión tomaron os cincuenta concellos máis importantes de Galicia e moitas das súas institucións públicas.

Estamos nun momento decisivo para que os axentes económicos identifiquen as súas mercadorías co sinal de identidade máis importante de noso. Nesta tarefa socrática anda metido o Foro Enrique Peinador, herdeiro daqueles empresarios que como Antonio Fernández, Ramón Obella Vidal (a quen rescataremos axiña do esquecementos) e Enrique Peinador abrazaron hai ben ano, con gran éxito empresarial, a galeguización do País. Foron os precursores da fórmula aritmética I+D+i, que hoxe tanto se cacarexa. Foron uns adiantados no seu tempo, porque xa lle engadiran un sumando máis: o G, de galeguismo. E nesa dirección queremos andar todos: as institucións, os que xa etiquetan na nosa lingua e aqueloutros que, como a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, pulamos un proceso cheo de éxitos.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES