Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cando as mulleres se ergueron

viernes, 13 de marzo de 2020
Un par de libros fálannos desas mulleres que decidiron tomar cartas no xogo social no primeiro tercio do século XX: Veleno de tinta impresa, unha novela de Xosé A. Neira Cruz que acadou o premio Ánxel Fole de Narración Curta e o último traballo da investigadora Aurora Marco, Irmandiñas.

Irmandiñas afonda no coñecemento das mulleres que formaron parte das Irmandades da Fala, na chamada Sección Feminina (nome que logo copiaron os golpistas, sen darlles ningún pudor, e coñecedores de que a Historia esquecería ás primeiras). O libro de Aurora Marco, en palabras de Montse Dopico, “non só reivindica ás asociadas das Irmandades da Fala, senón tamén a moitas mulleres que participaron de distintas iniciativas xurdidas arredor deste movemento: as que formaron parte dos coros e agrupacións teatrais; as socias ou protectoras do Seminario de Estudos Galegos; as militantes do Partido Galeguista; as que traballaron na Agrupación Republicana Feminina; as integrantes do Grupo Feminino do Partido Galeguista de Ourense ou as colaboradoras de A Nosa Terra.

Mulleres, case todas, que foron esquecidas na celebración, no 2016, no centenario da fundación das Irmandades”.

Mulleres que achegaron a bandeira bordada das Irmandades, entre as que destaca a que foi muller de Lugrís Freire e nai de Urbano Lugrís, citada por Avilés de Taramancos como intérprete de piano, baixo o que durmía o poeta para recoller notas e arpexios.

Estas Irmandiñas da Coruña colocaron a cidade tan arriba que a súa caída rachou o espello dunha cidade que a ditadura converteu en funcionarial e de rexeitamento da lingua propia, onde o maior símbolo podería ser o daquel que se dixo socialista e acabou facendo corredores polo Vaticano e aliándose coa dereita máis recalcitrante. Irmandiñas da Coruña que se solidarizaron coas mártires de Sofán e puxeron en pé as Escolas de Ensiño Galego., entre as que destacou, tamén, Micaela Chao Maciñeira, compañeira de Antón Vilar Ponte, e tantas outras como a costureira María Miramontes ou a mestra Elvira Bao, directora das Colonias Escolares do Sanatorio Marítimo de Oza.

Aurora Marco investiga e Neira Cruz novela. Da presentación editorial do seu libro podemos recoller "Elvira Morales, unha moza nacida a finais do século XIX, acaba de rematar os estudos de maxisterio e toma a decisión de apostar polo seu soño de traballar como xornalista nunha sociedade en que ese cometido está reservado para os homes. Con todo, a sociedade coruñesa da época foi berce de figuras femininas que constitúen un referente para a reivindicación e o exercicio dos dereitos profesionais das mulleres: Fanny Garrido, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova... (...) Unha homenaxe ás pioneiras que abriron camiño. "A ficción dun tempo e das mulleres que deixaron unha pegada que o Golpe de Estado borrou e só moito tempo despois se vai descubrindo. Mulleres que acompañaron o camiñar pola liberdade dos homes dos que foroncompañeiras.

Aquel era o tempo no que Emilia Pardo Bazán vivía en Meirás, no que a pedagoga María Barbeito poñía en pé os seus soños, no que Fanny Garrido escribía e traducía compartindo co seu home Marcial del Adalid poemas que el musicaba, no que Sofía Casanova se estreaba como primeira muller correspondente de guerra no estranxeiro, no que María Miramontes cosía para o máis granado da sociedade coruñesa, no que Elvira Bao militaba nas Irmandades da Fala, no que Amparo López Jeán establecería relacións con César Alvear para posibilitar a saga dos Alvear López que continuarían a labor a prol do republicanismo, no que Francisca Herrera se preparaba para ser a primeira muller en acceder á Real Academia Galega, no que Filomena Dato escribía e defendía o papel da muller, no que a pianista Eugenia Osterberger compoñía magníficas pezas, no que María Dolores del Adalid pintaba ou no que Carolina Otero acompañaba príncipes.

Aqueles, os das Irmandiñas e Veleño de tinta impresa, foron tempos que permitiron que as mulleres se ergueran.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES