Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ernesto Cardenal, a viaxe definitiva

viernes, 13 de marzo de 2020
A boina tan negra. A barba tan branca. O sorriso tan limpo. Foise o poeta latinoamericano grande. O político esperanzadoramente desesperanzado con aquela primavera sandinista. O cura trapense que impulsou no arquipélago de Solentiname a comunidade de pescadores e artistas primitivistas cun sentimento relixioso cheo de fondura no marco dunha teoloxía de liberación que non collía no establishment eclesial.

Foi Cardenal un loitador pola liberdade e a xustiza nesta Nicaragua Nicaragüíta onden volven os anos de chumbo da man da sinistra parella acusada de tentar implantar outra dinastía ditatorial no pequeno país mártir. A do excomandante exsandinista Daniel Ortega e Rosario Murillo, esposa e vicepresidenta ávida de poder.

Velaquí o xardín do Edén transmutado nunha xeografía de déspotas da que o pobo, desta volta da man dos estudantes, tenta saír desde que en 2018 estoupara a enésima crise sociopolítica. Enchendo Nicaragua con 650 mortos, torturados, miles de feridos e 88.000 exiliados, según a Comisión Interamericana de Derechos Humanos. Ese mesmo ano, o poeta dedicaría o 'Premio Internacional Mario Benedetti' ao adolescente Álvaro Conrado, unha das primeiras vítimas da ferocidade represora da parella presidencial.

Nos faiados da memoria permanece indeleble a fotografía daquel estraño papa que alineó a Igrexa coas forzas máis reaccionarias e que non podía tolerar a forza liberadora dunha teoloxía para o pobo onde militaba Cardenal. Na icónica foto o dedo índice papal condena ao ministo sandinista de cultura que soportou coa humildade dos xeonllos e a dozura do sorriso a dura admonición daquel papa chegado do frío.

Poeta, escritor recoñecido tivo a ousadía, en 'Oración por Marilyn Monroe', de rezar por un dos símbolos sexuais do s.XX. Escribiu versos de amor en 'Epigramas'. 'El estrecho dudoso'. 'Canto cósmico', crónica do universo e festa da creación. 'Homenaje a los indios americanos'. Ata o último libro, 'Hijos de las estrellas'.

Cómpre reler o 'Evangelio de Solentiname'. E tamén os estremecedores 'Salmos', denuncia profética das ditaduras, o xenocidio dos indíxenas e a inmoralidade e cobiza do poder económico que fai invivible a vida e expulsa a xentiña dos non-países no cordón umbilical das Américas.

Velaquí unha vida chea de versos, de compromiso político, de militancia relixiosa e social que vén de apagarse. No ar, nos libros, na memoria permanecen gravados a lume os versos, as palabras inmorrentes. Din en voz alta que non se pode silenciar a palabra, que non se encadea a poesía.

O limpo sorriso de Ernesto Cardenal está entretecido de canas e versos. Na fotografía, a boina negra, a barba bondadosamente branca deste home de 95 anos que vén de emprender a viaxe definitiva.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES