Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

¿Pódese pasar? (18)

martes, 10 de marzo de 2020
Na terra dos cegos o que ten un ollo...

Aquela Revisión ía lenta porque a análise anímica do Litis, dado o seu polifacetismo, por outra parte tan arrevesado, mesturábase coas visitas, in situ, de tódolos lugares onde actuara ou repercutiran as súas componendas, as súas manipulacións, os seus chanchullos. Aínda que aqueles Inquisidores pasasen con celeridade por certas pasaxes, as outras eran de detención obrigada para ponderalas axeitadamente, con rectitude crítica á luz da verdade, pero buscando posibles atenuantes, piadosas atenuantes, comprensións e tolerancias paternalistas. Nun daqueles episodios:
-¡Eh, rapaces; parade ese proxector e dádelle á reversa!
-¿Que pasa, Tío Marcos; hai algo divertido, eses galaicos contaron algún chiste? ¡Diso non nos decatamos...!
-¡Chiste o teu, querido Fisga, que non estamos para bromas! Pareceume enxergar que podemos ter, nestas secuencias, nas últimas, unha testemuña das de cargo, perfectamente válida; iso á parte e ademais de que se trata dun tipo simpático, un rara avis, que en Churiz, coa desfeita que teñen, tipos así xa non quedan. O que hai nesta Vila, ¡o que había, en pretérito!, é unha temerona de espanto; ¡cantidade! Para empezar, o Bieito, que lles promete o inferno, un inferno seguro, eterno, se non compren con rigor o xaxún da Coresma, ¡así estean cavando na bouza! E logo está ese Aurelio, que pasa nun tris, mutatis mutandis, dos seus camelos xurídicos ás ameazas máis onerosas, ¡e tan teso!
-¿Ameazas onerosas, tipo cazo? ¡Nunca tal oín, pero tampouco me estraña, acostumados como estamos ás grazas celestiais, gratis datis! -Afirmou o Fisga Nove.
-Onerosas, si, que eu entendo aos galegos, perfectamente, así falen en castelán; ¡mellor que vosoutros, por fisgas que sexades! Resulta que este Cubano, ese do Café, empezou a notar que lle deran instrucións, ¡verticais!, ao Cabo da Garda, ao Municipal, para multa-los autos que aparcasen alí abaixo, nas inmediacións do seu “Centro”. De entrada coidei que as "dignísimas autoridades" querían ter un vao, un reservado permanente, gratis, para os seus vehículos, pero como, daquela de Cuba, tamén se lle deran casos similares coa xente do Batista, nada, que ensaiou a perdoárlle-la minuta das consumicións; receita eficaz, pois a partires daquel día o Cabo tivo outras consignas: No sucesivo dedicáronse a molesta-la clientela das outras rúas, devolvéndolle os favores ao Cubano. ¡O que non se lle ocorra ao mangante, ao Litis...; nin que estivésemos en Chicago, daquela da Lei Seca!
-Frei Marcos, ben sei que o encoraxan as estrapucias prevaricatorias, pero faga o favor de calar por un intre con iso do Cubano, que volve a saír en pantalla aquel rapaz do Pelo Pincho, o Simpático. Arestora pregunta polo señor Alcalde...
-¡Atentos, que esta escena promete; promete e vai cumprir, coido que si!
-...
-¿Pódese...? ¡Oia, escoite; díxenlle que se podo entrar! É para falar co señor Alcalde, ¡en persoa!
-¿De que lle quere falar? -Preguntou Ramonciño, medio levantando a vista duns papeis; un tanto avinagrado, feito un Ramonzón desde que seu compadre deu en mandarlle daqueles xamóns, dos sobrantes, dos rancios, á vez que lle retiraban o despacho directo das visitas paganas; ¡das pagadas en efectivo, séxase, clientais!
-¿Pero que de que...; que pregunta? ¿Oia, é que vostede fai de San Pedro neste vilorrio de Churiz? Xa lle direi ao Xefe o que teña que dicirlle, pero eu mesmo, directamente, en persoa, que non preciso tradutores..., ¡por máis que veño da Alemaña, que alí élle outra xente, outra lingua, outra honradez, outra eficacia!
Ramón refungou ante a coraxe daquel emigrante:
-¿Ten hora, ten cita...; pediuna?
O Simpático deixou de lado aquela simpatía habitual que o caracterizaba para poñerse ao nivel das circunstancias locais:
-¡Non; nin a teño nin é preciso, que non estou na consulta do Médico!
Ramón volveu a farfallar en vista de que o Emigrante, xa desafeito daqueles abusos caciquís, seguía sen mete-la man no peto das corruptelas, séxase, no das moedas, ¡máis ben en papel, en billetes do B.E.!
-Daquela preguntareille ao señor Secretario se pode, ou se o quere, recibir..., ¡pero non se pase!
O Simpático peiteábase para atrás; diso xa facía tempo:
-¿Ti es funcionario, ti funcionas, páganche por funcionar?
-¡Oia, un respecto, que eu son Oficial, Oficial Maior deste Axuntamento, o que se di unha Autoridade, así que non se pase, lle repito!
-¿Axuntamento? ¡Agora falaches, que trazas diso hai: un axuntamento homoxéneo, ben axuntado e ben conxuntado, tan recadador coma a pala dun croupier! Mire, eu sonlle un cidadán honrado, que saín polo mundo, descantiá, e traio tódolos meus aforros para este país, tan rico e tan miserento, á vez, asemade; ¡polo mal administrado que o tedes! Daquela coido que non sobran as miñas remesas... ¿Vai entendendo, ou prefire que lle fale en alemán? Sprechen Sie Deutsch? ¡O que queira, mais, se tampouco entende o noso, o galego, daquela dáme igual, que lle podo parlar en italiano, nun italiano fresquísimo; ou nese franchute dos diplomáticos...! No que prefira, que eu, aquí onde me ve, antes de ir para Alemaña, estiven en Suíza, en varios Cantóns, e non precisamente para esconde-los cartos senón para gañalos, ¡honradamente, co meu esforzo! Nacinlle nunha parroquia deste Churiz..., ¡que non é gran cousa, pero algo máis sería se estes parasitos non mamasen dos lugareños!
Outra cousa: ¡sígolle empadroado, aquí, aquí mesmo, e as miñas leiras pagan contribución! Con isto dito, tócalle falar a vostede; e deixe de ollarme con esas laparadas, que estou vacinado, ¡que a min non me hipnotizan vostedes!
¿Que; non chegan estes títulos de cidadanía, os meus, para que me reciba o propio Salmonte?
Ramón achicouse ante a dignidade daquel Simpático; en consecuencia, reencarnouse no corpo do Ramonciño, no de costume, pero só a medias:
-Mire, paisano, déixese de bravatas, que tan mal están nun súbdito. Don Manuel ten as súas funcións, e non está para recibir aos ninguéns. En canto ao Secretario, que don Aurelio se chama, ese recibirao con gusto, que recibe a tododeus, mais iso será tan pronto llo pida eu, ¡se é que llo pido! Mire, con insolencias, aquí en España, o único que vai conseguir, vostede, si, vostede, é un pasaporte..., ¡para ese Tribunal de Orden Público! ¿Sóalle?
Aquel emigrante, tan batido en tantos países, volvérase correúdo:
-¿Insolencias; que me insolento, eu? En calquera caso está ben, señorito folgazán, señorito funcionario. ¡Vale! Fareino doutra maneira, que por tres pesetas dunha póliza, desas que venden no estanco, non deixarei de dicirlle ao propio Alcalde a queixa que ten este cidadán; ¡e que conste que eu son honrado, que honra non é a que vostedes me dean, senón a propia, a que merezo! Vou facer unha instancia, xa mesmo, e daquela volvo, de seguida, con ela na man; unha instancia con copia, ¡na que precisarei un cuño e maila data!
Ramón, ou Ramonciño, ou a mestura dos dous, volveuse TNT a punto de ignición, a punto de estourar:
-¡Váiase..., a onde queira, e como queira, pero ao lonxe!, que mentres o fai, mentres fai de ventre, asegúrolle que avisarei aos Gardas; ¡de momento, aos Municipais! Cando regrese, e procure volver limpo, xa veremos se fala co Alcalde, ou se o Cabo fala con vostede, pero, ¡coa porra na man!
Despois dun breve lapso de tempo, aló dentro, na Secretaría:
-Don Aurelio, que ese home non me fai caso, que xa lle expliquei o incidente, de pé a pá. ¿Que fago, que fago eu, agora? Pondere que este emigrante quedou de volver, ¡cunha instancia na man! ¡Élle de malas pulgas!
-¡Que volva, que xa se recibirá..., iso, a instancia! Outra cuestión é contestarlla. ¿Contestar unha instancia...? Para iso terá que esperar tres campañas, desas de dous anos...; ¡ata que o xubilen nas dúas Alemanias, nas dúas á vez; quere dicirse, ad calendas graecas!
Ramonciño víase atrapado, coma nunha vagada, entre dous fogos e cos lobos fuxindo polo foxo, de par súa, que tal estivera no verán último, daquela que axudou a apaga-lo lume porque perigaba unha chousa propia, unha das herdadas de seu tío, que noutro caso..., ¡un Oficial é un Oficial!
-Don Aurelio, teño que insistir: ¿que lle parece que pode pasar se non lle rexistro esa copia; coido que virá cun Notario? ¡Se vise en que plan se me puxo...!¡Lapeaba!
-¿Ramonciño, ti es un home ou un coello? Por selar que non quede; e se non se larga á présa, daquela poslle un cuño..., ¡dous, pero no traseiro, con esas botas, coas túas, rexas, de Monforte, ! ¡Emigrantes, a min..., plin!
Momentos despois:
-...
-¿Que; non veu ese Alcalde? -Preguntou, outra volta, aquel Simpático, de pé diante do mostrador e coa flegma dun home de mundo.
O Oficial, cun aceno significativo, engurrando o cello:
-Vir, veu, pero coma se non, que está reunido co Secretario.
-Entón esperarei, aquí mesmo, xa que non me manda pasar! Pero déixeme unha cadeira desas, que todas están dese lado do seu valado.
-Como non o faga no chan..., que estas cadeiras sonlle da Oficina; mais aforra de sentarse, que perde o tempo, que xa lle dixen que sen cita previa aquí non reciben aos ninguéns; ¡ningún dos dous!
-Pois, neste caso..., pon aquí eses cuños do teu Rexistro. No teu, non; aquí, na copia, na miña, que xa me contestarán, ¡pola conta que lles ten! E que me dean as grazas por non facérlle-la instancia en alemán, que con este pasaporte resgárdame o país que mo fixo. ¡Auf wiedersehen!
Na Secretaría: Aurelio, sentado, e o Salmonte, en pé. Daquela entra o Oficial mostrándolles a instancia do Simpático:
-...
-Ramonciño, ¿que di ese tunante, nesta petición?
-Pois..., reclama a reposición ao estado primitivo da finca invadida. Trátase dese camiño público que lle deixaron incorporar ao Lucas do Barreiro, ese amigo do meu compadre...
O señor da vara, algo nervioso por aquela instancia insólita:
-Aurelio, ¿lémbraste de como trangallamos iso, esa reparcelación do Barreiro? ¡Van tantas, que me confundo!
Tranquilizouno Aurelio. Aquel deus, aquel Xúpiter, manexaba os raios perfectamente, con boa memoria, que é a principal arma dos mentireiros; tanto para fulminar como para disolve-las chispas no seu puño ensortellado:
-¿Manuel, ti, outra vez acolloado? Este caso é un chisco de borralla, unha pabea, que todo se fixo, absolutamente todo, en boa xustiza municipal, conforme ao noso dereito, ao noso! Lémbrate de que entre a Extensión Agraria e mailo Concello argallamos aquela pista, en boa pragmática, dándolle carácter de camiño agrícola..., ¡que o é porque permite chegar cos cadáveres dos labregos, directamente ao cemiterio parroquial! E para que iso quedase axeitado, de paso borrámo-la corredoira, rechea coa pedra das paredes contiguas. ¿Lémbraste agora? ¡Aquí, nos, ordenamos e mandamos, e das leis facemos regulamentos, que para iso estamos..., ámbolos dous!
Salmonte, algo cohibido, ou menos satanizado, ¡aínda!
-¿Pero, chacho, ese camiño, o de mete-los mortos no cemiterio, é ou non é agrícola?
-¡Manolón, naturalmente que é agrícola, ao cento por cen! ¿Ou é que os mortos desa parroquia non son labregos? Ese camiño está feito, ben feito, para cento un anos, pero fíxose con ese rapaciño ausente, que estaba na Alemaña, ¡do que ninguén lle tivo culpa! Certo é que houbo que meterse, aínda ben, no seu horto, para que non levase curvas, que o Párroco quixo que se puidese chegar ao cemiterio en liña recta, desde a propia igrexa, ¡para que non se lle esparexese antes de tempo esa xente, eses que adoitan afrouxa-los responsos! Como ves, todo é unha cuestión económica, ¡de economía pura!
-¡Sendo así...! -Manuel, ás veces, remiso á lóxica do Secretario, pero acababa entregándoselle, sempre, indefectiblemente. -¿A que vén iso de que reclame? Se eu estivese aquí, daquela resolvíallo, de seguida: ¡Mira, ho, o que vai a Castela..., que se foda! ¡Quéreno todo: queren emigrar, forrarse coas divisas, chegar a ter un Mercedes, así sexa de segunda..., e mentres, que lles coide eu, Perito e Alcalde, todo á vez, das súas leiras; que lles mire polos propios intereses...! ¡Queren a lúa!
-A cuestión de fondo, querido Manuel, é que reclama o por que lle consentiches ao Lucas desempareda-lo camiño, o vello, o que non se utiliza desde que se alcatreou esa pista. Nisto, que veu o tal Lucas, oportunamente, aproveitándose da ausencia do alemán, e daquela meteu na horta, na súa, o terreo resultante; o antigo e mailas folganzas do vial, ¡que todo se lle facía pouco!
Manuel, alterado polo incidente, bravo cos débiles e manteigoso cos audaces, pedía papas; ¡de árnica que fosen!
-Aurelio, ti estiveches conforme con todo iso, que incluso me falaras da súa legalidade; lémbrome agora, perfectamente, así que, ¡esa mosca átala ti!
-Non é fácil, que este non saíu tarugo coma os outros, que puxo na instancia que dispón dunha fotografía aérea, que lla deixaron reproducir no Catastro, pola que demostra que a súa finca foi a única prexudicada, a única diminuída, a que soportou enteiramente ese camiño, esa pista. Alega que houbo unha prevaricación, unha ocupación sen previa expropiación, e que encima diso non o foi por causa de utilidade pública. Reclama que se lle compensen esas superficies, amén dun longo etcétera. Non hai dúbidas de que ese tío é valente, coma un lobo da Serra. Ou é que está aconsellado por un bo asesor; ou bo asesor, ou da parte de arriba, se cadra de moi arriba..., ¡que igual ten parentes en Madrid!
-¡Cómame nunca o diaño! ¿Secretario, daquela, que facemos?
-Esíxenos unha certificación do Concello na que se concrete se lle demos ese camiño, o vello, definitivamente, ao Lucas; ou se, do contrario, ese Lucas se apropiou de bens municipais...; ¡todo iso para enfoca-la súa defensa! Non te vou enganar, que o dilema non é cativo. Para que o entendas: Se lle contestamos que si, que se lle deron ao Lucas esas folganzas, graciosamente, ¿que defensa fixemos, nos, do patrimonio municipal? Daquela, contencioso ao Concello por..., por alleación indebida, malversación de caudais públicos...; ¡cousas así! Pola contra, se lle certificamos que foi un asunto privativo do Lucas, de propicia iniciativa, co leite tan agre que se gasta ese Lucas, ¿como o defendo, eu, ou como nos libramos da súa caxata, da do Lucas, co bruto que é, e co que lle mangamos daquela, de extranxis, para consentirlle que ampliase a súa horta á conta dese veciño? Por parte, ti non queres líos cos emigrantes, ¡que son os mellores clientes da nosa urbanización...!
.../...
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES