Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galicia, Turismo, 2008

viernes, 14 de marzo de 2008
Sempre estivo claro: O turismo a Galicia non viña buscando sol, aínda que tamén podía atopalo.
A Galicia víñase e vense buscando paisaxes, costumes, monumentos, gastronomía. Galicia é o final dos camiños, e conforma unha gran ruta de peregrinación ou de turismo que desde hai milenios nos converte en destino de tódalas invasións, pacíficas ou guerreiras. E o Turismo xa é unha invasión (pacífica), que temos que procurar canalizar de xeito que para Galicia sexa un xerador virtual (o noso petróleo) para facer camiñar no futuro a nosa economía e polo tanto a nosa vida.
¡Que camiño levamos feito desde aqueles anos sesenta do desenvolvemento e dos paradores, en que tivemos conciencia de que comezaban a chegar os turistas -Primeiro, notamos as turistas, rompendo moldes- intuíndo que ían marcar un cambio radical na nosa existencia, a través primeiro dun dinamismo inusitado nun sector que sobre a marcha ía aprender a facer camiño.
Visto desde agora, corenta anos despois, as cousas foron evolucionando “rapidamente”. As tascas íanse convertendo en bares e cafeterías, as casas de comidas evolucionaban a restaurantes e as casas de hóspedes e pensións transformábanse en hoteis e residencias. E nacían aparthoteis e campings. Fomos sabendo o que era o menú turístico, aprendemos a teoría da propina, saboreamos aperitivos, aprendemos receitas… Saiamos dunha época de fame secular e entrabamos en Europa precisamente porque Europa entraba en nós.
España podería ser diferente, que nós non xogabamos a iso. Galicia é única. Galicia sempre tivo Compostela, e iso foi vital.

O Camiño de Santiago
Nos anos sesenta non había memoria do Camiño de Santiago. Don Elías -Elías Valiña Sampedro- crego do Cebreiro, foi o gran apóstolo do Camiño estudándoo, proclamándoo, marcándoo mesmo fisicamente.
Álvaro Cunqueiro, nunha viaxe polo Camiño, descubría asombrado que os nenos do Cebreiro non sabían o que era un peregrino, e noutro punto da ruta atopou un informante que apuntaba que había dous anos pasara un peregrino por alí.
A verdade é que en Galicia traballouse con xeito no impulso do Camiño de Santiago. E o mérito hai que asignarllo a Portomeñe, a Pérez Varela, ou ó xefe Fraga, que a fin de contas foi quen descubriu o turismo para España. Pero aí temos o Camiño de Santiago, como o mellor recurso turístico de Galicia.
O vello Camiño francés a Compostela, marcado, perfilado, potenciado, fixouse de tal maneira dentro de nós, en toda España, en toda Europa, que hoxe é a primeira ruta de occidente.
O Camiño trouxo consigo a inquedanza polo Itinerario, e con el recobrouse a memoria de tódolos demais camiños: O da Prata desde o sur de España; o de Portugal, o do Mar, o dos Ingleses, o do Norte… E o primeiro de todos, o Camiño Primitivo, que ven das terras de Asturias e pasa pola Lucus Augusti da nosa historia para unir a cidade do Salvador de Oviedo coa capital sacramental do Antigo Reino de Galicia, e a esta coa capital de Occidente onde o Apóstolo atopou eterno descanso en loor de multitudes que medra co paso dos séculos.
Temos xa Galicia cruzada por camiños históricos a Compostela, inzada de modernos establecementos hostaleiros e hoteleiros, con centos de praias onde as augas son frías pero transparentes (meigas fóra¡), onde as paisaxes permanecen a pesar das agresións da construción irracional. Galicia segue a ser única.

As Augas caldas
Parece como se Galicia se estivese preparando desde o comezo dos tempos para este momento. Para ter precisamente agora o seu maior protagonismo, especialmente polo que ó turismo se refire.
Porque ó xa indicado da modernidade nas instalacións, das praias e no fenómeno do Camiño, podemos engadir dous aspectos imprescindibles para completar o panorama actual do turismo galego como é o turismo termal e o turismo rural.
O turismo termal, con dúas ducias de balnearios distribuídos por toda Galicia, é o xeito máis intelixente de aproveitar esas fallas da natureza por onde asoman augas caldas tan apreciadas por aquí desde que os romanos nos ensinaron a utilizalas hai vinte séculos.
Só cómpre que nos convertamos nalgún momento nun país máis adiantado e, como ocorre polo mundo adiante, se inclúan as prestacións balnearias entre as que corren por conta da Seguridade Social, para darlle o impulso definitivo a unha infraestrutura ampla e podente que superou a languidez do comezo dos anos vinte e o esmorecemento de mediados do século pasado cando os balnearios chegaron a ser cousas de vellos e símbolo de decadencia.
Hoxe o turismo balneario en Galicia ten xa personalidade propia. E aquel vello “tomar as augas” dos nosos avós evolucionou a unha industria do lecer e da saúde, que ten moito que dicir na actualidade e no futuro da comunidade máis turística de España.

Turismo total
Pode parecer inadecuado o de asignarlle a Galicia o papel de comunidade máis turística de España, pero o certo é, e supoño que moitos de vós, lectores, o teredes experimentado, que en calquera punto do Estado, por fermoso que resulte, cando xorde o nome de Galicia, sempre hai alguén que lembra unha viaxe feliz a unha terra sempre verde, con miles de praias, onde se come de marabilla, onde os monumentos se funden coa paisaxe, onde hai unha forza interior -“gallegos de lluvia y calma”, chamounos Miguel Hernández- que nos obriga a vivir dunha forma diferente dos demais. Conservando pero non escondendo; con tódalas portas abertas, sabendo que ese é o mellor xeito de protexer o que é noso.
E por fin o turismo rural. O máis directamente apegado á terra, que naceu hai moito tempo cunha campaña que se chamou “Vacaciones en casas de labranza”, e que en Galicia callou moi directa e intensamente dando lugar a que centos de pazos, casonas e casas grandes se rehabilitasen, se preparasen para acoller a turistas de fóra ou de dentro, e se especializasen en ofrecer produtos da zona a quen a elas chega.

Agarimo ancestral
Moi esquematicamente, velaquí a Galicia turística de hoxe, que vai de Santiago a Fisterra, do Cebreiro a Cabeza de Manzaneda, de A Guarda a Ribadeo. Un país con mil ríos onde os deportistas pacientes poden practicar a pesca, con montes e cotos de caza menor e maior para os aventureiros da caza, onde os que buscan o risco practican parapente e os tranquilos sendeirismo, onde os afeccionados á fotografía levarán as mellores xoias na súa memoria dixital. Unha terra onde os gastrónomos vivirán experiencias deliciosas, os devotos da monumentalidade quedaranse de pedra, os que teñen fe gozarán dela en Compostela ou na máis pequena capela rural, e os que buscan algo diferente conseguirán atopar a diferenza suprema dunha terra aínda virxe, inocente sempre, con xentes que reciben ó viaxeiro co agarimo ancestral herdado dos devanceiros que hai mil anos atendían ós peregrinos á capital de Occidente.

Galicia, turismo, 2008. Hai que vivila.


Nota final.- Xa sei que en definitiva isto parece un anuncio. Pero eu síntoo así. Galicia é moito mellor ca o mellor dos anuncios.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES