Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Luis Villares, Señoría!

viernes, 06 de marzo de 2020
Eu a idea que tiña de Luis Villares era a de un bo rapaz, espabilado, valioso, que de repente se mete en política para romperme os esquemas que eu tiña formados del.

Cando saíu á palestra política, eu non o lembraba, pero Isidoro Rodríguez, capitan daquel fermoso proxecto cultural lucense que se chamou María Castaña, falaba e non paraba daquel rapaz que ao final dos anos noventa participaba en Televisión Lugo nos programas nos que interviña María Castaña.

Porque naquela Televisión local ilusionante, na que participaban todos os lucenses que o desexaban e tiñan algo que dicir, María Castaña tiña un papel esencial tanto en baile e canto como participando os seus membros como se dunha escola televisiva se tratase, como presentadores e actores que, se a eles os realizaba, a nós nos afirmaba no papel de dinamizadores culturais dunha sociedade como a lucense.

Velaí que cando me reencontró con Luis Villares exerce como maxistrado no Tribunal Supremo de Galicia e, de súpeto, renuncia temporalmente a ese singular papel para lanzarse a un territorio que normalmente está reservado a aventureiros que buscan un lugar baixo o sol, con sustancioso soldo impropio dun primeiro emprego, na que o “primum vivere” so se ve superado polo “sálvese quen poida”, tendo en conta os supremos intereses que hai que defender, onde os propios non sempre se someten aos públicos.

Despois dun tempo convulso onde nada lle resultou, quizais, como pensaba, Luis Villares volve ao seu posto de xuiz, cansado dun breve e intenso período de proba no que resultou escaldado, agobiado por Anova, Podemos, Esquerda Unida ou En Marea; nomes de anacos que se fosen unidos con seriedade poderían ser algo importante para o país.

Eme simpático Luis Villares, mesmo porque volvín atoparme persoalmente con el na Campa de Santa Sabela de Outeiro de Rei, no cabodano de Manuel María, e ten algo de cercanía, de agarimo, de amistoso, dialogante, agradable… e deséxolle na súa volta á normalidade xudicial –que tamén ten as súas cousas pero nada que ver co avispeiro da política- que teña a festa en paz, e que a súa profesión lle resulte grata e tranquila para curar feridas e comprobar que para a política hai que ter un temple especial, camiñar lixeiro de equipaxe, ter anchas as costas, e vestir prendas que non doan.

Eu non vexo a un xuiz metido en política –mundos distintos, reglas opostas se é que hai reglas; nada que ver- e deséxolle ao lucense amigo a mellor volta á casa; mesmo a volta á casa do fillo pródigo que volve ao fogar despois de derrochar a mans cheas intelixencia e vontade, e de chocar contra muros aos que non vale a pena intentar derrubar.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES