Como debe ser!!! Como unha máis. Así me sentín no 3º Encontro da Axenda Feminista Galega. Non sería motivo de comentario se non fora porque somos as grandes ausentes nestes foros. Falar entre iguais é prioritario. Necesitamos espazos de loita compartidos. Sen coñecemento non podemos poñernos no lugar da outra persoa e desterrar

prexuízos. Case sempre a diversidade funcional tapa a dimensión de muller. Por iso, a violencia que se exerce sobre as mulleres dependentes é descoñecida, non se aborda nin aparece nas estatísticas.
Quero agradecer ao Foro Feminista Maruxa Mallo a invitación que me permitiu dar voz a un colectivo excluído e que no documento As 25 prioridades, presentado aos partidos políticos con motivo das próximas eleccións, estivera presente a muller con diversidade funcional. Dedicar un apartado especial dentro do marco das mulleres non debía ser necesario, pero é un primeiro paso. Representa unha oportunidade máis no lento camiñar cara unha verdadeira inclusión. Non somos distintas. Temos os mesmos problemas, pero con moitos matices engadidos.
Vivimos nun mundo no que a imaxe, a estética, o físico
se consideran valores fundamentais. Ser muller e ter unha diversidade funcional leva consigo unha dobre discriminación. É unha combinación que deriva en situacións de desvantaxe porque nin o entorno familiar, nin o escolar, nin o laboral, nin o social xeran demasiadas expectativas de éxito. Non é frecuente vela nun anuncio, nun desfile
porque non responde aos patróns de beleza e de normalidade establecidos.
Urxe consolidar un apartado feminista dentro do movemento da diversidade funcional para que non se nos considere un grupo homoxéneo. Empecemos por usar terminoloxía que elimine termos despectivos e que non dilúa a perspectiva do xénero. Obvialo leva a un mundo invisible onde campan facilmente a inxustiza, a explotación, o maltrato, o abuso
Hai que poñer o acento na persoa e no valor da diversidade humana.
É lamentable que aínda teñamos que sopesar e analizar temas tan básicos como a accesibilidade, a única condición que puxen para poder asistir ao Encontro. Non incapacita o déficit da persoa, senón a ausencia de respostas. Un lema di que É tempo das mulleres. No Día Internacional da Muller 2020, eu engadiría con diversidade funcional.